O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 16 de febreiro de 2012, entre as medidas necesarias para a plena execución do II Plan de avaliación de entidades dependentes da Xunta de Galicia, acordou a modificación do obxecto social da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, a supresión da Secretaría Xeral para o Turismo e a extinción da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., e do consorcio Instituto de Estudos Turísticos para aglutinar nun mesmo órgano os diferentes órganos e entidades que ata o de agora tiñan competencias sobre distintos aspectos do turismo en Galicia.
Así, o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos establece na súa disposición adicional primeira que Axencia se subrogará en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas do consorcio Instituto de Estudos Turísticos, no momento en que se proceda á súa extinción.
O consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia foi creado polo Decreto 89/2007, do 19 de abril, como un ente asociativo dotado de personalidade xurídica propia.
De conformidade co disposto no artigo 22.1 do citado Decreto 89/2007, a extinción do Instituto require o acordo por maioría absoluta do Consello de Dirección, reunido en sesión extraordinaria coa asistencia de dúas terceiras partes dos seus membros, e segundo dispón o artigo 96.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a disolución dos consorcios requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo do acordo do órgano competente do consorcio.
Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e sete de xuño de dous mil trece, e tras o acordo do Consello de Dirección do consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia do cinco de xuño de dous mil trece,
DISPOÑO:
Artigo 1. Disolución do consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia (IET de Galicia)
Disólvese el consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia (IET de Galicia), regulado polo Decreto 89/2007, do 19 de abril, polo que se crea e se aproban os seus estatutos.
A totalidade dos fins e funcións do IET de Galicia son asumidos pola Axencia Turismo de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.
Artigo 2. Liquidación
Por resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, designaranse os membros da comisión liquidadora que axustará as súas actuacións ao previsto neste decreto.
Disposición adicional primeira. Réxime de persoal
1. De conformidade e nas condicións establecidas nas disposicións adicionais cuarta, quinta e sexta do Decreto 196/2012, a Axencia Turismo de Galicia asumirá os postos de traballo do cadro de persoal do consorcio Instituto de Estudos Turísticos.
2. Por resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia concretaranse os postos de traballo que se incorporan, logo de oír as organizacións sindicais.
3. O persoal adscribirase á Axencia, dependendo dos órganos da súa estrutura, segundo se determine por resolución da Dirección da Axencia. A adscrición deste persoal farase nas mesmas condicións laborais de contratación existentes na entidade de procedencia.
4. Los efectos retributivos de esta incorporación terán lugar desde o momento en que sexa efectiva esta, efectividade que se fixa no día 1 de xullo de 2013.
5. O cadro de persoal do consorcio Instituto de Estudos Turísticos será o instrumento de xestión do persoal na Axencia ata que se aprobe a correspondente relación de postos de traballo conforme o establecido na disposición adicional sétima do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.
Disposición adicional segunda. Subrogación de dereitos e obrigas
A Axencia Turismo de Galicia subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas que sexa titular o consorcio Instituto de Estudos Turísticos, ou que poidan derivar dos convenios de colaboración, contratos o calquera outro negocio xurídico subscrito entre o IET e outras persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas.
Os bens e dereitos propios ou adscritos ao IET para o cumprimento dos seus fins na data da entrada en vigor deste decreto quedarán adscritos á Axencia Turismo de Galicia, continuando vinculados os mesmos fins e funcións sen necesidade de acto formal de afectación, tendo que subscribirse a oportuna acta que reflicta as circunstancias da mutación.
Disposición transitoria primeira. Réxime orzamentario, de execución e contabilidade de gastos
Os créditos dispoñibles nas aplicaciones orzamentarias 04.A2.761A.442.06 e 04.A2. 761A.742.06 transferiranse aos capítulos correspondentes dos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia, mediante a tramitación dos expedientes de modificación de crédito necesarios. Os gastos de persoal, sen prexuízo de que a súa autorización corresponda ao órgano competente da Axencia Turismo de Galicia, seguiranse imputando á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.442.06 ata que se incorporen ao capítulo I da Axencia Turismo de Galicia.
Os expedientes de gasto iniciados e non rematados polo consorcio, no momento da súa disolución, adaptaranse na súa tramitación á normativa reguladora da Axencia Turismo de Galicia e finalizaranse de acordo coa orde de competencias establecida polos seus estatutos, de conformidade co disposto na disposición transitoria cuarta do Decreto 196/2012.
En canto aos expedientes de gastos en que fosen recoñecidas as obrigas e estean pendentes de pagamento, faranse efectivos aos seus perceptores por parte da Axencia Turismo de Galicia.
Disposición transitoria segunda. Tramitación administrativa
Os expedientes relativos a materias que sexan competencia do consorcio Instituto de Estudos Turísticos non resoltos na data da súa disolución serán resoltos polo órgano competente da Axencia Turismo de Galicia, de acordo coa atribución do exercicio de competencias establecida nos seus estatutos.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogado o Decreto 89/2007, do 19 de abril, polo que se crea o consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia.
Disposición derradeira primeira
Atribúeselles ás persoas titulares da Consellería de Facenda e da Axencia Turismo de Galicia, segundo proceda, a facultade de desenvolver o disposto neste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2013
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza