Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 3 de maio de 2013 Páx. 14014

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2013 de delegación de competencias.

A Lei orgánica de universidades (LOU) 6/2001, do 21 de decembro, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, asígnalles aos reitores das universidades unha parte importante das competencias que a autonomía universitaria lles confire aos órganos universitarios. Así mesmo, os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados mediante Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, desenvolven especificamente, nos seus artigos 56, 57, 58, 59 e 60, as competencias do reitor.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo leva consigo unha concentración de funcións na persoa do seu reitor que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 13, 16 e 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os estatutos desta universidade e demais disposicións de xeral aplicación, esta reitoría decide ditar a seguinte resolución:

I. Delegación a favor da secretaria xeral e vicerreitores

1. Con independencia das competencias que lle recoñecen a LOU e os estatutos desta universidade, deléganse na secretaria xeral as seguintes competencias:

a) A dependencia funcional da Asesoría Xurídica, sendo este o camiño que se debe seguir para o pedimento de consultas e informes que deba render aquela aos órganos colexiados e unipersoais, así como aos restantes membros da comunidade universitaria.

b) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos propios.

c) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

d) A representación oficial da universidade perante os poderes públicos en materia xudicial e administrativa.

e) A delegación da sinatura en resolucións reitorais polas cales se resolvan pedimentos de alumnos/as en relación coa súa actividade académica, agás os relativos ao rendemento académico dos estudantes.

f) As relativas aos rexistros da universidade.

g) A coordinación da matrícula e a proposta de calendario escolar.

h) Coordinación, dirección e impulso da revisión normativa.

2. Deléganse no vicerreitor de Economía e Planificación as seguintes competencias:

a) As relacionadas con plans e programas estratéxicos institucionais.

b) As de elaboración coa Xerencia das liñas e directrices do orzamento anual da universidade e, en xeral, da política económica.

c) As de coordinación en materias económicas.

d) A coordinación de asuntos ou iniciativas que teñan repercusión nas partidas de ingresos ou gastos orzamentarios.

e) A de programación e execución das novas infraestruturas.

f) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten a Universidade de Vigo.

g) As correspondentes á solicitude e contratación de proxectos, infraestruturas, equipamentos e instalacións de carácter institucional.

h) As relativas ás tecnoloxías da información e ás comunicacións e aos seus servizos.

i) As de xestión e coordinación dos equipamentos e infraestruturas docentes.

j) As relativas á biblioteca.

k) As correspondentes á prevención de riscos laborais e calidade ambiental.

3. Deléganse na vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións as seguintes competencias:

a) As relativas á organización académica das titulacións de grao e posgrao oficiais.

b) As de planificación e posta en marcha de titulacións de grao e posgrao oficiais.

c) As de impulso, coordinación e supervisión da elaboración e reforma de plans de estudo.

d) As relacionadas coa tramitación do doutoramento.

e) A oferta anual de prazas en cada titulación.

f) As referentes á elaboración do plan docente anual.

g) As referentes aos centros e departamentos.

h) As de coordinación e control de centros adscritos.

i) As de supervisión da elaboración dos plans de organización docente e do cadro de persoal docente.

j) As relativas aos concursos de persoal docente funcionario e contratado e á aprobación das listas provisionais e definitivas de admitidos.

k) As referentes aos programas de promoción e estabilización do persoal docente e investigador.

l) As relativas á situación administrativa do persoal docente e investigador, incluídos os procedementos de xubilación.

4. Deléganse no vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade as seguintes competencias:

a) As referidas á xestión das distintas bolsas de estudo e aos seus procedementos derivados, incluíndo, de ser o caso, a presidencia e/ou representación da universidade nos distintos órganos que se constitúan para a súa xestión.

b) As referidas á organización, avaliación e seguimento dos procesos de calidade, entre eles os referidos á actividade docente e ao rendemento académico do estudantado.

c) As correspondentes aos procesos de difusión da oferta académica e á captación e acceso do seu alumnado.

d) As relacionadas con programas e accións de formación continua do profesorado.

e) As referidas á formación integral do estudantado.

f) As relativas aos títulos propios.

5. Deléganse na vicerreitora de Investigación as seguintes competencias:

a) A promoción e avaliación da investigación.

b) As de política científica e difusión da actividade investigadora.

c) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación.

d) As de xestión e coordinación dos recursos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación.

e) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais, e con outros centros de I+D.

f) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

g) As relativas aos recursos de investigación e a actividade investigadora vinculadas á elaboración de teses de doutoramento.

6. Deléganse no vicerreitor de Transferencia de Coñecemento as seguintes competencias:

a) A promoción, avaliación e recoñecemento da transferencia de coñecemento en todos os ámbitos.

b) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, agás os situados no ámbito de influencia dos campus de Ourense e Pontevedra.

c) As de política de transferencia e a súa difusión.

d) As relacionadas coa potenciación da oferta específica de plans de formación para empresas, institucións e profesionais.

e) As de contratos, informes e cursos do artigo 83 da LOU.

f) A solicitude e contratación de proxectos de transferencia de resultados de investigación.

g) As relacionadas coas cátedras de empresa, agás as de Ourense e Pontevedra.

h) As relacionadas co fomento do emprego dos estudantes.

i) As referidas ás publicacións da Universidade de Vigo.

7. Deléganse no vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais as seguintes competencias:

a) As de proxección da universidade na vida cultural e deportiva.

b) As correspondentes a servizos sociais, aloxamento e atención e información á comunidade universitaria.

c) As de organización, realización e seguimento dos cursos de extensión universitaria e do programa de maiores.

d) As relativas a asociacións universitarias e voluntariado.

e) O fomento da internacionalización e o deseño das estratexias e políticas para as relacións internacionais e a cooperación internacional.

f) A representación institucional en foros e eventos internacionais.

g) A sinatura de acordos, convenios e protocolos relacionados coa actividade internacional da Universidade de Vigo, cando así sexa considerado oportuno polo reitor.

h) O deseño, planificación e xestión dos programas internacionais de mobilidade e intercambio.

8. Deléganse na vicerreitora do Campus de Ourense as seguintes competencias no territorio de influencia da Universidade de Vigo no campus de Ourense:

a) As de proxección e coordinación da universidade.

b) As relacionadas con cursos complementarios e a sinatura de convenios de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

c) As derivadas do proceso de desconcentración administrativa relativas ao campus de Ourense.

d) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus.

e) As de coordinación dos grupos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación no ámbito de influencia do campus de Ourense.

f) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas no ámbito de influencia do campus de Ourense.

g) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

h) As relacionadas coas cátedras de empresa do campus de Ourense.

9. Deléganse na vicerreitora do Campus de Pontevedra as seguintes competencias no territorio de influencia da Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra:

a) As de proxección e coordinación da universidade.

b) As relacionadas cos cursos complementarios, e a sinatura de convenios de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

c) As derivadas do proceso de desconcentración administrativa relativas ao campus de Pontevedra.

d) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus.

e) As de coordinación dos grupos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación no ámbito de influencia do campus de Pontevedra.

f) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas no ámbito de influencia do campus de Pontevedra.

g) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

h) As relacionadas coas cátedras de empresa do Campus de Pontevedra.

II. Delegación a favor do xerente

10. Deléganse no xerente, con independencia das competencias que lle outorgan a Lei orgánica de universidades e os estatutos da Universidade de Vigo, as seguintes competencias:

a) A de ordenación dos pagamentos.

b) As de negociación colectiva e carreira administrativa.

c) En colaboración coa vicerreitoría de Economía e Planificación, a elaboración da memoria económica e a formulación das contas anuais exixidas na lexislación vixente.

d) No relativo ao persoal, ademais das competencias recoñecidas nos estatutos da Universidade de Vigo en materia de dirección do persoal de administración e servizos, por delegación terá as seguintes:

– Negociar directamente ou determinar as instrucións a que se deberán ater os representantes da universidade cando proceda a negociación colectiva coa representación dos traballadores, xa sexan laborais ou funcionarios.

– Os actos de negociación e execución dos convenios colectivos ou similares e outros pactos legalmente formalizados ou que se formalicen.

– Todos os actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación tanto de persoal docente e investigador como do persoal de administración e servizos, salvo as certificacións que correspondan.

– Tramitar os procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou MUFACE, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa tanto do persoal docente e investigador como do persoal de administración e servizos.

– Propoñer e emitir informes sobre a autorización ou o recoñecemento de compatibilidade cando lle corresponda, e propoñerlle a súa resolución ao reitor.

– Autorizar e asinar os contratos de persoal laboral contratado con carácter temporal e o nomeamento de interinos no caso que proceda.

– Comunicar as resolucións reitorais en materia de persoal.

– Todos aqueles actos de administración e xestión ordinaria do persoal que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

– As derivadas da coordinación da prevención de riscos laborais.

e) A de autorizar, dispoñer e contraer obrigas sobre os créditos de gasto da universidade, a excepción dos mencionados no número 11.a), b), c), d); 12.a), b); 13.a), b); e 14.a), b) desta resolución.

f) As de actuación como órgano de contratación da universidade nos termos establecidos na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, agás o establecido no número 13.a), b), c); 14.a), b); 15.a), b); e 16.a), b) desta resolución.

g) O mantemento das infraestruturas existentes e a xestión das reformas, melloras e ampliación das infraestruturas dos centros.

h) As modificacións de crédito que teñan a súa orixe nas incorporacións de remanente que non sexan de libre disposición.

i) Delégase nos/as xefes/as das distintas unidades administrativas a concesión de permisos e licenzas ao persoal de administración e servizos nos seguintes casos:

– Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal, e deberes inescusables de carácter público ou persoal, polo tempo indispensable.

– Vacacións e permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

– Os/as xefes/as de unidades terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Xerencia.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licenza, retribuída ou non, deberán formularse ante a Xerencia.

j) O xerente, respecto das súas funcións, poderá realizar encomendas de xestión ou delegación de sinatura. Sen prexuízo de delegación ou encomendas especificas, con carácter xeral, enténdese que os vicexerentes/as teñen delegada a sinatura dos actos de tramite correspondentes ao seu ámbito de actuación.

k) En caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal que determine a imposibilidade de actuar do xerente, será substituído automaticamente polo vicexerente que designe e, de non ser posible, polo máis antigo como tal ou como membro da Universidade de Vigo.

III. Delegación a favor dos administradores de centros/ámbito/campus

11. Delégase nos/as administradores/as de centro/ámbito/campus, dentro do seu ámbito funcional:

a) A contratación de subministracións e servizos non suxeita a regulación harmonizada que se poidan adxudicar por procedemento negociado por razón de contía cando o seu valor estimado (IVE non incluído) non sexa superior ao establecido no artigo 161.2 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

A Xerencia, por proposta do administrador correspondente, poderá ordenar que un expediente de contratación se centralice por razón da súa complexidade ou da carga administrativa existente no centro.

b) A tramitación e sinatura de contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola universidade con un ou varios empresarios. O procedemento de adxudicación aterase ao establecido no artigo 182 da Lei de contratos do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

c) As facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor segundo o establecido na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e ás indemnizacións por razón de servizo nos departamentos, facultades ou escolas, programas oficiais de posgrao, títulos propios e proxectos de investigación que se xestionen no seu ámbito funcional, respecto aos créditos que teñan encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

d) A competencia para contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola xerencia, respecto aos créditos que teñan encomendados.

IV. Delegación a favor do/a xefe/a do Servizo de Extensión Universitaria

12. Delégase no/a xefe do Servizo de Extensión Universitaria, no que se refire ao centro de gasto de que é responsable:

a) As facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor segundo o establecido na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e ás indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) A competencia para contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

V. Delegación a favor do/a director/a da Biblioteca

13. Delégase no/a director/a da Biblioteca, no que se refire ao centro de gasto de que é responsable:

a) As facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor segundo o establecido na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e ás indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) A competencia para contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

VI. Delegación a favor do/a director/a da Oficina de Relacións Internacionais

14. Delégase no/a director/a da Oficina de Relacións Internacionais, no que se refire ao centro de gasto de que é responsable:

a) As facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor segundo o establecido na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e ás indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) A competencia para contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

VII. Delegación a favor dos/as xefes/as de Administración dos centros de Ourense e Pontevedra e dos/as xefes/as da Área Académica dos centros de Vigo en materia de xestión académica

15. Delégase nos xefes de administración dos centros de Ourense e Pontevedra e nos xefes da Área Académica dos centros de Vigo a sinatura dos seguintes actos de xestión na tramitación dos procedementos de matrícula ordinaria:

a) Os escritos a que fai referencia o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Os trámites que teñan que efectuar os interesados, conforme o artigo 76 da mesma lei.

c) O pedimento de informes que teñan carácter preceptivo e os facultativos cando o determina unha disposición administrativa de carácter xeral ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento, de conformidade cos artigos 82 e 83 da citada lei.

d) Propoñer a aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula dos alumnos/as.

e) Realizar os trámites que establece o artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

VIII. Delegación a favor de decanos/directores de centro en materia académica

16. Delégase nos decanos/directores de centros a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

a) A admisión de alumnos/as en titulacións sen límite de prazas.

b) A admisión dos traslados dos alumnos/as para continuación de estudos, unha vez adoptadas as decisións polas comisións de centros.

c) A resolución de solicitudes de recoñecemento de créditos, adaptacións e validacións de materias.

d) A resolución de solicitudes de modificacións de matrícula: ampliación, cambio e ou anulación parcial de materias.

IX. Delegación da función certificante da secretaria xeral da universidade no xefe do Servizo de Xestión de Persoal

17. Delégase no xefe do Servizo de Xestión de Persoal, en relación co persoal universitario, a función certificante da secretaria xeral da universidade, referida exclusivamente aos seguintes supostos:

a) Certificar a condición de funcionario/a ou traballador/a da universidade en situación de servizo activo para solicitar a concesión de subvencións de matrícula nos centros de ensino.

b) Certificar ou constatar a situación de servizo activo dos funcionarios/as ou traballadores/as para que teña efectos en calquera acto da vida administrativa dos interesados, unicamente no ámbito da Universidade de Vigo.

X. Delegación a favor de directores e directoras de departamento

18. Delégase nos/as directores/as de departamentos a concesión de permisos e licenzas ao persoal docente e investigador (PDI) nos seguintes casos:

– Vacacións e permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

– Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal.

– Para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

Os/as directores/as de departamento terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Vicerreitoría de Organización Académica, Profesorado e Titulacións.

De conformidade coa normativa de permisos e licenzas do PDI, aprobada polo Consello de Goberno do 5 de novembro de 2005 e modificada polo Consello de Goberno do 20 de abril de 2009, as licenzas de estudo de duración igual ou menor a 15 días naturais, serán concedidas polo director/a do departamento por delegación do reitor, e deberá especificarse na concesión a persoa suplente nas obrigas docentes ou a maneira en que será recuperada a docencia e darase conta ao decano ou director do centro correspondente.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licenza, retribuída ou non, deberán formularse ante a Vicerreitoría de Organización Académica, Profesorado e Titulacións.

Disposicións xerais

Primeira. Os actos ditados como consecuencia desta delegación non poderán exceder os límites dela xa que, en caso contrario, serán nulos de pleno dereito e, en todo caso, faríase constar expresamente esta resolución reitoral e terían a consideración de actos ditados por esta autoridade.

Segunda. En ningún caso se poderán delegar as competencias que se delegan nesta resolución. O reitor, en todo momento, poderá avogar para si todas e cada unha das facultades que se atribúen nesta resolución.

Terceira. Nos supostos de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído polo vicerreitor de Economía e Planificación, quen exercerá a plenitude de funcións que son propias do órgano substituído e, en defecto deste, pola vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade dalgún vicerreitor ou vicerreitora, será substituído por aquel que designe, de xeito expreso, o reitor.

Cuarta. Quedan derrogadas todas as resolucións que se opoñan ou contradigan esta resolución reitoral e, de forma específica, a do 5 de setembro de 2011 (DOG nº 176, do 14 de setembro de 2011), 24 de xuño de 2010 (DOG nº 123, do 30 de xuño de 2010), 11 de xullo de 2006 (DOG nº 138, do 18 de xullo de 2006, corrección de erros no DOG nº 131, do 6 de xullo de 2007) e a do 1 de abril de 2009 (DOG nº 73, do 17 de abril de 2009).

Quinta. Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 30 de abril de 2013

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo