Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2013 Páx. 17344

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO polo que se declara deserto o concurso, polo procedemento aberto, para o alleamento das parcelas 150, 151, 155 e 166 do PMS (expediente 1698/433).

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo, en data do 1 de marzo de 2013, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. De conformidade coa proposta da mesa de contratación que tivo lugar o 14.2.2013, adxudicouse aos licitadores que a seguir se indican os seguintes lotes do concurso para o alleamento de parcelas do patrimonio municipal do solo con destino á construción de vivenda de protección autonómica de réxime xeral:

• Lote 1 (parcela 2.A do PERI praza Elíptica, PMS 049) á mercantil CYP Promoción Pontevedra, S.L., polo tipo de licitación de 831.002,60 euros máis IVE, con destino á construción de vivendas protexidas de réxime xeral ou réxime análogo que o substitúa, das cales o 100 % serán adaptadas a persoas con mobilidade reducida, e o 40 % das vivendas construídas serán destinadas a aluguer con ou sen opción a compra.

• Lote 5 (parcela 13.2 U.E. Villalaura, PMS 167) á mercantil Fersuar, S.L., polo tipo de licitación de 154.427,36 euros máis IVE, con destino á construción de vivendas protexidas de réxime xeral ou réxime análogo que o substitúa, das cales o 50 % serán adaptadas a persoas con mobilidade reducida, e o 100 % das vivendas construídas serán destinadas a aluguer con ou sen opción a compra.

Os contratos formalizaranse en escritura pública no prazo de 15 días desde a notificación ao adxudicatario do acordo de adxudicación; para estes efectos, os adxudicatarios deberán concorrer o día e a hora que se sinale perante o notario que corresponda para o outorgamento da escritura correspondente.

Na escritura e no rexistro da propiedade deberán constar como causas resolutorias expresas tanto as indicadas na cláusula 13.4 do prego como os compromisos adquiridos polos adxudicatarios, tocante á porcentaxe de reserva de vivendas protexidas destinadas a alugueiro con ou sen opción a compra, e á porcentaxe de vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

Serán conta do adxudicatario todos os impostos e gastos de calquera tipo que deriven do contrato, incluídos os de outorgamento da escritura pública e as súas copias, e os correspondentes aos dereitos arancelarios da inscrición no Rexistro da Propiedade.

Segundo. Notificar o presente acordo aos licitadores que presentaron ofertas, con indicación de que contra este, que pon fin á vía administrativa, poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que o ditou no prazo dun mes ou, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados en ambos casos desde o día seguinte ao da notificación do presente acordo, ou calquera outro que consideren pertinente.

Requirir na mesma notificación os licitadores que resultaron adxudicatarios para que no prazo de 10 días, contado desde o día seguinte ao de recepción da notificación do presente acordo, presenten a documentación acreditativa de encontrarse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Terceiro. Consonte a proposta da mesa de contratación, declarar desertos os seguintes lotes, por non terse presentado ningunha oferta:

• Lote 2, parcelas B.8.A e B.8.B do PP. Cambeses (PMS 150 e 151).

• Lote 3, parcela 8 U.A. Chantada (PMS 155).

• Lote 4, parcela 13.1 U.E. Villalaura (PMS 166).

Publicar no BOP e no DOG anuncios da declaración como deserto do concurso exclusivamente no tocante aos lotes indicados.

Cuarto. Publicar o presente acordo de adxudicación e declaración de desertos dos lotes integrantes do concurso no perfil do contratante».

Vigo, 17 de abril de 2013

Mª del Carmen Silva Rego
Concelleira delegada da Área de Urbanismo, Cascos Históricos,
Grandes Proxectos e Patrimonio