Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2013 Páx. 25912

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras das axudas á internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2013, en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 5 de febreiro de 2013 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas á internacionalización das empresas galegas, facultando o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á internacionalización das empresas galegas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao 80 %, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5.

Segundo. Convocar, para o exercicio 2013, en réxime de concorrencia non competitiva, as seguintes liñas de axuda das bases reguladoras das axudas do Igape á internacionalización das empresas galegas:

1. Liña misións inversas (procedemento IG124).

2. Liña prospección internacional (procedemento IG173).

3. Liña primeira implantación promocional conxunta no exterior-Plan Primex (procedemento IG158).

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para as liñas sinaladas cos números 1 e 2 e dous meses desde o día seguinte ao da publicación para a liña sinalada con número 3. No caso de que o día final do prazo coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

No caso de que en virtude das solicitudes presentadas e resoltas favorablemente se esgote o crédito orzamentario, poderase pechar anticipadamente a convocatoria. O esgotamento do crédito e a non admisión de solicitudes posteriores publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape ww.igape.es

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria das liñas anteriores aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria: 08.A1.741A

Nº conta:

7708

7814

7451

Total

Beneficiarios

(Empresas)

(Organismos intermedios)

(Consellos reguladores)

2013

10.000

450.000

40.000

500.000

2014

450.000

40.000

10.000

500.000

2015

7.400.000

580.000

20.000

8.000.000

Total

7.860.000

1.070.000

70.000

9.000.000

Quinto. O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo da declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Sexto. Os requisitos das alíneas c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) á internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva.

Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das nosas empresas.

Unha aposta que se plasma no plan re-Forza, o Plan estratéxico 2010-2014 e o diálogo social cos axentes sociais. En todos os casos, a internacionalización empresarial constitúe en si mesmo, un obxectivo estratéxico para Galicia, cara ao cal se dispoñen recursos humanos e orzamentarios moi importantes para acadar o salto de calidade das nosas empresas nos mercados exteriores.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance liñas de axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países receptores das exportacións galegas e a diversificación dos sectores exportadores.

Con esta finalidade ofrécese axuda económica para o desenvolvemento da estratexia de internacionalización das empresas, contribuíndo financeiramente á execución de plans específicos de promoción. Así mesmo, considérase tamén que se deben primar as accións promocionais conxuntas por parte de empresas galegas mediante maiores niveis de apoio en canto que permiten un uso máis eficiente dos recursos.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos que se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos.

Dada a situación económica actual en que as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, e manifestan unha menor taxa de internacionalización, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axudas para a procura de novos mercados internacionais ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social a través da súa internacionalización.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles.

Estas liñas de axuda compleméntanse coa liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización e cos servizos do Igape á internacionalización, entre os cales cabe destacar o apoio en destino a través da Rede PEXGA de plataformas da Xunta no exterior, o diagnóstico de capacidade de internacionalización empresarial, o asesoramento e asistencia técnica en orixe, plans país sectoriais, información sobre mercados, así como os servizos de formación e información, organización de accións promocionais de participación agrupada, rede de empresarios e profesionais de orixe galega, rede empresarial europea, difusión da oferta exportadora galega e calquera outro que solicite o empresariado galego dentro dos medios e recursos dispoñibles do Igape (www.igape.es).

Artigo 1. Proxectos subvencionables

1.1. Os proxectos obxecto de apoio serán aqueles que promocionen e faciliten o acceso das empresas galegas ao exterior e incentiven a súa internacionalización. O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido sobre os gastos subvencionables realizados polos beneficiarios que teñan a sede efectiva da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia na execución de actuacións dirixidas á promoción internacional de produtos elaborados, comercializados e/ou servizos prestados, sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos nestas bases para cada unha das liñas de axuda.

1.2. As liñas de axuda do Igape serán as seguintes:

Liña 1: liña misións inversas.

Liña 2: liña prospección internacional.

Liña 3: liña primeira implantación promocional conxunta no exterior-Plan Primex.

1.3. Quedan excluídas as axudas á exportación. Debe entenderse por axudas á exportación aquelas directamente asociadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e ao funcionamento dunha rede de distribución e aos gastos correntes derivados da actividade exportadora.

1.4. No caso de solicitudes de empresas, o solicitante debe ser o beneficiario final dos servizos para os cales se solicita axuda, é dicir, debe tratarse de servizos encamiñados a internacionalizar a propia empresa solicitante.

1.5. O prazo de execución dos proxectos subvencionables:

a) Iniciarase o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder o 31 de outubro do exercicio da convocatoria para a liña 1; o 30 de setembro do exercicio seguinte ao da convocatoria para a liña 2 e o 31 de outubro do segundo exercicio posterior ao da convocatoria para a liña 3.

b) Tamén serán subvencionables aqueles proxectos da liña de misións inversas (liña 1) executados no exercicio anterior ao da convocatoria, sempre que a data de execución sexa posterior á data límite establecida na convocatoria correspondente ao devandito exercicio.

1.6. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 5.000 €.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo, e ata o esgotamento do crédito, do cal se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Xustifícase a excepcionalidade por canto neste casos non semella posible a comparación de proxectos entre si pola casuística ampla e heteroxénea que permiten as bases reguladoras e, en consecuencia, a imposibilidade de fixar criterios de valoración comparativos entre as diferentes solicitudes.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

2.2. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006). Para as empresas do sector pesqueiro as axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193/2007, do 25 de xullo) e para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007, do 21 de decembro).

2.3. A subvención aos proxectos estará cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE ) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os gastos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08 do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que se respecten as intensidades de axuda máximas indicadas nos regulamentos da UE aplicables. Non serán compatibles –para os mesmos conceptos subvencionables– con outros programas de apoio financiados pola Xunta de Galicia.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas do sector de transporte por estrada. A axuda total de minimis concedida a unha empresa durante calquera período de tres exercicios fiscais redúcese a 30.000 euros para as empresas do sector pesqueiro, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 875/2007, do 24 de xullo (DOUE 25 de xullo) e a 7.500 euros para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1535/2007, do 20 de decembro (DOUE do 21 de decembro).

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios os especificados no artigo correspondente a cada liña de axuda, que cumpran as seguintes condicións:

a) Desenvolver nun centro radicado en Galicia calquera actividade económica, mesmo a prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, non excluída no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis. Serán subvencionables as actividades de produción de produtos agrícolas conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas e as actividades do sector pesqueiro, conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro.

No que se refire a empresas non domiciliadas en Galicia, a subvención correspondente reducirase en proporción ao número de empregados nos centros radicados en Galicia respecto do conxunto total de empregados da empresa. Non poderán ter a condición de beneficiarias aquelas empresas non domiciliadas en Galicia e que unicamente teñan radicados na Comunidade Autónoma centros con actividade estritamente comercial.

b) Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

c) Non poderán ter a condición de beneficiario as empresas que estivesen en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento (CE) nº 800/2008).

d) As condicións específicas citadas en cada liña de axuda.

Artigo 5. Condicións dos gastos subvencionables

5.1. Os gastos subvencionables serán os establecidos nestas bases para cada liña de axuda e reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo de 2008).

5.2. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE e que esa operación concreta non foi incluída na declaración do IVE.

5.3. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores (no caso de organismos intermedios sen ánimo de lucro non se entende que haxa vinculación coas empresas asociadas ou representadas). Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndose aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5.4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP) para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda (agás no caso da liña 3 que deben presentarse coa solicitude de cobramento), realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

No caso de que o solicitante sexa un clúster e teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.b) do TRLCSP deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 189, 190 e 191 do TRLCSP. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, e o seu incumprimento poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Conforme o artigo 3.3.b) do TRLCSP teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas que fosen creados especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador, de acordo cos criterios dese número 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

5.5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5.6. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación de internacionalización concreta que se propón para a subvención e calquera outro gasto derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.

5.7. Non serán subvencionables gastos correspondentes a actuacións que o solicitante poida realizar cos seus propios medios materiais e persoais, o que se determinará polo tipo de actividade da empresa –IAE ou CNAE–, e/ou porque o solicitante pola súa vez figure como provedor para outra empresa solicitante destas axudas –nesta e anteriores convocatorias– para o mesmo tipo de actuacións e gastos.

5.8. No caso de actuacións en que participen un grupo de empresas e/ou organismos intermedios, entre os que se inclúa algún participante que non cumpra os requisitos para ser beneficiario do artigo 4 destas bases ou os especiais para cada unha das liñas de axuda, os gastos que poidan individualizarse correspondentes aos ditos participantes non serán subvencionables, e polo que respecta aos gastos de tipo xeral a subvención reducirase en función da porcentaxe de participantes que non cumpran os requisitos para ser beneficiario.

Artigo 6. Requisitos específicos da liña de axuda para misións inversas (procedemento IG124)

6.1. Finalidade da axuda: impulsar a organización e coordinación de misións inversas do estranxeiro a Galicia, que favorezan un colectivo de empresas galegas para dalas a coñecer, e para facilitar o contacto con potenciais clientes ou socios. Contribuír a incrementar o coñecemento e capital intelectual das empresas galegas favorecendo o intercambio de coñecementos e tecnoloxías, contribuír á promoción das empresas galegas no exterior ao incremento da carteira de clientes e á cooperación con empresas do exterior, así como contribuír ao investimento do exterior en Galicia.

6.2. Beneficiarios: os organismos intermedios. Por beneficiarios organismos intermedios enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2012 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

6.3. Proxectos subvencionables: será subvencionable a organización de misións empresariais inversas de calquera país estranxeiro a Galicia, de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores co obxecto de dar a coñecer ao exterior as empresas galegas e as posibilidades dos sectores empresariais galegos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación entre empresas galegas e do exterior e oportunidades de expansión exterior das empresas galegas.

6.4. Conceptos subvencionables: considéranse conceptos subvencionables os seguintes dentro do proxecto de promoción e incremento de capital intelectual da empresa:

a) Gastos de consultoría ou asistencia externa especializada no mercado obxectivo tanto previamente como durante a misión para detección de contrapartes en destino e organización da misión cara a Galicia. Só serán subvencionables traballos que van ser realizados por profesionais con experiencia e habitualidade –en materia de consultoría ou asistencia técnica para internacionalización empresarial– e que directamente ou mediante acordos con terceiros dispoñan de medios persoais –profesionais do mesmo tipo– que fagan os labores propios deste proxecto.

A experiencia citada tanto da consultora/profesionais en destino como, se é o caso, da consultora/profesionais en orixe debe acreditarse, no formulario de solicitude, mediante relación de traballos similares á tarefa que se realizará nos últimos tres anos, incluíndo descrición do obxecto, data de realización, país e sector.

Límite de axuda por este concepto: 800 € por empresa/medio de comunicación/prescritor do estranxeiro participante na misión.

b) Gastos de servizos de interpretación na misión.

c) Gastos de viaxe e aloxamento a Galicia: dos representantes de cada empresa, medio de comunicación ou prescritores estranxeiros participantes na misión. Só gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo.

6.5. Contía e límites da axuda: 80 % do gasto subvencionable, cos seguintes límites cuantitativos: subvención máxima de 2.000 € por empresa/medio de comunicación/prescritor do estranxeiro participantes en misións con orixe europea, e de 3.000 € por empresa/medio de comunicación/prescritor do estranxeiro participantes en misións con orixe fóra de Europa, ata un límite máximo total de 30.000 € de axuda por proxecto.

Esta porcentaxe incrementarase adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante é un clúster galego.

6.6. Requisitos para a concesión da subvención:

Será subvencionable un maximo de 3 solicitudes desta liña por solicitante e convocatoria. Sen prexuízo de que en cada unha destas solicitudes se poida solicitar axuda para diversas actuacións das citadas como subvencionables, e mesmo para actuacións en varios mercados.

Nestas misións inversas deberán estar involucradas como mínimo 5 empresas galegas. Enténdese por empresa galega aquela empresa que teña domicilio social ou algún centro de actividade radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

A participación do estranxeiro subvencionable estimada –detalle dos participantes previstos–, deberá constar no formulario previo de solicitude e a participación do estranxeiro subvencionable definitiva deberá acreditarse na fase de liquidación mediante certificación do solicitante da axuda. A eventual variación na participación, se é o caso, dará lugar á minoración da subvención.

O solicitante debe achegar no formulario de solicitude información que identifique os profesionais que se contratarán para labores de consultoría ou asistencia obxecto desta liña, que acredite a súa experiencia no tipo de traballos obxecto da subvención, e que acredite que dispoñen de medios persoais propios ou concertados con terceiros para poder realizar de maneira efectiva os traballos subvencionables (a non acreditación desta capacitación implicará a denegación ou perda da subvención). Este requisito non será necesario no caso de profesionais con experiencia contrastada polo Igape como é o caso dos axentes comerciais mediadores no exterior para os países para os que foron cualificados. Estes axentes poden consultarse na web de Igape www.igape.es

Artigo 7. Requisitos específicos da liña de axuda para prospección internacional (procedemento IG173)

7.1. Finalidade da axuda: apoiar a prospección en novos mercados do estranxeiro, previa a unha posible implantación comercial estable, favorecendo así a promoción no exterior e o incremento da competitividade da empresa mediante o establecemento en novos mercados.

7.2. Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas:

a) As empresas (entendendo únicamente por tales, as sociedades mercantís, cooperativas ou outras sociedades con persoalidade xurídica propia e obxecto empresarial) que sexan pequenas ou medianas empresas –segundo a definición da Comisión Europea–, que teñan radicado algún centro de actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos e que teñan na data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia.

b) Os organismos intermedios. Por beneficiarios organismos intermedios enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2012 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

7.3. Proxectos subvencionables:

– Actuacións de prospección a través de oficinas de promoción ou show rooms, localizados fóra de España, de cara a estudar as posibilidades de expansión mediante implantación comercial en novos países.

– Prospección en puntos de venta no estranxeiro incluídos os mercados duty free no estranxeiro.

7.4. Conceptos subvencionables: terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes gastos do proxecto en destino –de promoción e prospección–, durante un máximo de 12 meses comprendidos entre o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e ata o 30 de setembro do exercicio posterior ao da convocatoria:

– Alugamento de oficinas, locais, salas de exhibición, espazos en establecementos comerciais ou show rooms fóra de España cando a actividade do proxecto subvencionable o xustifique. É necesario que a empresa dedique persoal propio ou contratado para o efecto á atención do proxecto.

– Para aqueles solicitantes que, previamente á súa implantación definitiva, decidan realizar a súa actividade de prospección dentro de centros de negocios subvencionarase o custo do alugamento ou cota correspondente. É necesario que a empresa dedique persoal propio ou contratado para o efecto á atención do proxecto. Non se subvencionan por esta liña nin gastos de persoal nin gastos de consultoría.

Os alugamentos citados nos dous puntos anteriores deben terse iniciado a partir do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria.

– Gastos de viaxe e aloxamento desde Galicia –por persoal ou directivos da empresa ou organismo con posto de traballo en Galicia– ao estranxeiro. Só gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo. Aplicarase un límite de axuda por empresa ou organismo intermedio solicitante. Dentro dese límite por viaxe admítense gastos de viaxe desde Galicia correspondentes a unha ou a varias persoas por solicitante ao pais obxecto do proxecto. Este concepto de gasto só é admisible no caso de proxectos que requiran pola súa vez algún dos conceptos subvencionables citados anteriormente (o cal se comprobará na fase de estudo previo á resolución e na fase de liquidación). É dicir, non se subvencionarán por esta liña só os gastos de viaxe.

Límites de axuda por este concepto:

• Para viaxes con destino Portugal: 500 € por viaxe subvencionable.

• Para viaxes con destino resto de Europa: 1.000 € por viaxe subvencionable.

• Para viaxes con destino fóra de Europa: 1.500 € por viaxe subvencionable.

Subvencionarase un máximo de 3 viaxes –en datas diferentes acordes coa acción subvencionable– por solicitude.

7.5. Contía e límites de axuda:

– 50 % do gasto subvencionable de proxectos cuxos solicitantes sexan empresas cun límite máximo de 20.000 €.

– 60 % do gasto subvencionable de proxectos cuxos solicitantes sexan organismos intermedios cun límite máximo de 30.000 €.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante é un clúster galego o unha empresa pertencente a algun clúster galego.

7.6. Requisitos para a concesión de subvención:

Será subvencionable unha única solicitude desta liña por solicitante e convocatoria. Nesa única solicitude poderá solicitarse axuda para diversas actuacións das citadas como subvencionables nesta liña, e mesmo para actuacións en varios mercados.

Non serán subvencionables os proxectos referidos a países onde o solicitante sexa exportador habitual, é dicir, que se dispoña de importador ou carteira de clientes que sexan obxecto de exportación periódica e constante durante os últimos catro anos –incluído o ano da solicitude da axuda–, excepto que se trate do lanzamento de novos produtos ou servizos.

Non serán subvencionables os proxectos de solicitantes que xa estivesen implantados no país obxecto do proxecto antes do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria. Por implantación enténdese personalidade xurídica no dito país con participación do solicitante (calquera que sexa a porcentaxe da dita participación).

Non serán subvencionables aqueles proxectos que consistan en poñer en marcha un simple establecemento comercial dirixido ao consumidor final.

Non será subvencionable un proxecto que supoña unha continuación dun proxecto deste tipo subvencionado polo Igape por esta liña de axuda noutras convocatorias.

Non será subvencionable un proxecto que supoña unha simple deslocalización do centro de actividade do solicitante da axuda. É dicir, o solicitante debe continuar a súa actividade en Galicia.

Non será subvencionable por esta liña un proxecto de simple de asistencia externa sen presenza do solicitante de forma permanente no exterior durante o período subvencionable.

Non será subvencionables por esta liña proxectos de participación en eventos expositivos puntuais do tipo feiras, festivais, desfiles, catas...

Salvo os organismos intermedios, o beneficiario terá que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos 4 exercicios anteriores a través de programas de Igape ou Icex. Só son válidos para estes efectos os diagnósticos presenciais con visita á empresa do realizador do diagnóstico, non os realizados en liña.

Artigo 8. Requisitos específicos da liña de axuda para primeira implantación promocional conxunta no exterior-Plan Primex (procedemento IG158)

8.1. Finalidade da axuda: este programa está dirixido a empresas galegas que acaden un acordo de cooperación entre elas para aunar esforzos, compartir custos e, se é o caso, estratexia e marca para establecerse por primeira vez en novos mercados internacionais para o lanzamento de produtos ou servizos galegos en novos países.

Así mesmo, coa mesma finalidade de cooperación, para a introdución en novos mercados internacionais, apoiaranse as accións que realicen os organismos intermedios beneficiarios para os asociados que participen no proxecto baixo as regras de funcionamento que establezan co organismo intermedio beneficiario.

8.2. Beneficiarios. Poderán presentar solicitudes:

a) As agrupacións sen personalidade xurídica propia formadas por polo menos tres empresas segundo a definición establecida no artigo 7.2.a) anterior –non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a crear unha sociedade de promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino, entendendo como tal unha sociedade con personalidade xurídica propia ou calquera tipo de agrupación empresarial admitida en dereito no país de destino.

Conforme o artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.

O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape a todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.

b) Os consorcios domiciliados en Galicia e con personalidade xurídica independente (cunha antigüedade máxima de 4 anos anteriores ao 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria) formados polo menos por tres empresas galegas –non vinculadas previamente entre si antes da constitución do consorcio e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a crear unha filial no estranxeiro para a promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino.

c) Organismos intermedios, que se comprometan a poñer en marcha un centro de promoción en destino sempre que o obxectivo sexa a exposición e/ou promoción comercial dos produtos ou servizos das empresas asociadas. Os produtos deberán ter orixe galega ou ter sufrido algunha transformación produtiva ou valor engadido en Galicia.

Por beneficiarios organismos intermedios enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas –con domicilio social ou algún centro de actividade en Galicia– e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2012 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

As agrupacións destes organismos intermedios non vinculados previamente entre si, poderán ser beneficiarios sempre que acaden un acordo formal para a realización deste tipo de accións e nomeen un/unha deles/as representante legal perante o Igape para a solicitude da axuda.

Neste segundo caso, conforme o artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.

O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape a todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.

En ambos os casos desta letra c), o solicitante debe identificar as empresas que participen no proxecto. O número mínimo de empresas galegas que deberán comprometerse no proxecto será de cinco.

8.3. Requisitos dos beneficiarios:

– A maioría das empresas participantes nos proxectos deben ser pequenas e medianas empresas galegas (sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial) –segundo a definición da Comisión Europea–, non vinculadas previamente entre si. A non vinculación previa implica que unha empresa socia non pode ter participación do capital doutra empresa socio, nin dúas empresas socias poden ter un accionista común maioritario nalgunha delas. Ademais, dúas empresas socias non poden ter antes da solicitude de axuda un mesmo representante legal ou administradores comúns.

– Admitirase a existencia no proxecto de socios non galegos ou socios con vinculación previa pero as ditas partes non recibirán axuda do Igape. No caso de vinculación previa, só un dos socios vinculados terá dereito á subvención, que será ademais o que se compute para efectos de contabilizar o número mínimo de socios do proxecto.

– Admítese a participación dun socio financeiro (entidade financeira, de capital risco, xerente do consorcio etc.) español ou estranxeiro. Á parte do socio financeiro non recibirá axuda por parte do Igape.

– Así mesmo, respecto á sociedade no estranxeiro, a maioría de capital debe corresponder a empresas ou a organismos intermedios galegos e ningún socio da sociedade en destino poderá deter a maioría do capital, salvo disposicións legais no país de destino que o impidan, o que deberá quedar suficientemente acreditado ante o Igape.

Salvo os organismos intermedios, o beneficiario terá que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos 4 exercicios anteriores a través de programas de Igape ou Icex. Só son válidos para estes efectos os diagnósticos presenciais con visita á empresa do realizador do diagnóstico, non os realizados en liña.

– Todos os beneficiarios participantes no proxecto deben ter na data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia.

8.4. Proxectos subvencionables:

Os proxectos de prospección e primeira implantación promocional conxunta de empresas galegas no estranxeiro, que teñan uns obxectivos de cooperación semellantes, para afrontar en destino unha estratexia de promoción comercial que beneficien a todas elas. Tamén os proxectos que teñan por obxectivo dar a coñecer e promocionar produtos e servizos de empresas galegas amparadas baixo os organismos intermedios, sendo estes organismos intermedios os aglutinantes da estratexia e das accións comúns. Na resolución de concesión poderán establecerse condicionantes de publicidade como made in Galicia e semellantes.

8.5. Conceptos subvencionables:

Serán subvencionables os seguintes gastos de constitución e de funcionamento da sociedade, ou centro de promoción no caso de organismos intermedios, que se constitúa no país de implantación durante como máximo os dous primeiros anos de funcionamento desde a data da súa constitución (e en todo caso como data límite ata o 31 de outubro do segundo exercicio posterior ao da convocatoria):

– Gastos de estrutura:

a) Gastos de constitución: escrituras, inscricións, permisos administrativos, licenzas e outros gastos legais e administrativos que se realizan unha soa vez ao comezo da actividade. Non se admitirán por este concepto gastos de asistencia técnica que incremente o custo destes servizos.

b) Gastos de asistencia técnica (legal, financeira ou consultoría): gastos que estean directamente relacionados coa conformación do grupo de empresas partícipes no proxecto, e coa súa posta en marcha; mesmo gastos de auditoría.

Límite de axuda por este concepto:

O importe subvencionable máximo será de 5.000 € –para proxectos que cumpran os mínimos exixidos de tres empresas galegas participantes no proxecto– e 1.000 € de importe subvencionable máis por cada empresa adicional das que computan como subvencionables ata un máximo de 10.000 € de importe subvencionable por este concepto.

c) Gastos de persoal: soldos e salarios do xerente e persoal relacionado coa actividade promocional da sociedade en destino, así como as cotizacións á Seguridade Social e seguros de asistencia médica naqueles países onde non exista un sistema público obrigatorio de cobertura médica. É preciso que exista un contrato laboral, xa sexa fixo ou eventual. Exclúense de xeito xeral comisións, gastos de representación e de axencia. Será subvencionable un máximo de 24 meses de contratación.

Exclúese da contratación subvencionada calquera accionista, propietario ou administrador das empresas membros da agrupación.

d) Gastos de servizos profesionais externos en destino: gastos que estean directamente relacionados co funcionamento administrativo da sociedade ou filial en destino (xurídicos, administrativos, tradución, contables e fiscais). Traballos que realizarán por profesionais con experiencia e habitualidade nos traballos para os cales se solicita axuda, e que directamente ou mediante acordos con terceiros dispoñan de medios persoais –profesionais do mesmo tipo– no país obxecto do proxecto. A experiencia citada debe acreditarse, no formulario de solicitude, mediante relación de traballos similares á tarefa que se vai realizar nos últimos tres anos, incluíndo descrición do obxecto, data de realización, país e sector, mesmo gastos de auditoría.

Límite de axuda por este concepto: o importe subvencionable máximo non superará os 24.000 €/ano.

e) Gastos de alugamento: alugamento de locais e inmobilizado cando a actividade promocional o xustifique. Será subvencionable un máximo de 24 meses de alugamento.

f) Para aqueles solicitantes que, previamente á súa implantación definitiva, decidan realizar a súa actividade dentro de centros de negocios, subvencionarase o custo do alugamento ou cota correspondente. Será subvencionable un máximo 24 meses de alugamento.

– Gastos de promoción relacionados co país de implantación:

a) Publicidade: custo de compra de espazos publicitarios en medios do país obxecto da acción promocional. Deberá achegarse documentación da publicidade realizada no momento da xustificación do gasto. Só son subvencionables os custos de inserción nos medios finais e non outros gastos de asistencia técnica relacionada co plan de publicidade.

b) Feiras e outros eventos expositivos do país de implantación como show rooms, catas, presentacións de empresa e/ou produto. No caso de eventos organizados por terceiros só son subvencionables os gastos facturados polo organizador do evento en concepto de participación, alugamento de suelo e caseta. No caso de eventos organizados polos solicitantes só son subvencionables os gastos de alugamento de espazo.

c) Viaxes relacionadas co proxecto: viaxes de representantes da sociedade ou filial en destino –así como do representante legal da agrupación, consorcio ou organismo intermedio solicitante da axuda– entre Galicia e o país de destino así como dentro do país onde estea a sociedade ou filial. Só son subvencionables os gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo.

Límite por este concepto: establécense as seguintes cantidades máximas de subvención:

• Para viaxes con destino/orixe Portugal/Galicia: 500 € por viaxe subvencionable.

• Para viaxes con destino/orixe resto de Europa/Galicia: 1.000 € por viaxe subvencionable.

• Para viaxes con destino/orixe fóra de Europa/Galicia: 1.500 € por viaxe subvencionable.

O importe subvencionable máximo polo concepto de viaxes non superará os 10.000 € para proxectos en Portugal, 15.000 €/ano para proxectos en resto de Europa e 20.000 €/ano para proxectos fóra de Europa.

– Outros gastos relacionados co país de implantación:

a) Gastos de rexistro da propiedade industrial no país obxecto do proxecto subvencionable.

b) Gastos de homologación e certificación: gastos de servizos externos para a homologación ante organismos oficiais estranxeiros e para certificacións e precualificacións ante clientes no exterior.

8.6. Contía e límites da axuda: 45 % de subvención sobre os gastos subvencionables.

Esta porcentaxe incrementarase nun 5 % por cada empresa galega/organismo intermedio participante na agrupación ou consorcio (excluído, se é o caso, o socio financeiro) a maiores do número mínimo requirido de tres empresas galegas ou 1 organismo intermedio, ata un máximo de 70 % de subvención.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

• Se o solicitante é un clúster galego o unha empresa pertencente a algun clúster galego, engadiranse 5 puntos porcentuais máis.

O límite máximo de axuda por proxecto en que participe o número mínimo de tres empresas galegas ou un organismo intermedio galego será de 100.000 €/ano, e por cada empresa ou organismo intermedio adicional, incrementarase o límite anterior en 20.000 €/ano, ata acadar un límite máximo conxunto de 200.000 €/ano.

8.7. Requisitos para a concesión da subvención:

O prazo para a constitución da sociedade ou filial en destino ou centro de actividade do organismo intermedio é de catro meses desde a data en que se notifique a resolución de concesión da axuda.

A sociedade ou filial en destino ou centro de actividade do organismo intermedio contará cun xerente en exclusiva, independente das empresas socias, excepto se o xerente forma parte do consorcio como socio financeiro. O xerente deberá estar nomeado no prazo máximo de catro meses desde a data en que se notifique a resolución de concesión da axuda.

As facturas xustificativas dos gastos deberán ser de terceiros contra a sociedade en destino, non contra as empresas beneficiarias, excepto os gastos subvencionables de constitución e asistencia técnica –citados nas alíneas a) e b) de gastos de estrutura–, que poderán ser facturados ao consorcio en orixe ou organismo intermedio, ou no caso de agrupacións de empresas aos seus membros na mesma proporción que os compromisos de execución asumidos por cada compoñente da agrupación. Non se admitirá a autofacturación, isto é, facturas emitidas por unha empresa participante no proxecto. Polo que respecta aos gastos de constitución e asistencia técnica –citados nas alíneas a) e b) de gastos de estrutura–, admitirase unha facturación dos provedores aos membros da agrupación distinta aos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación para efectos de facilitar a operatividade en destino, sempre e cando posteriormente se fagan as respectivas reparticións vía refacturación sen custo adicional, entre os ditos membros.

No caso de organismos intermedios o persoal en destino deberá ser contratado polo centro de actividade que constitúa en destino e no caso de que o centro non teña personalidade xurídica, o contrato deberase formalizar por un dos participantes no proxecto e considerar o dito gasto na súa porcentaxe de participación no proxecto. No caso de que o centro de promoción non teña personalidade xurídica en destino os gastos poden ser facturados ao organismo intermedio ou organismos intermedios en orixe –na mesma proporción que os compromisos de execución asumidos no caso de agrupación–. Os produtos ou servizos que se promocionen a través do centro deberán ser producidos ou transformados en Galicia.

Non serán subvencionables os proxectos referidos a países onde o solicitante sexa exportador habitual (é dicir, que se dispoña de importador ou carteira de clientes que sexan obxecto de exportación periódica e constante durante os últimos catro anos –incluído o ano da solicitude da axuda–, agás no caso de que se trate do lanzamento de novos produtos ou servizos).

Non serán subvencionables os proxectos de solicitantes que xa estivesen implantados no país obxecto do proxecto antes do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria. Por implantación enténdese personalidade xurídica no dito país con participación do solicitante (calquera que sexa a porcentaxe da dita participación).

Non será subvencionable un proxecto que supoña unha continuación dun proxecto deste tipo subvencionado por Igape noutras convocatorias por esta liña de axudas.

Non será subvencionable a participación das empresas que durante o prazo de execución do proxecto cesen a súa actividade en Galicia.

Unha mesma empresa ou organismo intermedio non poderá recibir subvención para máis dun proxecto por país, non entrando no cómputo do número mínimo de empresas ou no número de organismos intermedios para os proxectos adicionais dentro do mesmo país.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

9.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

9.2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no Complexo Administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

9.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de empresas do sector pesqueiro, a empresa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade da información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto no devandito rexistro.

9.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

9.5. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do NIF do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o NIF coa solicitude.

9.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 10. Solicitudes

10.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto e detallar os traballos que se van realizar por cada un dos conceptos subvencionables para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es/.

10.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto por 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

10.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

10.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática), non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

10.5. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

10.5.1. Documentación relativa ás circunstancias do beneficiario:

a) Empresas:

– Escritura de constitución e modificacións inscrita/s no rexistro competente.

– Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

– No caso de que o solicitante sexa unha empresa pertencente a algún clúster galego: certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.

– Informe de vida laboral do solicitante desde o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria.

b) Consellos reguladores:

– Documentación acreditativa da representación con que actúa.

– Certificación expedida pola Secretaría-Intervención, que declare que o consello está exento de pagamento do IVE na actividade subvencionada e que, polo tanto, non repercute este imposto.

c) Asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro:

– Acreditación da representación con que se actúa.

– Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

– Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio da convocatoria e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

– No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2012.

d) Agrupacións de empresas ou de organismos intermedios:

– Acordo notarial de constitución da agrupación detallando a descrición do proxecto para o cal se solicita a axuda, o país obxecto do proxecto, os membros da agrupación, coa súa porcentaxe de participación nel e a porcentaxe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e o seu representante ou apoderado único.

– Para cada un dos membros da agrupación, a documentación correspondente citada nos puntos anteriores a) ou c).

10.5.2. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras, agás para a liña 3. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape segundo o establecido no citado artigo 5.4.

10.5.3. No caso de que o solicitante sexa unha empresa, consorcio, ou unha agrupación de empresas deberase xuntar como documento ao formulario de solicitude o diagnóstico positivo do potencial de internacionalización de cada empresa.

10.6. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

10.7. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa, en orixinal e copia ou copia compulsada, no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

10.8. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente a instancia de solicitude co IDE e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 10.5, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritos (DOG núm. 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE núm. 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

10.9. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

Artigo 11. Órganos competentes

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

12.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos da Área de Internacionalización «Galicia@World» do Igape, en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada.

12.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 9.4 destas bases resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

12.3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

12.4. Instruído o procedemento formularase proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados aos cales se lles concederá un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidos polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia, tendo a proposta de resolución formulada o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva.

12.5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Resolución

13.1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución será elevada ao titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

13.2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses desde a presentación da solicitude completa no Igape, transcorrido o cal poderá entenderse desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

13.3. Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Feder, segundo os modelos establecidos no manual de comunicación da Xunta de Galicia. Así mesmo, os beneficiarios serán informados de que a aceptación da subvención implica a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

13.4. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

13.5. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

13.6. Na liña 3 de primeira implantación promocional conxunta no exterior –Plan Primex, o beneficiario disporá dun prazo de catro meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión para a constitución da sociedade ou filial en destino ou centro de actividade do organismo intermedio. A partir da data de constitución o beneficiario dispón dun prazo máximo dun mes para acreditar ante o Igape o cumprimento desta condición, mediante a presentación da documentación (en orixinal e copia ou copia compulsada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte:

– Escritura de constitución e estatutos, se é o caso, inscritos no correspondente rexistro da sociedade en destino. De ser o caso, acreditación por parte do organismo intermedio de ter os permisos necesarios para operar no país de destino.

– Contrato de traballo do xerente da sociedade ou entidade en destino.

– Certificación do representante legal da beneficiaria (agrupación, consorcio ou organismo intermedio que solicitou a axuda) de que: 1) A sociedade ou entidade en destino desempeña con normalidade a súa actividade. 2) A composición do capital da sociedade en destino, se non vén detallado nas escrituras.

Entenderase realizada a implantación cando estea formalmente constituída a sociedade en destino. Considerarase como data de constitución a que figure na escritura ou acta de constitución. No caso de organismos intermedios a implantación prodúcese cando estea formalmente constituída a sociedade en destino ou se non constitúen sociedade cando obtivese os permisos necesarios para operar no país obxecto do proxecto.

13.7. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Nos demais casos, se no prazo sinalado non achega a documentación –ou se a presentada non cumpre co establecido nestas bases– requirirase o interesado para que achegue ou emende a documentación exixida nun prazo máximo e improrrogable de dez días, con indicación de que, se non o fixer, se considerará que renunciou á axuda concedida e procederase ao arquivamento do expediente.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

15.1. Unha vez ditada a resolución non se admitirán a trámite máis modificacións das súas condicións que as indicadas a continuación:

a) As solicitudes da liña 1 (misións inversas), que se refiran á modificación do país/es obxectivo, á modificación do orzamento subvencionable á baixa, ou á modificación no prazo de execución do proxecto, sempre que non exceda a data límite de execución dos proxectos establecida no artigo 1.5.a) destas bases.

b) As solicitudes de calquera beneficiario das liñas 2 e 3 (prospección internacional ou primeira implantación promocional conxunta no exterior) e que se refiran á modificación do país/es obxectivo, orzamento subvencionable á baixa, traspaso orzamentario entre partidas de gasto ou á modificación no prazo de execución do proxecto, sempre que non se vulnere o establecido nas bases e exista dispoñibilidade orzamentaria. No caso da liña 3, dada a plurianualidade do proxecto e a pluralidade de participantes permítese, así mesmo, o cambio de socios do proxecto durante a súa duración sempre que se respecten os mínimos exixidos, así como modificación do prazo de catro meses de constitución da sociedade ou filial en destino ou modificación do prazo de posta en marcha do centro de actividade en destino e a modificación da periodificación do orzamento sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria.

15.2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima dun mes ao vencemento do prazo de execución do proxecto.

15.3. En ningún caso se admitirán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do gasto subvencionable inicialmente aprobado, que danen dereitos de terceiros ou teñan en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

15.4. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 10 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e, se é o caso, manter os investimentos durante polo menos 3 anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, especialmente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. O beneficiario deberá conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, número 3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entres públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo elixible total da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder de Galicia 2007-2013, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria e Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos stands, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

No caso de que o evento xa tivese lugar cando se solicitou ou concedeu a axuda ou por non ser posible por outros motivos, a publicidade do financiamento deberase facer mediante constancia na web do solicitante da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención con inclusión da imaxe institucional do Igape, Consellería de Economía e Industria e Feder.

Para dar publicidade do financiamento terase en conta o establecido nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro e no Decreto 409/2009 do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro) así como as instrucións contidas no manual de identidade corportativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es.

h) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro. Estas medidas están recollidas na «Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

k) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

17.1. O beneficiario ten un prazo improrrogable dun mes para presentar a solicitude de cobramento da subvención concedida. O dito prazo comezará a contar desde o día seguinte á data límite de execución do proxecto subvencionado indicado na resolución de concesión.

Na liña 2, a solicitude de cobramento poderá presentarse nunha única liquidación, ata a data límite indicada no párrafo anterior, ou en dúas anualidades, en función do ritmo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

Na liña 3, a solicitude de cobramento poderá presentarse nunha única liquidación, ata a data límite indicada no parágrafo anterior, ou ata tres anualidades, en función do ritmo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

No caso de presentación de recurso administrativo contra resolución de concesión a data límite de presentación da solicitude de cobramento establecerase na resolución que o resolva.

17.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es/. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

17.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

17.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación establecida no artigo 18.6, en orixinal e copia ou copia compulsada (agás as excepcións indicadas no citado artigo).

Así mesmo, poderá asinar electronicamente a instancia de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 10.8. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 17.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir o beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

17.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que a presente ou corrixa os erros ou defectos observados no prazo improrrogable de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Xunto á solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

17.6.1. Documentación xeral:

a) As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente xustificativos do gasto da actividade. Deberanse presentar por orde cronolóxica, para cada tipo de gasto, segundo figure na resolución de concesión da axuda.

b) Xustificantes do pagamento das facturas (presentarase xunto con cada documento de gasto por orde cronolóxica, para cada tipo de gasto, segundo figure na resolución de concesión da axuda), por algún dos seguintes medios:

– Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

– Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do período de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

– Recibo do provedor só no caso de pagamento en efectivo para importes inferiores aos 1.000 € por provedor.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar a relación destas.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento debe realizarse sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa ou recibo do provedor.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dalgún destes xustificantes de tipo de cambio a euros:

– Documentos bancarios de cargo en euros en que conste o tipo de cambio empregado.

– Cotización oficial publicada polo Banco de España ou Banco Central Europeo correspondente á data do pagamento da factura.

– Para outros tipos de cambio atenderase a tipos de cambio do mercado de divisas na data do pagamento das facturas.

c) Cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 16.f): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

17.6.2. Para os proxectos da liña 1, misións inversas, copias dixitalizadas dos seguintes documentos:

– Relación de participantes tanto de Galicia como do exterior con información –polo menos–, do nome e cargo do asistente, datos de contacto, nome da empresa, enderezo, datos de actividade e axenda de reunións mantidas por cada participante.

– Informe de resultados do proxecto para cada participante.

– Copia dos traballos de consultoría sobre o mercado obxectivo.

– Xustificación da orixe e destino da viaxe e persoa que viaxa mediante copia simple de tarxetas de embarque ou billetes.

– Acreditación da publicidade do financiamento citada no artigo 16.g) destas bases.

17.6.3. Para os proxectos da liña 2, prospección internacional:

– No caso de solicitar axuda para gastos de viaxe, xustificación da orixe e destino da viaxe e persoa que viaxa mediante copia simple de tarxetas de embarque ou billetes.

– Acreditación da publicidade do financiamento citada no artigo 16.g) destas bases en formato dixital.

– Informe de vida laboral do período de execución do proxecto.

17.6.4. Para os proxectos da liña 3, primeira implantación promocional conxunta no exterior-Plan Primex:

– Gastos de viaxe: xustificación da orixe e destino da viaxe e persoa que viaxa mediante copia simple de tarxetas de embarque ou billetes.

– Gastos de persoal: nóminas do persoal da sociedade en destino, copia do seguro concertado, copia do contrato de traballo e os demais xustificantes dos gastos de persoal adecuados á lexislación do país.

– Alugamentos: factura do gasto e, se é o caso, copia do contrato de alugamento.

– Publicidade: documentación da publicidade realizada en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 16.g) destas bases. Debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16.g) destas bases, incluído o caso da publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda.

– Feiras: fotografía da caseta en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 16.g) destas bases. Debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16.g) destas bases, incluído o caso da publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda.

– As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras.

– Informe de vida laboral do período de execución do proxecto de cada unha das empresas participantes.

– Con relación á declaración responsable incluída na solicitude de cobramento acerca da veracidade dos datos relativos á conta bancaria en España en que vaia ser ingresada a subvención –no caso de solicitantes que sexan agrupación de empresas ou organismos intermedios– o pagamento realizarase nas contas bancarias individuais que cada beneficiario indique ou nunha soa se así o acordan todos os beneficiarios, o que deberá constar na solicitude de cobramento.

17.6.5. Calquera outra documentación que o Igape xulgue necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento, sinalada na resolución de concesión.

As datas dos xustificantes de gasto, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto deberán estar comprendidas entre o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e a data de remate do prazo de execución do proxecto. Exceptúanse do antes indicado as facturas e pagamentos de proxectos executados en 2012 subvencionables segundo o establecido no artigo 1.5.b) destas bases.

17.7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

17.8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro das cantidades previamente aboadas.

17.9. Agás para aqueles conceptos de gasto con límites cuantitativos específicos, na xustificación da subvención admitiranse compensacións entre os distintos gastos subvencionables, sempre que non se desvirtúe o obxecto da subvención, que non se altere a contía total da subvención concedida, e que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros e sen prexuízo das sancións que poderían corresponder ao beneficiario conforme a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aboamento das axudas

18.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

No caso das liñas 2 e 3, deberase facer unha liquidación ao final de cada exercicio polos gastos incorridos en cada anualidade do proxecto. O importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Neste suposto exímense os/as beneficiarios/as da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

18.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

18.3. No caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión –e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50 % do gasto subvencionable máximo establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado, e o beneficiario manifeste a súa conformidade–, o pagamento realizarase –sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro–, pola cantidade resultante de aplicar a porcentaxe de subvención aplicable sobre o gasto subvencionable xustificado. A xustificación inferior ao 50 % do gasto subvencionable máximo establecido na resolución de concesión, dará lugar ao inicio do expediente de incumprimento total.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

19.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

19.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50 % deste, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

Artigo 20. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

22.1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 3 anos posteriores o peche do programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, punto 3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Durante o dito prazo os beneficiarios terán que conservalas e telas á disposición da Administración.

22.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 23. Publicidade

23.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

23.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

23.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o su regulamento, no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, no Regulamento (CE) nº 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e no Regulamento (CE) nº 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis ao sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro); no Regulamento (CE) nº 1083/2006 Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE ) nº 1080/2006, do 5 de xullo do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006) e o resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO III
Localizacións preferentes

Axudas do Igape á internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file