Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2013 Páx. 27820

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 106/2013, do 27 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de mellora do abastecemento de auga no concello de Carballeda de Valdeorras.

O Concello de Carballeda de Valdeorras, en sesión celebrada o día vinte e seis de outubro de dous mil once, aprobou o proxecto das obras de mellora do abastecemento de auga, e na do vinte e sete de decembro de dous mil doce acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e o mesmo contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o Concello e o informe do técnico municipal, na actualidade o abastecemento de auga ao Concello de Carballeda de Valdeorras prodúcese por unha antiga tubaxe de fibrocemento de moi difícil acceso, o que dificulta os labores de mantemento e as necesarias obras para evitar as numerosas avarías e cortes na subministración.

Esta situación fai necesaria unha nova captación en condicións aceptables desde o punto de vista hixiénico e funcional. Para levar a cabo esta obra cómpre dispor dos terreos necesarios e, en consecuencia, xustifícase a declaración de urxencia e a urxente ocupación por tratarse dun servizo básico e obrigatorio.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de mellora do abastecemento de auga no concello de Carballeda de Valdeorras, debendo, no seu caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza