Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2013 Páx. 26361

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inscrición do castelo de Sobroso no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

En decembro de 2012 entrou na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural certificado do acordo do Pleno do Concello de Mondariz, do 24 de novembro de 2012, no cal se insta á inclusión do castelo de Sobroso no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Mediante o Decreto do 22 de abril de 1949, sobre protección dos castelos españois, todos os castelos de España, calquera que sexa o seu estado de ruína, quedan baixo a protección do Estado, e no seu artigo cuarto establécese que se proceda a redactar un inventario documental e gráfico o máis detallado posible dos castelos existentes en España.

A disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, establece que se consideran de interese cultural e quedan sometidos ao réxime previsto nela os bens a que se contraen os decretos 571/1963 e 499/1973, do 22 de abril de 1949. Pola súa parte, a disposición adicional primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, dispón que todos aqueles bens mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que fosen declarados de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei pasarán a ter a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes. Por tanto, en virtude do disposto nesas disposicións legais, conclúese que o castelo medieval de Sobroso, localizado en Vilasobroso, no concello de Mondariz, xa posúe a condición de ben de interese cultural.

En consecuencia, vista a solicitude do concello de Mondariz, o informe técnico do Servizo de Planeamento e Inventario e o pronunciamento favorable da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra, emitido na súa reunión do 9 de abril de 2013, en exercicio das competencias que esta dirección xeral ten recoñecidas no artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, que desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

ACORDO:

Primeiro. Ordenar a inscrición do castelo de Sobroso, situado no concello de Mondariz, no Rexistro de Bens de Interese Cultural, segundo o disposto no artigo 14.1 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo. Publicar o presente acordo no Diario Oficicial de Galicia para xeral coñecemento e notificalo ao seu titular e ao Concello de Mondariz.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2013

Maria Carmen Martinez Ínsua
Directora Xeral do Patrimonio Cultural