Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2013 Páx. 18455

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2013 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública dos documentos iniciais do segundo ciclo de planificación hidrolóxica 2015-2021 da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

O Regulamento de planificación hidrolóxica, aprobado polo Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, regula, no seu título terceiro, o procedemento de seguimento e revisión dos plans hidrolóxicos, que serán realizados polos organismos de bacía correspondentes ou pola Administración hidráulica competente, nas bacías comprendidas integramente no ámbito territorial da comunidade autónoma.

A planificación hidrolóxica ten como obxectivos xerais acadar o bo estado e a axeitada protección das augas das demarcacións hidrográficas, a satisfacción das demandas de auga, o equilibrio e a harmonización do desenvolvemento rexional e sectorial, incrementando as dispoñibilidades do recurso, protexendo a súa calidade, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos en harmonía co ambiente e cos demais recursos naturais.

De acordo co establecido na Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, de acordo co establecido no Regulamento de planificación hidrolóxica citado, e segundo o establecido no artigo 77 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que recolle as competencias en materia de planificación hidrolóxica da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa,

RESOLVO:

1º. Poñer en marcha os traballos do segundo ciclo de planificación hidrolóxica 2015-2021, iniciando o proceso de revisión do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

2º. Anunciar a apertura do período de consulta pública dos documentos iniciais do segundo ciclo de planificación hidrolóxica 2015-2021 da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que son: programa, calendario, estudo xeral da demarcación e fórmulas de consulta.

Para estes efectos, os citados documentos poderanse consultar desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e polo período de seis meses, nas oficinas dos servizos territoriais e dos servizos centrais de Augas de Galicia e na páxina web deste organismo de conca: http://augasdegalicia.xunta.es

A modalidade de participación neste proceso de consulta pública será por escrito, e deberanse dirixir as instancias ao director de Augas de Galicia, con enderezo na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9,15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2013

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia