Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25824

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Centro Universitario da Defensa - Escola Naval Militar

RESOLUCIÓN D/003/2013, do director, pola que se convoca concurso público para a contratación de persoal docente (CPD04). Curso académico 2013/14.

A dirección do Centro Universitario da Defensa (en diante, CUD) na Escola Naval Militar de Marín (en diante, ENM), no uso das súas competencias, tras aprobación na reunión do Padroado do 30 de maio de 2013 e recibida autorización do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (escrito do 19 de xuño de 2013), resolve convocar concurso público, polo procedemento de urxencia, para cubrir as necesidades docentes existentes mediante a contratación en réxime laboral de persoal docente, para os perfís que se relacionan no anexo I. Este concurso rexerase polo disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, así como polo Decreto 266/2002, do 6 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre contratación de profesorado universitario, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992), e pola normativa reguladora do procedemento para a provisión de prazas de persoal docente e investigador do CUD na ENM, aprobada na reunión do Padroado do 8 de marzo de 2010.

O concurso desenvolverase de acordo coas seguintes bases:

1. Requisitos dos solicitantes.

1) Todos os requisitos se deberán posuír con referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Os documentos acreditativos deberán estar actualizados ao referido prazo e, de estaren redactados en idiomas distintos ao galego ou ao castelán, deberán presentarse acompañados de tradución por intérprete xurado.

2) Para resultar admitidos, os candidatos deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados, aos cales, en virtude de tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que está definida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros Estados cando así se prevexa nos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificados por España. Os nacionais de Estados distintos dos apuntados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e ser contratados sempre que se encontren legalmente en España e dispoñan do documento que os habilite para residir e acceder sen limitacións ao mercado de traballo.

b) Ter feitos os dezaseis anos de idade e non ter superado os sesenta e cinco.

c) Estar en posesión da titulación indicada no perfil do anexo I. No caso de títulos obtidos no estranxeiro, deberá presentarse credencial que acredite a súa homologación ou o seu recoñecemento para o exercicio como docente de universidade.

d) Ter aboadas as taxas de participación en proceso selectivo.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos. Os aspirantes cuxa nacionalidade non sexa a española deberán acreditar non estar inhabilitados ou en situación equivalente nin ter sido sometidos a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

f) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas correspondentes á praza.

2. Presentación de solicitudes.

1) Os interesados deberán presentar unha solicitude (que se axustará ao modelo que figura como anexo II desta resolución e que se dirixirá ao director do CUD), acompañada de toda a documentación xustificativa dos requisitos e acreditativa dos méritos, por cada unha das prazas a que concursen.

2) As solicitudes poderanse obter na páxina web do Centro Universitario da Defensa (http://cud.uvigo.es - Persoal - Persoal docente e investigador (PDI) - Concursos de profesorado - Cuarto concurso de persoal docente contratado (código CPD04) - Modelo de solicitude). As solicitudes, acompañadas de toda a documentación, remitiranse por correo postal, dentro do prazo de envío de solicitudes, ao enderezo: Centro Universitario da Defensa, Escola Naval Militar, praza de España, s/n, 36920 Marín, Pontevedra. As solicitudes presentaranse en sobre aberto para que o persoal da oficina de Correos poida estampar a data de presentación na solicitude antes de ser certificada.

Ademais, dentro dese mesmo prazo, débese remitir vía web un exemplar do modelo de solicitude (anexo II) asinado. Para a devandita tarefa, farase emprego do formulario que figura na web http://cud.uvigo.es - Persoal - Persoal docente e investigador (PDI) - Concursos de profesorado - Aplicación para envío de solicitudes.

3) Coa instancia de solicitude, achegaranse necesariamente os seguintes documentos e será causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Copia simple do documento acreditativo da identidade (DNI, NIE, pasaporte...).

b) Copia simple do título académico exixido en cada praza, ou da certificación de pagamento dos dereitos de expedición do título, ou, se é o caso, da credencial de homologación expedida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

c) Xustificante de pagamento, dentro do prazo de presentación de instancias, de 16,98 euros por praza en concepto de taxas de participación no proceso selectivo, na conta corrente 0182-3619-41-0201509310, BBVA. Centro Universitario da Defensa. Taxas, facendo constar no impreso a/s referencia/s da/s praza/s. O pagamento realizarase directamente nas oficinas da citada entidade, utilizando para iso exclusivamente o impreso de solicitude (anexo II) ou mediante transferencia bancaria. En ambos os dous casos, no concepto da operación deberá constar obrigatoriamente o DNI do interesado, así como a referencia da praza a que concursa.

Estarán exentos de pagamento os aspirantes cunha discapacidade igual ou superior ao 33 % e os membros de familias numerosas clasificados na categoría especial. Os membros de familias numerosas clasificados na categoría xeral terán unha bonificación do 50 % (8,49 euros). Nos tres supostos será necesario que coa solicitude presenten as respectivas certificacións que o acrediten.

Así mesmo, estarán exentos de pagamento os aspirantes que cumpran as dúas condicións enumeradas a continuación:

1) Que figuren como demandantes de emprego durante, polo menos, o mes anterior á data de publicación da convocatoria e que nese prazo non rexeitasen unha oferta de emprego axeitada nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional, aspectos que deberán ser certificados pola oficina dos servizos públicos de emprego.

2) Que carezan de rendas superiores en cómputo mensual ao salario mínimo interprofesional, o cal se acreditará mediante declaración xurada ou promesa escrita da persoa solicitante, para o que se poderá utilizar o modelo que figura no anexo IV (dispoñible para descarga na web do CUD).

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancias non é emendable e determinará a exclusión definitiva do concurso da persoa aspirante, agás que se acredite estar exento do pagamento da citada taxa.

4) Requirirase declaración de non ter superado o período de cinco anos de contrato laboral como profesor axudante en calquera universidade española, nin un total de oito anos de contrato como profesor axudante e axudante doutor, segundo o modelo que figura no anexo V.

5) O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo coincide con sábado ou día inhábil na universidade, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte segundo o artigo 48 da Lei 30/1992.

6) A publicación no taboleiro de anuncios do CUD, así como na súa páxina web dos actos que integran este procedemento servirá de notificación para todos os efectos, de acordo co previsto na Lei 30/1992.

3. Outra documentación.

1) Currículum vítae detallado.

2) Certificación académica en que consten as cualificacións obtidas nos estudos universitarios e a data destas.

3) Copia simple dos xustificantes de todos os méritos alegados (só se valorarán os méritos suficientemente acreditados).

4) Proxecto docente referido ás materias que se indican para cada praza no anexo I.

Todos os méritos das persoas solicitantes se deberán posuír con referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Os documentos acreditativos dos méritos alegados polas persoas interesadas terán que estar estruturados conforme o modelo de currículum que se pode obter na web do CUD (http://cud.uvigo.es - Persoal - Persoal docente e investigador (PDI) - Concursos de profesorado - Cuarto concurso de persoal docente contratado (código CPD04) - Modelo de currículum vítae), coas páxinas numeradas e encadernados ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de xeito sólido e permanente, garantindo que se impida a posterior inclusión ou perda de documentación. Os libros e outros materiais non encadernables presentaranse en arquivadores tipo A-Z ou similar, identificados con número de orde, número de concurso, referencia da praza e nome da persoa que aspire á praza.

Toda a documentación enumerada nesta epígrafe deberá achegarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Non se admitirá ningunha documentación adicional finalizado o devandito prazo.

4. Relación de admitidos e excluídos.

Nun prazo máximo de 15 días naturais desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, a Xerencia do CUD publicará nos lugares indicados na base 2.6. a relación provisional de admitidos e excluídos, con indicación dos motivos de exclusión. Os candidatos disporán dun prazo de cinco días hábiles para a emenda de erros e a reparación das causas de exclusión, así como para presentar reclamación contra os criterios de valoración aprobados polas comisións específicas do CUD, de acordo coa base 5.3. Posteriormente, o director do CUD ditará resolución que aprobe a relación definitiva de admitidos e excluídos. As reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

5. Valoración dos méritos.

1) Os méritos serán valorados por unha Comisión Específica do CUD, composta tal e como se sinala na normativa reguladora do procedemento para a provisión de prazas de persoal docente e investigador do centro, que se someterá na súa actuación ao previsto na Lei 30/1992.

A comisión quedará validamente constituída coa asistencia de dous membros e poderá actuar requirindo sempre a presenza do presidente e do secretario ou, se é o caso, dos que os substitúan.

A comisión poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas, cuxo labor se limitará a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores elevarase ao director do CUD e seralles de aplicación o especificado anteriormente para os membros da Comisión. Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do cirector do CUD a designación de persoal colaborador.

2) O baremo para a cualificación dos concursantes pódese obter xunto ao modelo de solicitude na web do CUD.

3) No mesmo acto de constitución, a Comisión Específica do CUD establecerá os criterios de valoración de méritos, que poderán matizar ou cuantificar o baremo con maior detalle. A devandita comisión publicará estes criterios antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes. De existir calquera incompatibilidade, o baremo publicado na web prevalecerá sobre os criterios de valoración da Comisión Específica do CUD. Contra os devanditos criterios poderase ser recorrer de acordo co establecido na base 4.

4) Recibida a documentación dos aspirantes admitidos, a Comisión Específica do CUD disporá dun prazo de dez días naturais para avaliar os méritos dos candidatos. Os devanditos méritos serán cualificados cun máximo de 100 puntos nesta fase.

5) Como resultado do proceso de valoración obxectiva dos correspondentes currículos e proxectos docentes presentados (de acordo coa súa adecuación ás materias da praza obxecto de concurso), a comisión xerará unha lista de preseleccionados para unha entrevista. O presidente da comisión convocará os aspirantes á entrevista cunha antelación mínima de cinco días hábiles, indicando lugar e hora para realizala. A convocatoria realizarase mediante anuncio no taboleiro de anuncios e páxina web do CUD.

6) A entrevista realizarase nas dependencias do CUD e valorará o compromiso dos candidatos cos fins deste, recollidos no punto 3 da cláusula segunda do convenio de adscrición, a súa idoneidade de acordo cos criterios previamente establecidos para a adxudicación das prazas, así como a súa destreza docente. Os candidatos deberán defender o proxecto docente valorado na primeira fase do proceso. Así mesmo, a comisión valorará os seus coñecementos de lingua inglesa (especialmente, a capacidade dos candidatos para impartir a docencia das súas materias en lingua inglesa) tanto a través da valoración do currículum (epígrafe «Outros méritos») como da propia entrevista. A fase de entrevista cualificarase cun máximo de 20 puntos, e será necesario obter 10 puntos para superala.

7) Unha vez realizadas as entrevistas, a comisión procederá a elaborar a proposta de provisión. A comisión adoptará os seus acordos por maioría dos membros presentes e, en caso de empate, decidirá o voto do presidente. O acordo de adxudicación da praza constará de:

a) Proposta de provisión da praza a favor do candidato que obteña a puntuación máis alta, indicando os concursantes que se consideran idóneos para seren contratados. A comisión poderá acordar a non provisión da praza, motivando esta decisión.

b) Relación de todos os candidatos ordenados pola puntuación total.

c) Puntuacións detalladas dos candidatos en cada unha das epígrafes e subepígrafes do baremo.

8) A expresión da puntuación final e a súa desagregación para cada epígrafes servirán de motivación á proposta de adxudicación. Este acordo, xunto coa documentación dos concursantes, enviarase á Dirección do CUD que o publicará nos lugares previstos na base 2.6.

9) Cos candidatos que figuren na proposta de provisión constituirase unha lista de espera, na orde de prelación en que figuren.

6. Resolución do consumo.

1) O director do CUD resolverá o concurso e establecerá a data de inicio do contrato.

2) O delegado da Universidade de Vigo elevará ao reitor a proposta de concesión da venia docendi para os candidatos propostos para a contratación. A obtención da venia docendi será requisito imprescindible para ser contratado.

3) A Xerencia do CUD convocará o candidato para que achegue a documentación necesaria para formalizar o contrato. De non comparecer na data indicada sen mediar causa suficiente, así apreciada pola dirección do CUD, considerarase que o candidato renuncia ao contrato, e convocarase o seguinte candidato na orde de prelación que figure na proposta.

4) De presentarse algunha reclamación, e mentres non se resolva, poderase contratar o candidato proposto incluíndo no contrato unha cláusula extintiva condicionada á resolución da reclamación. De confirmarse o candidato proposto, o contrato continuará a súa vixencia; no caso contrario, procederase á súa rescisión con efectos do día anterior á data de incorporación do novo candidato proposto, sen que neste caso o contrato poida ter efectos anteriores á data da súa firma.

7. Reclamacións.

Contra os acordos de adxudicación, os candidatos admitidos poderán interpoñer reclamación ante o director do CUD no prazo de cinco días naturais desde a publicación daqueles. O director do CUD ditará a correspondente resolución esgotando a vía administrativa e que será notificada aos reclamantes.

8. Contratación e obrigas.

1) O contrato de profesor PCUD3 (véxase táboa de dedicación docente no anexo III) será de natureza laboral (por obra ou servizo determinado) a tempo completo por un período dun ano. As retribucións brutas anuais ascenderán a 22.040 €.

2) O período de proba será de seis meses, e considerarase superado sempre que non conste obxección contraria dentro do devandito prazo.

3) As especificacións que constan no anexo para cada praza non suporán para os adxudicatarios vinculación exclusiva a esa actividade docente nin limitará a competencia do CUD para asignarlle outras obrigas docentes e/ou investigadoras. O centro reserva para si o dereito de definir anualmente que materias dese curso deben ser impartidas en lingua inglesa.

4) De acordo co previsto no Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, os contratos estarán suxeitos á Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, e disposicións que a desenvolvan.

5) As partes expresamente establecen a non suxeición ao III Convenio único para o persoal laboral da Administración xeral do Estado.

9. Documentación.

1) Unha vez finalizado o concurso, a documentación presentada polos solicitantes permanecerá almacenada na Xerencia do CUD.

2) A devandita documentación deberá ser retirada pola persoa interesada unha vez transcorrido o prazo de tres meses, contado desde a publicación da resolución do concurso, sempre e cando non se presentase ningún recurso contra a devandita resolución. Transcorrido un mes despois do devandito prazo, procederase á destrución da documentación que non fose retirada.

10. Final.

1) As taxas de participación serán reintegradas de oficio aos aspirantes cando o proceso selectivo non se realice, sempre que cubrisen os datos bancarios necesarios para realizar a devolución.

2) A convocatoria, as súas bases e cantos actos se deriven desta e das actuacións das comisións poderán ser impugnados polos interesados no prazo e na forma establecidos pola Lei 30/1992.

3) A interposición de calquera recurso non suspenderá a execución do acto impugnado; non obstante, o órgano competente para resolver, logo de ponderación, suficientemente razoada, entre o prexuízo que causaría ao interese xeral ou a terceiros a suspensión e o prexuízo que causa ao recorrente a eficacia inmediata do acto impugnado, poderá suspender, de oficio ou a petición deste, a súa execución segundo o legalmente establecido.

4) Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director do CUD, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da devandita publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Marín, 26 de xuño de 2013

José María Pousada Carballo
Director do Centro Universitario da Defensa-Escola Naval Militar de Marín

ANEXO I
Prazas
Concurso profesorado CUD (Código CPD04)
Curso académico 2013/14
Profesores contratados

Referencia da praza: 04-PCUD3-01.

Categoría: PCUD3 contratado.

Prazas: 2

Titulación: licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado ou equivalente.

Perfil: expresión gráfica.

Referencia da praza: 04-PCUD3-02.

Categoría: PCUD3 contratado.

Prazas: 1.

Titulación: licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado ou equivalente.

Perfil: topografía e construción.

Referencia da praza: 04-PCUD3-03.

Categoría: PCUD3 contratado.

Prazas: 1.

Titulación: licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado ou equivalente.

Perfil: enxeñaría de materiais.

Referencia da praza: 04-PCUD3-04.

Categoría: PCUD3 contratado.

Prazas: 1.

Titulación: licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado ou equivalente.

Perfil: mecánica de fluídos e enxeñaría térmica I.

Referencia da praza: 04-PCUD3-05.

Categoría: PCUD3 contratado.

Prazas: 1.

Titulación: licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado ou equivalente.

Perfil: máquinas de fluídos e fundamentos de sistemas e tecnoloxías de fabricación.

Referencia da praza: 04-PCUD3-06.

Categoría: PCUD3 contratado.

Prazas: 2.

Titulación: licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado ou equivalente.

Perfil: fundamentos de automática e sistemas de radiocomunicacións.

ANEXO III
Dedicación docente do profesorado do CUD

Categorías

Categoría equivalente LOU

Dedicación docente (horas)

Dedicación centro* (horas)

Semanal**

Anual

PCUD1

Contratado doutor

12

390

30

PCUD2

Axudante doutor

12

390

30

PCUD3

Axudante

5

150

30

* As horas de dedicación ao centro entenderanse como o tempo que o profesor dispón para asistencia a reunións, comisións e outras actividades propias do centro.

** As horas de clase semanal repartiranse entre teoría, prácticas ou laboratorio e titoría presencial.

ANEXO IV
Modelo de declaración xurada ou promesa

Don/Dona ……………………………………………………………………………………, con DNI/NIE/pasaporte ………………………………….. e nacionalidade …………………………

DECLARO BAIXO XURAMENTO OU PROMESA, para os efectos de exención de taxas, que non percibo rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional.

…………………………………, …….. de ………………………….. de 201….....

(localidade) (día) (mes) (ano)

NOTA: é obrigatorio xuntar informe dos servizos públicos de emprego, sobre a situación de demanda de emprego do mes anterior á convocatoria: inscrición sen rexeitar ofertas de emprego nin accións de orientación, inserción e formación.

ANEXO V
Modelo de declaración profesor axudante ou profesor axudante doutor

Don/Dona____________________________________________________________NIF/NIE:___________________________

DECLARO BAIXO A MIÑA RESPONSABILIDADE, para os efectos de participar nos concursos de prazas PCUD3 no Centro Universitario da Defensa, de conformidade cos artigos 49 e 50 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24.12.2001) modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (BOE do 13.4.2007).

� Que anteriormente non estiven contratado como profesor axudante nin axudante doutor neste centro nin noutro da Universidade de Vigo, nin noutra universidade.

� Que estiven contratado como profesor axudante e/ou axudante doutor neste centro ou noutro da Universidade de Vigo ou doutra universidade, pero sen esgotar o tempo máximo de oito anos de duración conxunta. A duración dos contratos foi a seguinte:

Tipo de contrato (axudante/axudante doutor)

Data de inicio

Data de finalización

Centro e universidade

E para que así conste, para os efectos de poder participar no concurso de prazas CPD04 do Centro Universitario da Defensa, asino esta declaración.

_________________________, ______ de __________________ de 201____

Asinado:___________________________

Director do Centro Universitario da Defensa na Escola Naval Militar de Marín

missing image file