Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2013 Páx. 28721

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia das instrucións necesarias para unha correcta aplicación do Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

Visto o anexo en que se recollen as instrucións necesarias para unha correcta aplicación do Acordo do 27 de marzo de 2013 para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, acordadas na reunión que tivo lugar o 21 de xuño de 2013, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de outubro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO

Acordo para o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda
do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia

Instrucións sobre o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda

O pasado 27 de marzo de 2013 asinouse o Acordo para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do convenio colectivo único da Xunta de Galicia polo que cómpre ditar unhas instrucións coa finalidade de acadar unha correcta aplicación del.

Primeira. Requisitos para o acceso á xubilación parcial

Poderá acceder á xubilación parcial o persoal laboral da Xunta de Galicia que cumpra os seguintes requisitos:

a) Atoparse incluído no anexo do devandito acordo que foi remitido ao Instituto Nacional da Seguridade Social o pasado 15 de abril de 2013 (este anexo atópase á súa disposición na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais da Dirección Xeral da Función Pública).

b) Ter cumpridos os sesenta e un anos ou sesenta se ten a condición de mutualista con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1967.

c) Acreditar trinta anos de cotización. No suposto de persoas con discapacidade ou trastorno mental abondarán vinte e cinco anos de cotización.

d) A persoa traballadora que se xubila parcialmente deberá concertar coa Xunta de Galicia un contrato a tempo parcial, reducindo a xornada de traballo e o salario, entre un mínimo dun 25 % e un máximo do 75 % da xornada de traballo dun traballador a tempo completo comparable.

e) Acreditar un período de antigüidade na empresa de, polo menos, seis anos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial.

f) É necesario que a empresa concerte simultaneamente un contrato de remuda con outra persoa traballadora desempregada, excepto no suposto de que a persoa que acceda a esta modalidade de xubilación teña máis de 65 anos de idade.

g) Que exista unha correspondencia entre as bases de cotización do traballador remudista e do xubilado parcial, de modo que a correspondente ao traballador remudista non poderá ser inferior ao 65 por 100 da media das bases de cotización correspondentes aos seis últimos meses do período de base reguladora da pensión de xubilación parcial.

Segunda. Incompatibilidades

A xubilación parcial é incompatible nos seguintes supostos:

a) Co desempeño dun posto de traballo a tempo completo.

b) Co desempeño dun posto de traballo a tempo parcial ou baixo a modalidade de fixo-descontinuo.

c) Coas pensións de incapacidade permanente absoluta e grande invalidez, ou de xubilación. O recoñecemento dalgunha destas pensións produce a extinción da xubilación parcial.

d) Coa pensión de incapacidade permanente total para o traballo que se preste en virtude do contrato que deu lugar á xubilación parcial. O recoñecemento desta pensión produce a extinción da xubilación parcial.

Terceira. Procedemento das solicitudes de xubilación parcial

1.O procedemento iniciarase por instancia da persoa interesada presentando perante a Secretaría Xeral Técnica ou órgano competente en materia de persoal da súa consellería de destino:

• Escrito que recolla nome, apelidos, documento nacional de identidade, enderezo, grupo e categoría profesional, porcentaxe da xornada de traballo que solicita realizar e a súa forma de acumulación.

• Modelo de certificado de empresa que está á súa disposición na páxina web ou nas delegacións territoriais do Instituto Nacional de Seguridade Social, do cal se cubrirá soamente a parte correspondente aos seus datos (poñerase un enlace de acceso a este modelo na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública).

2. Recibida esta solicitude, a dita consellería solicitará da Dirección Xeral da Función Pública a selección do remudista empregando o Decreto 37/2006,ou norma que o substitúa, e, de non ser posible, acudirase ao Servizo Galego de Colocación, de conformidade co disposto no artigo 7.5.b) 2 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, agás no suposto establecido no parágrafo segundo da instrución cuarta. Para poder formalizar este tipo de contrato é requisito necesario que o remudista se atope en situación de desemprego, entendéndose por tal aquela persoa que non estea en situación de alta na Seguridade Social.

3. Con carácter previo á formalización dos contratos co xubilado parcial e co remudista, a Dirección Xeral da Función Pública poñerase en contacto co Instituto Nacional de Seguridade Social coa finalidade de determinar se ambas as persoas poden subscribir aqueles contratos.

A consellería deberá realizar as xestións conducentes a acadar un acordo co xubilado parcial en canto á redución da xornada e a forma de acumulala. Os ditos acordos incorporaranse como cláusulas adicionais ao modelo do contrato que no seu momento se formalice.

Con carácter xeral, a parte da xornada que subsista para o/a traballador/a parcialmente xubilado acumularase anualmente a xornadas completas, sexa nun único prazo ou en varios prazos temporais, agás acordo entre o traballador e a súa consellería de destino.

4. Recibida por parte do INSS a confirmación da consulta formulada, a Dirección Xeral da Función Pública poñerase en contacto coa dita consellería, para que esta, unha vez formalizados os contratos co xubilado parcial e co remudista, remita copia compulsada deles a aquela, e devolva á persoa interesada o certificado de empresa debidamente cuberto.

5. A continuación, a persoa interesada deberá remitir á delegación territorial do Instituto Nacional de Seguridade Social onde teña a súa residencia a seguinte documentación:

a) Modelo da solicitude da prestación e addenda.

b) Fotocopia compulsada do DNI.

c) Certificación de empresa para a xubilación parcial.

d) No caso de que a solicitante sexa muller, copia compulsada do libro de familia para verificar a existencia de fillos/as.

e) Copia compulsada do libro de familia, no caso que desexe que se lle apliquen os beneficios por coidado de fillos.

f) No caso de ter familiares ao seu cargo que desexe que se inclúan como beneficiarios da asistencia sanitaria, deberá acreditar a súa identidade e o parentesco.

g) Copia compulsada do contrato a tempo parcial subscrito coa persoa que acceda á xubilación parcial.

h) Copia compulsada do contrato de remuda subscrito co remudista.

6. A baixa e alta do xubilado parcial e a alta do remudista deberán ser gravadas pola correspondente consellería na aplicación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de xeito asociado.

Cuarta. Limitacións para a formalización do contrato de remuda

1. Así mesmo, debe considerarse que ao formalizar o contrato de remuda se producirá unha mellora de emprego, o que determina que non será posible que un laboral temporal cese voluntariamente da súa última vinculación para subscribir esta modalidade de contrato; nin que un laboral temporal con contrato de interinidade sen data certa de extinción, poida extinguir a súa vinculación para formalizar este tipo de contrato.

2. No suposto de que unha vez formalizado o contrato co remudista, este se extinga por calquera causa, no prazo de 10 días deberá comunicarse á correspondente delegación territorial do Instituto Nacional da Seguridade Social, o novo contrato de remuda realizado co substituto daquel, para dar cumprimento ao dito prazo, o remudista será seleccionado directamente polo Servizo Galego de Colocación.

Quinta. Efectos económicos

Prodúcense desde a data en que se inicie a nova xornada laboral reducida.

O/a traballador/a xubilado/a parcialmente percibirá a parte proporcional do salario que lle corresponda en función da xornada traballada, remuneración que percibirá mensualmente con independencia da acumulación da xornada en xornadas completas.

Sexta.

O/a traballador/a xubilado parcialmente ao abeiro do Acordo do 27 de marzo de 2013 estará obrigado a solicitar a xubilación ordinaria ao cumprir a idade de xubilación ordinaria prevista no artigo 161.1.a) e na disposición transitoria vixésima da Lei xeral de seguridade social, data en que se extinguirá a súa relación laboral coa Xunta de Galicia e pasará á situación de xubilado total para todos os efectos.

Aqueles traballadores que superen a idade ordinaria de xubilación poderán acceder á xubilación parcial por un prazo máximo dun ano, sempre que soliciten unha vez rematado o dito prazo o seu pase a xubilación ordinaria, co cal se dará por extinguida a súa relación laboral.

Sétima. Comisión de seguimento

Constituirase unha comisión de seguimento do Acordo para a xubilación parcial e o contrato de remuda integrada polas organizacións sindicais asinantes deste acordo e pola Administración.

Semestralmente informarase a comisión das solicitudes de xubilación parcial tramitadas en virtude do acordo, así como das incidencias que se poidan producir na súa tramitación.