Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2013 Páx. 16906

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2013.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, configurou os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obraren para o cumprimento dos seus fins. A dita lei atribúelles a estes organismos a xestión da respectiva denominación xeográfica, o que supón a realización de diversas funcións, entre as que están a de velar polo prestixio da denominación e polo cumprimento das súas disposicións normativas e aplicar, de ser o caso, os sistemas de control necesarios para garantir a calidade e a orixe dos produtos certificados.

A realización destas tarefas supón un labor de notable complexidade, cuxo desenvolvemento eficaz constitúe un factor clave na credibilidade da denominación, e que representa un importante custo económico para os consellos reguladores.

Para apoiar a realización destas actividades polos consellos reguladores aprobouse a Orde do 19 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2012.

Unha vez iniciado o exercicio orzamentario 2013, procede realizar algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras e realizar a convocatoria correspondente a este ano. Para unha maior seguridade xurídica óptase pola publicación dunhas novas bases reguladoras que recollan estes cambios.

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro).

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, vai conceder a Consellería do Medio Rural e do Mar para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade das reguladas no capítulo II do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou acollidos á produción ecolóxica, así como efectuar a convocatoria para o ano 2013.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos
por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentaria

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentaria existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir os requisitos do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Artigo 3. Actividades subvencionables

Serán subvencionables:

a) Todas aquelas actuacións realizadas, directa ou indirectamente, polos consellos reguladores, encamiñadas a garantir a calidade e a orixe dos produtos da correspondente denominación.

b) As actuacións en estudos, investigacións e desenvolvemento de programas encamiñados á mellora da calidade dos produtos obxecto de protección.

c) Os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador no cumprimento da norma EN-45011 ou na norma ISO 17065, aplicables a entidades que certifican produto, así como os das auditorías necesarias para o mantemento da acreditación. Tamén serán subvencionables os gastos para a acreditación na norma ISO 17025, e o mantemento desta, en que incorran os consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Artigo 4. Gastos subvencionables

Consideraranse subvencionables:

a) Os gastos orixinados pola participación do persoal propio do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade.

b) A adquisición de bens de equipamento e materiais, incluídos os equipamentos e aplicacións informáticas, que se empreguen na execución dos programas de control. Tamén será subvencionable o alugamento e o leasing deste equipamento.

c) Os gastos derivados da realización de análises de laboratorio relacionados coa certificación do produto.

d) Os gastos de consultoría externa en que incorra o consello regulador para a preparación da documentación necesaria para acadar a acreditación e os das auditorías a que se vexa sometido tanto para a acreditación nas normas EN 45011, ISO 17065 ou ISO 17025, como para o seu mantemento.

e) Os gastos en estudos realizados por terceiros cuxo obxecto sexa a mellora da calidade do produto ou a mellora dos sistemas para o seu control.

Artigo 5. Límites e contías das axudas

1. Para a concesión destas subvencións resulta de aplicación o disposto no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

2. A subvención asignada para cada programa poderá acadar como máximo o 50 % do importe da actividade subvencionable.

3. A repartición das axudas farase polo sistema de rateo. Atenderanse, en primeiro lugar, os gastos relacionados coa acreditación dos consellos reguladores na norma de calidade para entidades que certifican produto (norma UNE-EN 45011 ou ISO 17065, que a substituirá), cun máximo de gasto subvencionable de 12.000 euros e de 6.000 euros de axuda. Para consellos reguladores que teñan acreditados máis de un alcance, o investimento subvencionable incrementarase en 6.000 euros e a axuda en 3.000 euros por cada alcance adicional acreditado. Incluiranse aquí tamén os alcances acreditados no marco da norma ISO 17025 para aqueles consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Todos estes gastos estarán directamente relacionados co mantemento da acreditación e coas determinacións analíticas realizadas, por obriga da acreditación, por laboratorios acreditados para as ditas determinacións. Tamén poderán percibir esa cantidade os consellos reguladores aínda non acreditados para cubrir os gastos en que incorran polas actuacións relacionadas directamente co proceso de acreditación.

Para os demais gastos non incluídos no parágrafo anterior, o gasto máximo subvencionable será de 28.000 euros e o importe máximo de axuda por entidade beneficiaria será de 14.000 euros.

Artigo 6. Compatibilidade con outras axudas

1. De acordo co establecido no Regulamento (CE) 1998/2006, estas axudas non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión.

O beneficiario queda obrigado a comunicarlle de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

2. Ademais, e segundo o recollido no dito regulamento, o importe da subvención concedida sumado a outras axudas de minimis recibidas polo beneficiario non superará o importe de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse en instancia dirixida á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co modelo que figura no anexo I que se xunta a esta orde, acompañada dunha memoria explicativa na cal se recollan detalladamente todos os gastos que se pretende que sexan subvencionados, especificando o cronograma de execución e cales deles están directamente vinculados coa consecución da acreditación ou co seu mantemento. Ademais, presentarase convenientemente cuberto o anexo II desta orde, coa declaración de axudas de minimis e doutras axudas e do cumprimento dos demais requisitos exixibles.

Consonte o establecido no artigo 7 da Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 134, do 10 de xullo), pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, os interesados poderán dar consentimento expreso na solicitude para que o órgano competente da Administración comprobe por medios electrónicos os seus datos persoais. No caso de non autorizar esta consulta, deberá achegar copia do DNI.

2. Os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, as solicitudes poderán presentaranse no Rexistro Xeral do Edificio Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina, a data e o lugar da súa admisión.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Porén, o solicitante pode denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón os certificados nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que a persoa interesada recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos investimentos realizados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de setembro dese ano.

Ademais, a resolución de concesión indicará que a subvención concedida ten o carácter de axuda de minimis, conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro).

Artigo 9. Tramitación e pagamento das axudas

1. Realizados os gastos o beneficiario presentará, con destino á Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do programa desenvolvido e xustificantes dos gastos realizados, acompañados dunha relación numerada de todos eles. No caso das facturas, presentarase orixinal e fotocopia, e no do pagamento de salarios a traballadores, fotocopia compulsada das nóminas e TC2. Presentarase tamén a documentación que acredite o pagamento dos gastos realizados (extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario). Na memoria especificaranse cales dos gastos realizados están, de ser o caso, directamente vinculados coa acreditación do consello regulador, conforme o establecido no artigo 5.3 desta orde.

b) Declaración de que o consello regulador non ten a condición de empresa en crise conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do R(CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación cos grandes empresas.

c) Declaración do beneficiario sobre calquera outra axuda de minimis (Regulamento (CE) 1998/2006) solicitada ou recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

d) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida.

Estes pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía ao serlles de aplicación o establecido na letra i) da alínea 4 do artigo 65 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 10. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, e de conformidade co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir as unidades correspondentes da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estas, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 11. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, no cal se aplicarán os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario non realice e non xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento da notificación da resolución do procedemento de reintegro ao interesado, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa.

CAPÍTULO II
Convocatoria 2013

Artigo 13. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2013 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 14. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde.

Artigo 15. Financiamento das axudas

As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2013, na aplicación orzamentaria 12.20.713D.781.0, código de proxecto 2011 00765, cunha dotación de 189.860 euros. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional primeira. Publicación e tratamento de datos

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración publica galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes para ditar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file