Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 21 de xuño de 2013 Páx. 24417

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2013 pola que se aproba o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Ares.

A Área de Explotación e Planificación Portuaria do ente público Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Ares, instalación portuaria situada no termo municipal do mesmo nome na provincia da Coruña e adscrita ao ente público para a súa xestión. Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en defecto de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia do día 21 de marzo de 2013, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Ares, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria do 18.3.2013, que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o Acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 21.3.2013 dando a conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Ares e elevándoo e propoñéndoo para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar conferida pola Orde do 30 de marzo de 2012,

RESOLVE:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Ares (A Coruña), asinado en decembro de 2011 polos enxeñeiros de camiños, canles e portos Iñaki Cubillo Bueno, como autor, Andrés D. Cervantes Refojos, como director do documento, e por Ana Isabel Calzadilla Bouzón, como xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.

O que se fai público en cumprimento do artigo 69.6 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2013

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia