Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 11 de xullo de 2013 Páx. 27677

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Palas de Rei, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2012/14-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro. O 3.7.2012 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Palas de Rei (Lugo), acompañada do preceptivo proxecto.

As características básicas das instalacións son as seguintes:

A subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de GNL (gas natural licuado), que se instalará nunha parcela situada ao noroeste do polígono industrial do núcleo urbano de Palas de Rei, e desde a que partirá a rede de distribución cara a este núcleo urbano. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución, en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bares e cun diámetro de 160 mm, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Palas de Rei.

– E unha rede secundaria de distribución, no mesmo rango de presión e cun diámetro menor de 160 mm, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable de 160 a 63 mm, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede proxectada é da orde dos 6.277 metros, dos cales 2.582 metros corresponden á rede básica e 3.695 metros á rede secundaria.

O orzamento ascende á cantidade de oitocentos vinte e un mil cincocentos sesenta e seis euros con oitenta e sete céntimos (821.566,87 €).

Segundo. O 6.7.2012 esta dirección xeral ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.7.2012 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia e, en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 3.9.2012 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública o devandito proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Palas de Rei (Lugo).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.11.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 30.11.2012 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 13.11.2012, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Palas de Rei durante un prazo de vinte días.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 1.2.2013 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto de autorización administrativa.

Fundamentos de dereito

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e na Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Palas de Rei (Lugo), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento desta autorización administrativa, unha fianza por valor de 16.431,34 euros, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, podendo os anteditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, previa a correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as súas normas, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa que se outorga afecta o termo municipal de Palas de Rei, na provincia de Lugo, e prevé a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., con referencia 13760 C.D. 6.5.39 e data xuño-2012, e subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia).

Quinta. Esta autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas