Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 7 de xuño de 2013 Páx. 21354

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2013, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se fai pública a modificación da participación dos fondos da Unión Europea, da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma, nas axudas concedidas con cargo ao Fondo Europeo de Pesca 2007-2013.

Por Decisión da Comisión Europea do 13 de decembro de 2007 aprobouse o Programa operativo de intervención comunitaria do Fondo Europeo de Pesca de España para o período de programación 2007-2013 (programa), que recolle, no seu artigo 3, os importes máximos de cofinanciamento do Fondo Europeo e Pesca (FEP), para cada un dos eixes prioritarios.

Todas as bases reguladoras das ordes de axuda amparadas polo Programa operativo do FEP 2007-2013, publicadas ao longo do período 2007-2012, facían referencia ás taxas de financiamento aprobadas no cadro financeiro do FEP para Galicia, que eran dun 61 % para o FEP e dun 39 % para o Estado membro.

Mediante a Decisión da Comisión Europea C (2012) 9373, do 12 de decembro de 2012, que modifica a Decisión C (2007) 6615, do 13 de decembro de 2007, aprobouse unha nova reprogramación pola que se establece o cofinanciamento do FEP nun 75 % da contribución pública total para todas as medidas do programa. Como consecuencia desta reprogramación, a contribución nacional variou, redistribuíndose os importes correspondentes á Administración central e autonómica.

De acordo coa letra b) do artigo 51.2 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, a autoridade de xestión do programa operativo informará os beneficiarios do importe da contribución comunitaria. Esta responsabilidade será asumida, igualmente, polo organismo intermedio, de conformidade co establecido no artigo 38.2 do Regulamento (CE) nº 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo de 2007, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

De conformidade coa normativa citada e en uso das facultades que me foron conferidas no Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), modificado polo Decreto 131/2012, do 31 de maio (DOG núm. 113, do 14 de xuño),

RESOLVO:

Primeiro. Facer pública a modificación da contribución do FEP, da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma, nas operacións aprobadas en Galicia no marco do Programa operativo de intervención comunitaria do Fondo Europeo de Pesca de España para o período de programación 2007-2013, de acordo coa reprogramación aprobada pola Decisión da Comisión Europea C (2012) 9373, do 12 de decembro de 2012.

Segundo. A lista de beneficiarios coa redistribución do importe concedido, atendendo ás novas porcentaxes de cofinanciamento está dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar: http://www.medioruralemar.xunta.es/mar

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2013

Juan Carlos Maneiro Cadillo
Secretario xeral do Mar