Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2013 Páx. 15889

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 3 de maio de 2013 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2013/14.

O Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes (DOG núm. 62, do 31 de marzo), faculta na súa disposición derradeira primeira a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para desenvolver e executar o disposto nel.

En consecuencia, e en virtude da facultade conferida polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto a convocatoria das prazas de residencia vacantes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o alumnado dos centros que se sinalan no anexo I.

2. No caso dos centros privados concertados, será requisito indispensable que os estudos cursados estean incluídos no ámbito do concerto.

Artigo 2. Determinación das prazas de residencia vacantes

1. Os centros residenciais docentes remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, antes do 10 de maio de 2013, o número de prazas vacantes para o curso académico 2013/14.

2. Esta relación de prazas de residencia vacantes publicarase na páxina web dos centros residenciais docentes a partir da data indicada.

Artigo 3. Requisitos de nacionalidade e residencia da persoa solicitante

1. Poderá presentar a solicitude de praza de residencia o alumnado que teña a nacionalidade española, dalgún Estado membro da Unión Europea ou doutros países con residencia en España, para iniciar ou continuar estudos nos centros docentes respectivamente adscritos aos centros residenciais da Coruña, Ourense e Vigo, conforme o indicado no artigo 1, así como os actuais residentes que teñan rematado un nivel educativo ou ciclo e desexen seguir como tales no seguinte nivel ou ciclo e, sempre que existan vacantes, o resto de alumnado residente; terán preferencia neste último caso aqueles que pretendan continuar os estudos da mesma familia profesional e no mesmo nivel educativo.

2. Así mesmo, será necesario que os estudos para os cales solicita a praza de residencia non os poida cursar na localidade de residencia da unidade familiar por non existir un centro sostido con fondos públicos que os imparta, nin nunha localidade próxima, ou porque a distancia entre este e o domicilio familiar e os medios de comunicación dispoñibles impidan un acceso diario con facilidade.

Con carácter excepcional poderase exceptuar o cumprimento do requisito sinalado no parágrafo anterior no caso de concorrencia no solicitante dalgunha circunstancia persoal ou familiar moi grave, debidamente xustificada e acreditada.

Artigo 4. Requisitos académicos

1. As persoas solicitantes de praza de residencia deberán reunir os requisitos académicos previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para accederen ao curso para que solicitan a praza.

2. Non se concederá praza de residencia para repetir curso, salvo excepcións debidamente autorizadas pola xefatura territorial correspondente por proposta da dirección do centro residencial docente e logo de informe da Inspección educativa.

Artigo 5. Requisito de renda da unidade familiar

1. Se a renda da unidade familiar non excede o limiar 4 fixado no Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2012/13 (BOE núm. 160, do 5.7.2012), os residentes obterán praza gratuíta.

2. Se a renda da unidade familiar supera o limiar citado nas porcentaxes que a seguir se indican, os residentes deberán aboar as contías anuais que se sinalan.

a) Os que o superen ata un 10 %: 538,00 €.

b) Os que o superen máis do 10 % e ata un 20 %: 825,00 €.

c) Os que o superen máis do 20 % e ata un 30 %: 1.307,00 €.

d) Os que o superen máis do 30 %: 1.968,00 €.

3. A achega desta cantidade poderá fraccionarse ata un máximo de 3 prazos trimestrais, que deberán aboarse anticipadamente antes do inicio do respectivo trimestre.

Artigo 6. Unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros da unidade familiar a alumna ou alumno, os pais ou titores e os irmáns menores de idade que convivan no domicilio familiar; así mesmo, computaranse os irmáns maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

2. No caso de separación legal ou divorcio, non se considerará como membro computable da unidade familiar o proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante. No entanto, o novo cónxuxe, parella de feito ou persoa unida por análoga relación de afectividade co proxenitor con que conviva o solicitante si terá a consideración de membro computable da unidade familiar.

3. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica deberá achegar a documentación xustificativa destas circunstancias, os medios económicos con que conte e a titularidade ou aluguer do domicilio de residencia habitual.

Artigo 7. Renda da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terá a consideración de renda da unidade familiar a suma dos ingresos obtidos por todos os membros computables da unidade familiar que obteñan ingresos de calquera natureza, calculada segundo se indica nos puntos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto da renda das persoas físicas.

2. Nos casos de separación legal ou divorcio, a contribución económica do proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante compútase para os efectos do cálculo da renda da unidade familiar.

Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe, parella de feito ou persoa unida por análoga relación de afectividade co proxenitor que conviva co solicitante compútanse para os efectos do cálculo da renda da unidade familiar.

3. A renda da unidade familiar de referencia será a correspondente ao exercicio fiscal do ano 2011.

Capítulo II
Normas de procedemento

Artigo 8. Solicitudes de praza de residencia e prazo de presentación

1. As solicitudes faranse no modelo do anexo II desta orde, irán dirixidas á dirección do centro residencial docente e poderán presentarse directamente neste ou en calquera dos lugares indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4 da devandita lei.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Ademais, establécese un prazo extraordinario de presentación de solicitudes durante a primeira quincena do mes de setembro, para o suposto de ensinanzas autorizadas pola Administración educativa con posterioridade á publicación desta orde.

4. Así mesmo, poderá presentar solicitudes durante este prazo extraordinario o alumnado que realice ciclos formativos e, excepcionalmente no curso académico 2013/14, o de bacharelato.

5. Excepcionalmente e con respecto aos estudos universitarios, solicitarán praza só para o curso 2013/14, tendo en conta que o curso escolar durará o que se especifique no calendario escolar que esta consellería publicará no DOG no seu momento e que, en todo caso, os centros residenciais docentes pecharán as súas portas antes do 30 de xuño de 2014.

Artigo 9. Petición de renovación de praza de residencia e documentación

As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia conservarán esta para os seguintes cursos dun mesmo nivel ou grao educativo, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos nos termos sinalados no artigo 4 e non variasen as demais circunstancias que se tiveron en conta para a concesión inicial.

Para tal efecto xuntarase certificado oficial das notas obtidas no curso correspondente.

Artigo 10. Documentación en caso de solicitude de praza de residencia

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

1. Certificado do padrón municipal en que figuren todos os membros da unidade familiar que conviven nel, e no cal deberá constar o número de habitantes da entidade de poboación.

2. Certificación dos servizos sociais que xustifique ou acredite que na localidade de residencia da unidade familiar concorren as circunstancias a que se refire o último parágrafo do artigo 3.2 desta orde ou as situacións excepcionais reflectidas no segundo parágrafo do mesmo artigo.

3. Documentación necesaria para xustificar que a renda da unidade familiar reúne os requisitos exixidos no artigo 3 desta orde.

4. Certificado oficial das notas obtidas no curso escolar 2011/12.

5. As persoas interesadas autorizarán expresamente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para solicitar ante o Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a información de identidade persoal necesaria para o procedemento de adxudicación de prazas. De non autorizaren esta consulta, deberán achegar copia do documento de identidade correspondente.

Artigo 11. Autorización de acceso a datos de información tributaria

De conformidade cos artigos 95.1º, alínea k e 95.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, na solicitude de admisión os pais, nais ou representantes legais autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precise para acreditar a renda anual da unidade familiar, que será subministrada directamente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco da colaboración entre ambas.

A falta de presentación da autorización expresa determinará que a solicitude se bareme con cero puntos neste criterio, e ao alumnado corresponderalle, no caso de ser seleccionado, aboar a contía recollida no artigo 5.2.d) desta orde.

Artigo 12. Documentación complementaria e falta de acreditación

1. A dirección do centro residencial docente ou, de ser o caso, a comisión de valoración, poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria para constatar a concorrencia dos requisitos e os criterios de valoración alegados para a concesión inicial ou para a renovación de praza de residencia, así como para constatar a coincidencia entre a situación alegada e a situación real.

2. A falta ou insuficiente acreditación dun requisito impedirá obter a praza de residencia.

3. Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de valoración, atribuiránselle nel 0 puntos.

Capítulo III
Criterios de valoración das solicitudes

Artigo 13. Criterios

1. A valoración das solicitudes realizarase conforme as cualificacións socioeconómicas e o rendemento académico.

2. A valoración socioeconómica abrangue os seguintes aspectos: composición da unidade familiar, orfandade ou calquera outra situación familiar especial; número de habitantes do lugar de residencia da unidade familiar; renda da unidade familiar.

Artigo 14. Composición da unidade familiar, orfandade ou calquera outra situación familiar especial e renda

1. En atención á composición da unidade familiar e á condición de orfo, asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Por cada irmá ou irmán, incluído o propio solicitante: 0,50 puntos.

b) Por cada irmá ou irmán residente no mesmo centro para o cal se presenta a solicitude: 0,50 puntos.

c) Por orfandade: 10 puntos.

d) Por orfandade absoluta: 15 puntos.

2. Por circunstancias familiares especiais, que se sinalan, engadiranse ata 5 puntos:

a) Situación de violencia de xénero.

b) Que os pais ou titores do alumnado residan no estranxeiro.

c) Unidade familiar con membros con discapacidade física, psíquica ou sensorial e que non perciban ingresos.

d) Nai ou pai do alumnado en situación de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez ou que estea afectado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a súa única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola citada incapacidade ou estean desempregados sen percepción do subsidio por desemprego.

3. Por ingresos anuais: ao cociente que resulte de dividir os ingresos anuais polo número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 4.265,00 €: 10 puntos.

De 4.265,01 a 4.840,00 €: 8 puntos.

De 4.840,01 a 5.420,00 €: 7 puntos.

De 5.420,01 a 5.992,00 €: 6 puntos.

De 5.992,01 a 6.620,00 €: 5 puntos.

De 6.620,01 a 7.145,00 €: 4 puntos.

De 7.145,01 a 7.726,00 €: 3 puntos.

De 7.726,01 a 8.300,00 €: 2 puntos.

De 8.300,01 a 8.878,00 €: 1 punto.

Máis de 8.878,00 €: 0 puntos.

Artigo 15. Número de habitantes da poboación de residencia da unidade familiar

En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación de residencia da unidade familiar, atribuirase aos solicitantes a seguinte puntuación:

1. Poboacións de menos de 1.000 habitantes: 5 puntos.

2. Poboacións entre 1.001 e 2.000 habitantes: 4 puntos.

3. Poboacións entre 2.001 e 5.000 habitantes: 3 puntos.

4. Poboacións entre 5.001 e10.000 habitantes: 2 puntos.

5. Poboacións entre 10.001 e 20.000 habitantes: 1 punto.

6. Poboacións de máis 20.000 habitantes: 0 puntos.

Artigo 16. Supostos excepcionais

1. As xefaturas territoriais poderán propoñer á comisión de valoración que considere como supostos excepcionais os casos concretos de solicitantes que presenten unha problemática específica ou residan en zonas con grandes dificultades de escolarización.

2. A comisión de valoración, logo de ponderación destas circunstancias, poderá outorgarlles unha puntuación adicional de ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 17. Rendemento académico

O rendemento académico dos solicitantes valorarase numericamente en función da nota media obtida nas diversas materias no curso académico 2011/12 segundo a táboa seguinte:

1. Non presentado ou moi deficiente: 1 punto.

2. Insuficiente ou non apto: 3 puntos.

3. Suficiente, apto ou validado: 5,5 puntos.

4. Ben: 6,5 puntos.

5. Notable: 7,5 puntos.

6. Sobresaliente: 9 puntos.

Capítulo IV
Adxudicación de prazas de residencia

Artigo 18. Comisión de valoración

1. Corresponderá á comisión de valoración constituída para o efecto a valoración dos criterios xustificados polas persoas solicitantes para efectos de atribuírlles a puntuación correspondente.

2. A comisión de valoración estará composta por:

a) Presidencia: o director xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: o/a director/a de cada un dos centros residenciais docentes.

c) Un/unha representante do servizo de recursos educativos complementarios das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

d) Un/unha representante da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

e) Dúas persoas funcionarias da consellería competente en materia de educación, das cales unha actuará como secretaria.

Artigo 19. Puntuación total e mínima

1. A comisión de valoración determinará a puntuación que corresponde a cada solicitante por criterios socioeconómicos e por rendemento académico.

2. A puntuación total será o resultado de sumar a puntuación obtida por criterios socioeconómicos e por rendemento académico.

3. Á vista do número de solicitudes presentadas e das prazas dispoñibles, a comisión de valoración fixará unha puntuación mínima para os criterios socioeconómicos e para o rendemento académico, para cada un dos cursos impartidos nos centros docentes adscritos aos centros residenciais respecto dos cales se presentasen solicitudes.

Artigo 20. Exclusión por non acadar a puntuación mínima

As persoas solicitantes que non acaden a puntuación mínima fixada para os criterios socioeconómicos e/ou para o rendemento académico quedarán excluídas do proceso de selección.

Artigo 21. Proposta de adxudicación provisional

1. A comisión de valoración elaborará e remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a proposta de adxudicación provisional de prazas de residencia, seguindo a puntuación total obtida polos solicitantes, así como a relación provisional de excluídos por non acadaren a puntuación mínima.

Así mesmo, elaborará unha relación de suplentes para cubrir as vacantes que poidan producirse.

2. A resolución de adxudicación provisional, a relación de suplentes e a relación de excluídos por non acadaren a puntuación mínima publicarase na páxina web da consellería de educación antes do 15 de xuño de 2013, e indicará o centro asignado e se a praza é totalmente gratuíta ou, de ser o caso, o importe que tería que aboar o adxudicatario provisional, e, así mesmo, que contra ela as persoas interesadas poderán formular reclamación ante a propia comisión no prazo de 10 días hábiles seguintes ao da súa publicación.

3. Así mesmo, remitirase copia da resolución de adxudicación provisional e da relación de suplentes ao respectivo centro residencial docente, para a súa exposición no taboleiro de anuncios e comunicación, de ser o caso, aos interesados.

4. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación da adxudicación definitiva.

Artigo 22. Adxudicación definitiva

1. A comisión de valoración elaborará e remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a proposta de adxudicación definitiva de prazas de residencia, así como a relación definitiva de excluídos por puntuación e a relación de suplentes.

2. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos resolverá a adxudicación definitiva de prazas de residencia, que indicará o centro asignado e se a praza é totalmente gratuíta ou, de ser o caso, o importe que ten que aboar o adxudicatario.

Contra a relación definitiva de excluídos por puntuación as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada.

3. A resolución de adxudicación definitiva e a relación de suplentes indicando o centro asignado publicarase antes do 20 de xullo de 2013 na páxina web da consellería competente en materia de educación.

4. Así mesmo, remitirase copia da resolución de adxudicación definitiva e da relación de suplentes ao respectivo centro residencial docente, para a súa exposición no taboleiro de anuncios e comunicación aos interesados.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de cinco meses desde a presentación da solicitude, esta entenderase desestimada.

5. A adxudicación de praza residencial queda condicionada a que o interesado presente na secretaría do centro residencial docente respectivo un xustificante acreditativo de que foi admitido no centro docente para o que solicitase cursar os seus estudos, que necesariamente terá que ser na mesma localidade que o centro residencial docente. Para estes efectos enténdese que o centro residencial docente da Coruña comprende as localidades da Coruña e Culleredo.

Capítulo V
Adxudicación de prazas de residencias en supostos especiais

Artigo 23. Adxudicación de prazas de residencia derivadas de solicitudes presentadas no prazo extraordinario

A tramitación das solicitudes de praza de residencia presentadas no prazo extraordinario, durante a primeira quincena do mes de setembro axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e prazos, que terán que axustarse ás exixencias derivadas do inicio do curso escolar nos respectivos centros docentes.

Artigo 24. Adxudicación de prazas de residencia vacantes durante o curso

Para a cobertura das prazas de residencia que queden vacantes durante o curso, a dirección do respectivo centro residencial docente acudirá á lista de suplentes, seguindo a orde de puntuación.

Capítulo VI
Obrigas do alumnado adxudicatario e perda da praza de residencia

Artigo 25. Incorporación do alumnado

1. Os centros residenciais docentes elaborarán as normas de incorporación e publicaranas cunha anticipación de 10 días hábiles no seu taboleiro de anuncios, para coñecemento do alumnado residente. Así mesmo, na mesma data remitirán copia das normas de incorporación á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. Os residentes, no momento da súa incorporación ao centro, deberán acreditar mediante certificado médico oficial o seu estado de saúde, que deberá permitir o normal
desenvolvemento da vida residencial ou docente.

Así mesmo, deberá achegar xustificante acreditativo de estar admitido no centro docente correspondente, que, necesariamente, ten que ser na mesma localidade que, o centro residencial docente. Para estes efectos enténdese que o centro residencial docente da Coruña, comprende as localidades de Culleredo e A Coruña.

A adxudicación da praza de residencia permitiralle considerar como domicilio o centro residencial docente, para os únicos efectos de valoración por proximidade do domicilio no proceso de admisión de centros sostidos con fondos públicos para o curso académico 2013/14. Para estes efectos, a certificación que expidan os centros residenciais docentes equivalerá á emitida polo concello de que se trate.

3. Os residentes están suxeitos ao réxime interno do centro e deberán respectar as normas de convivencia e horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

4. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados os fins de semana, tal e como se estableza nas normas de réxime interno do centro (do venres pola tarde ao domingo pola tarde).

Artigo 26. Perda da praza de residencia

1. O alumnado residente perderá a praza polas seguintes causas:

a) Non incorporarse ao centro residencial na data de inicio do curso escolar indicada polo centro docente en que estea matriculado, agás causa xustificada de forza maior.

b) Inexactitude ou falsidade nos datos e información achegada cando afecte a concorrencia de requisitos.

c) Inexactitude ou falsidade nos datos e información achegada cando, afectando criterios de valoración, fose determinante da adxudicación da praza de residencia.

d) Perda da condición de alumna ou alumno do centro docente en que debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza.

e) Baixo rendemento académico.

f) Faltas reiteradas de asistencia sen xustificar.

g) Incumprimento do réxime interno do centro residencial que altere o normal desenvolvemento da convivencia.

2. A dirección do centro residencial docente, tendo en conta o recollido no punto 1 deste artigo, concederá ao alumnado afectado un prazo de 5 días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes.

3. A dirección do centro, á vista das alegacións efectuadas ou transcorrido o prazo concedido para presentalas, e logo de oír o consello de residencia, resolverá o procedente no prazo de 5 días hábiles.

Na notificación desta resolución indicarase a posibilidade de interpoñer recurso de alzada.

Capítulo VII
Recursos

Artigo 27. Recursos

1. A resolución de exclusión do proceso de adxudicación de prazas de residencia, a resolución de adxudicación definitiva de prazas e resolución en que se declare a perda da praza de residencia, non poñen fin á vía administrativa, e contra elas as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación ou notificación, de ser o caso.

2. Contra a resolución do recurso de alzada ou contra a desestimación por silencio administrativo a persoa interesada poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de 2 ou 6 meses, respectivamente, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa, ou do seguinte ao que deba entenderse desestimado por silencio administrativo.

Disposición adicional primeira

Os estudantes que non teñan concedida praza poderán beneficiarse dalgún ou varios dos servizos de residencia, sempre que exista dispoñibilidade para iso, mediante o aboamento do seu importe, de acordo coas cantidades fixadas para os residentes que excedan os módulos máximos. Nese caso, a utilización dos devanditos servizos suporá o compromiso tácito do estrito cumprimento da normativa de convivencia establecida polos respectivos centros residenciais docentes.

Disposición adicional segunda

Estas prazas poderán ser compatibles coa axuda compensatoria e a axuda para gastos determinados por razón de material escolar da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición adicional terceira

Para o curso 2013/14, e de xeito excepcional, sempre que queden prazas vacantes a partir do 30 de setembro, estas poderán ser cubertas con alumnado universitario, facendo efectivo o seu pagamento por trimestres adiantados e co importe para o curso 2013/14 de 2.875,13 €.

Disposición adicional cuarta

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2013

P.A.
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

– Centros residenciais docentes da Coruña.

IES Universidade Laboral

IES Urbano Lugrís

IES Fernando Wirtz Suárez

CIFP Ánxel Casal

CIFP Someso

IES Adormideras

IES Monte das Moas

IES Imaxe e Són

IES Nº 1 A Sardiñeira

IES Eusebio da Guarda

IES Agra do Orzán

CIFP Paseo das Pontes

IES Ramón Menéndez Pidal

Escola de Arte Pablo Picasso

Conservatorio de Música Superior

CEE Nosa Sra. do Rosario

CPR Cervantes

CPR Cruz Roja Española

CPR Hogar de Santa Margarita

CPR Karbo

CPR López y Vicuña

CPR Nebrija

CPR San Andrés

CPR Caixa Galicia

– Centros residenciais docentes de Ourense.

IES Universidade Laboral

CIFP Portovello

IES 12 de Outubro

IES A Carballeira

CIFP A Farixa

IES As Lagoas

IES Xulio Prieto Nespereira

Escola de Arte Antonio Failde

CPR San Martín

CPR Santo Cristo

CPR Valle Inclán

– Centros residenciais docentes de Vigo.

CIFP Manuel Antonio

IES Carlos Casares

IES Ricardo Mella

IES Teis

IES Nº 1 de Vigo Politécnico

IES A Guía

CIFP Valentín Paz Andrade

IES Audiovisual

IES Alexándre Bóveda

Conservatorio de Música Superior

Centro de Ensinanzas Artísticas Superiores

CPR Aloya

CPR Cebem

CPR Colexio Fogar Caixanova

CPR Daniel Castelao

CPR Divino Maestro

CPR Mendiño

CPR Montecastelo

CPR San Miguel

CPR Vivas

CPR San José de la Guía

CPR Fillas de María Inmaculada

missing image file
missing image file
missing image file