Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 26 de xuño de 2013 Páx. 24897

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica LMT, CT e RBT derivada Xestoso, nos concellos de Taboada e Chantada (expediente 020/2009 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, 2, Velle (Ourense), aprécianse os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 3 de xullo de 2009, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión derivada Xestoso nos concellos de Taboada e Chantada, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta Xefatura Territorial de Economía e Industria do 12 de marzo de 2013. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 20 de marzo de 2013, no BOP de Lugo do 3 de abril de 2013 e no DOG do 4 de abril de 2013, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Taboada e Chantada. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

O 27 de marzo de 2013, presenta escrito de alegacións José Antonio Diéguez Otero (predios nº 8 e 11 do parcelario do proxecto), en que manifesta a existencia de certos erros respecto ás afeccións reflectidas para os predios e realizando, así mesmo, alegacións relativas á determinación do alcance real das afeccións sobre os terreos afectados (elementos construtivos, tipo de cultivo, ocupación temporal ...).

Por outra banda, con data do 4.4.2013 presenta as súas alegacións José María Novoa Calvo (predio nº 2 do parcelario do concello de Taboada) instando a variación do trazado da liña para minimizar os danos sobre o seu predio.

Unhas e outras alegacións foron contestadas en todo caso pola empresa beneficiaria do proxecto, achegándose as súas respostas aos mencionados interesados.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (modificado polo anterior), no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas polos interesados, da contestación que formula a empresa promotora e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente.

Por unha parte, no que atinxe ao alcance das afeccións e prexuízos causados, non corresponde nesta fase do procedemento nin a este órgano administrativo entrar na valoración do menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidumes de paso da liña eléctrica considerada, o cal é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, ao cal se lle remitirá o expediente logo da elaboración das actas previas á ocupación, trámite en que se poderá comprobar sobre o terreo o alcance real das afeccións e da incorporación da follas de taxación contraditoria que presenten as partes, tal como se recolle no capítulo II da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Por outra banda, no que respecta á posible variación do trazado que se suxire, o interesado non propón unha alternativa concreta e, ademais, non acredita que concorran conxuntamente as tres condicións que exixe o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así, tendo en conta os informes técnicos emitidos no expediente en relación co proxecto presentado pola empresa peticionaria, nos cales se considera viable tal proxecto e que non existen limitacións á imposición da servidume de paso sobre os predios afectados, non pode senón entenderse como máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación o trazado proposto polo autor do proxecto.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que, consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT derivada Xestoso, nos concellos de Taboada e Chantada, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 930 metros con orixe nun apoio metálico existente da LMT CHA8061105, en condutor LA 56 e final no CTI proxectado Xestoso, sobre apoios de formigón (4) e metálicos (3).

2. Centro de transformación de intemperie en Xestoso de 100 kVA, cunha relación de transformación de 20.000/400-230 V sobre apoio de formigón.

3. Rede de baixa tensión aérea en condutor RZ, cunha lonxitude de 76 metros, con orixe no centro de transformación proxectado de Xestoso, sobre apoios de formigón (3).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica LMT, CT e RBT derivada Xestoso visado o día 19 de xuño de 2009 co número CO091851 polo ICOIIG da Coruña, e asinado polo enxeñeiro industrial Rubén Menéndez Fernández.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 20 de marzo de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 3 de abril de 2013 e no Diario Oficial de Galicia do 4 de abril de 2013, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Taboada e Chantada. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións, que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta Xefatura Territorial de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT, CT e RBT derivada Xestoso, presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 29 de maio de 2013

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo