Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Xoves, 20 de xuño de 2013 Páx. 23835

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocan para o ano 2013 as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Por medio da Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 10 de maio de 2011 aprobáronse as bases reguladoras das axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes. A través destas axudas a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar o desenvolvemento de programas específicos para as mulleres que se encontran en situacións de especial vulnerabilidade, así como tamén o desenvolvemento de recursos especializados e programas de apoio a mulleres xestantes e/ou lactantes con fillos/as menores de tres anos, todo iso co obxectivo prioritario da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Neste sentido cómpre sinalar que o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes - Estratexia 2013-2015, aprobado polo Goberno galego o 14 de febreiro de 2013, establece como obxectivo xeral avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia, fixando ademais como un dos seus obxectivos estratéxicos dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas.

En consecuencia, mediante a presente resolución procédese a convocar para o ano 2013 as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes. Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG número 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG número 214, do 5 de novembro); na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, e no que resulte de aplicación; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo), e na Resolución do 10 de maio de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes (Diario Oficial de Galicia número 96, do 19 de maio de 2011).

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas e subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes, a través dos seguintes tipos de programas:

a) Mantemento de centros de atención especializada a mulleres (centros de acollida, centros de día) nos cales se ofrece asistencia básica (aloxamento, manutención) e programas de apoio ás mulleres en situación de exclusión especial.

b) Recursos integrais específicos para mulleres xestantes e /ou lactantes con fillos e/ou fillas menores de tres anos que conteñan actuacións dos tipos que se indican e semellantes:

– De información sobre recursos existentes para elas e os seus fillos e fillas.

– De acompañamento social con medidas de apoio psicolóxico para superación de cargas emocionais provocadas pola situación de embarazo ou maternidade.

– De orientación, asesoramento e busca de emprego.

– De adquisición de competencias persoais e sociais adaptadas para a inserción laboral e para afrontar a nova situación persoal.

– De medidas de apoio urxente.

c) Recursos integrais de axuda para mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social (reclusas, ex-reclusas, drogodependentes).

d) Recursos integrais de apoio a mulleres en situación de especial protección (anciás soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes, pertencentes a minorías étnicas).

e) Recursos integrais de apoio e acompañamento dirixidos a vítimas de violencia de xénero.

f) Aqueloutros que se definan para mulleres en situación de especial discriminación ou desigualdade susceptibles de inclusión no ámbito desta resolución.

2. As bases reguladoras polas cales se rexerán estas axudas foron aprobadas por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 10 de maio de 2011 (Diario Oficial de Galicia nº 96, do 19 de maio).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos e compromisos establecidos nas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 10 de maio de 2011 e que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destinarase un orzamento total de 889.777,00 euros que se imputará á aplicación orzamentaria que se indica, e poderá estar cofinanciada ao 80 % con fondos FSE no Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 71.

Aplicación

Código proxecto

Importe

05.11.313B.481.2

2012 00093

889.777,00 euros

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Prazo e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. As persoas interesadas presentarán unha única solicitude, segundo o modelo normalizado do anexo II, xunto cos documentos que se especifican a continuación:

a) Anexo III: certificación do/a secretario/a da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención.

b) Anexo IV: declaración responsable asinada pola/o representante legal da entidade na cal se exprese a non concorrencia de ningunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estar ao día nas obrigas tributarias e sociais, estar de acordo coas actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e da Secretaría Xeral da Igualdade, facer uso non sexista da linguaxe en todas as súas formas de expresión e comunicación, así como o compromiso de realización das actuacións subvencionadas por profesionais con especialización acreditada nas áreas de igualdade entre mulleres e homes e/ou erradicación da violencia de xénero, e, de ser o caso, o compromiso de utilización da lingua galega.

c) Anexo V: declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ou, se é caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

d) Documentación acreditativa de representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

e) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación etc.), presentarase certificación orixinal da/o secretaria/o, co visto e prace da/o presidenta/e ou órganos similares, acreditativa das asociacións ou federacións integradas, especificando o nome, NIF, número asignado no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na área de igualdade, e número de socias de cada unha delas.

f) Memoria explicativa do funcionamento do centro e/ou do programa integral para o cal se solicita a axuda, definida para un período máximo de doce meses, elaborada nun documento cunha extensión non superior a dez páxinas e baixo o seguinte índice:

1. Fundamentación (con expresión das necesidades que se pretenden cubrir e da conveniencia da realización das actuacións previstas).

2. Destinatarias (con indicación do procedemento de selección e da documentación exixida ao respecto).

3. Ámbito territorial.

4. Obxectivos.

5. Descrición da acción (contidos, metodoloxía, persoas responsables).

6. Sistema de avaliación.

7. Calendario (data de inicio e finalización e duración de cada actuación das que conformen o recurso).

8. Recursos materiais.

9. Recursos humanos.

10. Recursos económicos: balance de ingresos e gastos do recurso establecido por partidas. Para o caso de que a entidade puxese posto en marcha a acción con anterioridade ao exercicio da convocatoria, reflectirase nesta memoria o balance de situación económica deste no último exercicio.

g) Orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención (anexo VI).

h) Declaración das actuacións relacionadas co obxecto desta solicitude realizadas pola entidade nos últimos dous anos, na cal conste a denominación da actividade, a descrición do seu contido, o lugar e datas de realización, o número de horas e número de participantes, as entidades implicadas no seu desenvolvemento, de ser o caso, e a valoración dos obxectivos acadados (anexo VII).

i) Para o caso de optar á axuda por incentivo, certificación relativa ao custo salarial, coas súas especificacións, de cada posto de traballo para profesionais da acción social, que reflectirá, como mínimo, o tipo de contrato, o grupo ou categoría profesional, os requisitos e titulacións exixidas e data de alta na Seguridade Social, retribucións básicas e complementarias e cotizacións sociais (anexo VIII).

j) Outra documentación que a entidade considere de interese para a valoración da solicitude.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Empregaranse obrigatoriamente os formularios normalizados que se publican como anexos da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, que se poderán obter a través da sede electrónica no enderezo https://sede.xunta.es e tamén na web http://www.igualdade.xunta.es.

Artigo 5. Criterios de valoración das solicitudes

Os criterios que servirán de base para a determinación da puntuación de cada programa serán os seguintes:

a) Localización do proxecto: máximo 10 puntos:

1. Proxecto desenvolvido en establecementos pechados (hospitais, penitenciarías, centros de acollida, de día, de recuperación ou similares), máximo 10 puntos.

2. Proxecto desenvolvido en zonas rurais, máximo 8 puntos.

b) Número de destinatarias: máximo 20 puntos:

1. Máis de 50 mulleres participantes, máximo 20 puntos.

2. Entre 25 e 50 mulleres participantes, máximo 15 puntos.

3. Menos de 25 mulleres participantes, máximo 10 puntos.

c) Temporalización do desenvolvemento do programa: máximo 20 puntos:

1. Programa de desenvolvemento permanente, máximo 20 puntos.

2. Duración ininterrompida entre 9 e 12 meses, máximo 15 puntos.

3. Duración ininterrompida entre 6 e 9 meses, máximo 10 puntos.

4. Duración inferior a 6 meses, máximo 5 puntos.

d) Calidade do proxecto: máximo 30 puntos:

1. Deseño, fundamentación e obxectivos do proxecto, máximo 15 puntos.

2. Proporcionalidade dos medios humanos e materiais do centro/programa, máximo 10 puntos.

3. Programa con financiamento deste departamento no exercicio anterior e óptimo rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos e a súa xustificación, máximo 10 puntos.

4. Grao de consolidación e experiencia previa da entidade en actuacións similares, máximo 8 puntos.

5. Entidade dedicada exclusivamente ao desenvolvemento de recursos similares ao solicitado, máximo 8 puntos.

6. Rigor técnico-administrativo na prestación de servizos ás usuarias e nas relacións institucionais, máximo 10 puntos.

e) Achega de recursos económicos ao proxecto: máximo 15 puntos:

1. Achega superior ao 60 % do custo do proxecto, 15 puntos.

2. Achega entre o 51 % e o 60 % do custo do proxecto, 13 puntos.

3. Achega entre o 41 % e o 50 % do custo do proxecto, 11 puntos.

4. Achega entre o 31 % e o 40 % do custo do proxecto, 9 puntos.

5. Achega entre o 21 % e o 30 % do custo do proxecto, 7 puntos.

6. Achega ata o 20 % do custo do proxecto, 5 puntos.

f) Galego:

1. Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento do proxecto (punto 2 anexo IV), 5 puntos.

Artigo 6. Instrución, avaliación e resolución do procedemento

1. A instrución, a avaliación e a resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras.

A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade. A resolución deberá estar debidamente motivada e indicará a solicitante ou a relación de solicitantes aos cales se lles concede a axuda, os compromisos das entidades beneficiarias, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada, o fondo europeo, eixe, categoría de gasto e porcentaxe de financiamento correspondente, a compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas, os prazos e formas de xustificación e os prazos e modos de pagamento; así mesmo indicará, de ser o caso, a denegación do resto das solicitudes e a súa causa.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, a solicitude supón a autorización ao órgano instrutor para pedir os correspondentes certificados.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade, e nos cinco días seguintes ao da notificación da concesión, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, a notificación de todas as resolucións realizarase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, as axudas concedidas, indicando a beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da axuda outorgada. Así mesmo, indicaranse as solicitudes denegadas con indicación das causas. Non obstante, o órgano competente para resolver poderá acordar a práctica da notificación individual en substitución da publicación das resolucións correspondentes.

5. Na resolución de concesión as beneficiarias serán informadas de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007), na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 7. Lugar e prazos de presentación da xustificación

Para a xustificación das axudas concedidas, as entidades presentarán, con data límite do 30 de novembro de 2013 e nos lugares indicados no artigo 4 desta convocatoria, a documentación que sinala o artigo 16 das bases reguladoras.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI427A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.igualdade.xunta.es, do teléfono 881 99 92 33, así como no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente, logo de petición de cita.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2013

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file