Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Mércores, 12 de xuño de 2013 Páx. 22340

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 4 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se acorda someter a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se revisa o Plan de recuperación do oso pardo (Ursus arctos L.) en Galicia.

De conformidade co artigo 16.1.a da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente, para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desa lei, as administracións públicas, ao estableceren ou tramitaren os procedementos que resulten de aplicación, velarán por que se informe o público, mediante avisos públicos ou outros medios apropiados, como os electrónicos, cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

Dentro das materias sobre as que deben as administracións públicas asegurar que se observen as garantías en materia de participación, atópase a de conservación da natureza e a diversidade biolóxica, segundo o artigo 18 da Lei 27/2006, do 18 de xuño.

O Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 3, unha nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, á cal se adscribe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Con data do día 11 de abril publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se someten a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se revisa o Plan de recuperación do oso pardo (Ursus arctos L.) en Galicia e o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia.

Desde a data da publicación do anuncio no DOG recibíronse un importante número de consultas de particulares, concellos e interesados sobre o proxecto de decreto polo que se revisa o Plan de recuperación do oso pardo (Ursus arctos L.) en Galicia. Por isto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considera necesario dar unha maior oportunidade de participación e acceso á información para valorar axeitadamente esta proposta normativa e para garantir unha maior participación da cidadanía neste trámite administrativo,

ACORDO:

Someter a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se revisa o Plan de recuperación do oso pardo (Ursus arctos L.) en Galicia, por un prazo de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte día ao da publicación deste anuncio.

Poderase consultar o proxecto de decreto na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Conservacion?content=Direccion_Xeral_
Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=Plans_en_tramitacion.html&sub=Especies_ameazadas/

As alegacións remitiranse mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico:
biodiversidade2.cma@xunta.es

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2013

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza