Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2013 Páx. 18230

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de maio de 2013 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada polo sindicato CIG na empresa Ambulancias Xubias, que se levará a efecto desde as 00.00 horas do día 27 de maio con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente con relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga convocada pola organización sindical CIG afecta todos os traballadores da empresa Ambulancias Xubias do centro de traballo da Coruña e levarase a efecto desde as 00.00 horas do 27 de maio con carácter indefinido. A dita empresa realiza transporte programado e interhospitalario da área da Coruña.

Con base no anterior, e logo da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1

A convocatoria da folga que afecta o persoal da empresa Ambulancias Xubias do centro de traballo da Coruña, que se levará a efecto desde as 00.00 horas do 27 de maio con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se dispoñen nesta orde.

Por tratarse dunha folga indefinida, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se lle produzan graves prexuízos á cidadanía que, respectando o exercicio do dereito á folga, baixo ningún concepto pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

Establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

1) O 100 % dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía e diálise.

2) Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo como mínimo un vehículo, determinarase o 50 % dos recursos por quendas de traballo.

3) No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios cubrirase o servizo no caso de que o paciente necesite padiola.

Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte estes criterios reitores, deberán contar coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllese o número de  efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominativa e individual do dito persoal.

A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios  e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías a poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

Anexo
Ambulancias

Mañá (das 8.00 ás 15.00 horas)

Tarde (das 15.00 ás 21.00 horas)

Noite (das 21.00 ás 8.00 horas)

De luns a venres

5

6

2

Sábado e domingo

3

3

2