Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 23 de maio de 2013 Páx. 18065

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, pola que se acorda a suspensión na tramitación de expedientes de adopción internacional para Burundi.

De conformidade co previsto no artigo 29 do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, segundo o disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, entre elas a recepción, o rexistro e a tramitación dos expedientes de adopción internacional, ben sexa directamente ou ben a través de entidades debidamente habilitadas que realicen a súa función de mediación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Dirección Xeral de Familia e Inclusión é a autoridade central designada pola Comunidade Autónoma de Galicia para dar cumprimento ás obrigas que impón o Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, de protección do neno e cooperación en materia de adopción internacional.

Segundo establece o artigo 3 da Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, a adopción internacional de menores respectará os principios inspiradores da Convención de Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989 e do Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, relativo á protección de dereitos do neno e á cooperación en materia de adopción internacional.

Así mesmo, no seu artigo 4.1º a citada lei establece que non se tramitarán solicitudes de adopción de menores nacionais doutro país ou con residencia habitual noutro Estado cando no país non se dean as garantías adecuadas para a adopción e as prácticas e trámites da adopción nel non respecten o interese do menor ou non cumpran os principios éticos e xurídicos internacionais referidos no artigo 3.

A mesma lei, no seu artigo 4.4º, dispón que para os efectos da decisión que deba adoptar a entidade pública competente en cada comunidade autónoma; nos supostos previstos nos números 1 e 2 deste artigo, procurarase a correspondente coordinación autonómica; a dita decisión poderá someterse á consideración previa do correspondente órgano de coordinación institucional das administracións públicas sobre adopción internacional, así como do Consello Consultivo de Adopción Internacional.

A Comisión Interautonómica de Directores Xerais de Infancia do 15 e 16 de abril de 2013 acordou non admitir nas entidades públicas novas solicitudes de adopción para Burundi e facer desde as comunidades un seguimento das asignacións que se reciban e dos procedementos de tramitación de adopcións que se levan a cabo no dito país coa finalidade de ter un coñecemento maior da tramitación de adopcións.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Non admitir novas solicitudes de adopción para Burundi que se presenten a partir do 16 de abril de 2013.

Contra esta resolución que non esgota a vía administrativa poderase interpoñer, no prazo dun mes desde a súa publicación no DOG, recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, segundo o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2013

María Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia e Inclusión