Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2013 Páx. 13644

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 22 de abril de 2013, da Axencia Galega de Infraestruturas, para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas (clave PO/12/070.01).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 14 de xuño de 2012 a directora da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou provisionalmente o proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01.

Segundo. Con data do 20 de xullo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia (nº 139) a Resolución do 26 de xuño de 2012, da directora da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se sometía ao trámite de información pública, polo prazo de 30 días hábiles, o proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Simultaneamente, o proxecto foi remitido ás administracións públicas afectadas para que, no prazo dun mes, o examinasen e emitisen informe ao respecto.

Terceiro. Con data do 22 de agosto de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia (nº 159) a Resolución do 8 de agosto de 2012, da directora da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se ampliaba o prazo de información pública do referenciado proxecto de trazado, ata o día 28 de setembro de 2012.

Cuarto. Mediante Resolución do 22 de novembro de 2012 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental se estableceu a non necesidade de someter este proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Quinto. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións e informes que foron remitidos á dirección do estudo para a súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 15.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que cando se trate da construción dunha nova estrada ou variante de poboación non prevista no planeamento urbanístico vixente, a Administración titular da estrada aprobará tecnicamente o correspondente estudo informativo ou proxecto de trazado que se someterá ao trámite de información pública durante un prazo de trinta días hábiles, na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No punto 2 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto deberá remitirse ás administracións afectadas para que, no prazo dun mes, examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para o interese xeral e para os intereses das localidades e provincias afectadas. Transcorrido este prazo e un mes máis sen que as administracións afectadas emitan informe ao respecto, entenderase que están conformes co estudo ou proxecto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Por todo o exposto, e tras a análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

Resolvo:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01, coas seguintes consideracións, que deberán ser tidas en conta, na fase de proxecto de construción:

Primeira. Por petición da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural realizarase un estudo de detalle sobre o impacto que o novo túnel xerará sobre o xacemento do Castro de Montealegre e o seu ámbito de protección.

Segunda. Incluiranse as matizacións sinaladas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en relación aos elementos etnográficos camiño de Carroque e muíño de Laxiña.

Terceira. Incluirase e deseñarase, no punto quilométrico 2+430, unha pasarela para repoñer o antigo camiño de Carroque-Poza da Moura, e pasar a canalización de auga potable e regadía propiedade da Comunidade de Usuarios de Augas dos barrios de Calvar e Verdeal.

Cuarta. Incluirase a instalación dun valo antivandálico entre os pp.qq. 8+380-8+520, para garantir a seguridade viaria na autovía.

Quinta. Comprobarase o estado do manancial e do lago Quinteiros e, se é o caso, incluirase unha partida orzamentaria destinada ao seu acondicionamento.

Sexta. Analizarase a conveniencia de trasladar o Miradoiro dos Parentes e, se é o caso, incluirase a partida correspondente.

Sétima. Acondicionarase para o tránsito de peóns o paso inferior do enlace de Moaña (p.q. 9+640), na estrada PO-313 Marín-Moaña.

Segundo. Consonte establece o artigo 15.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia ordénase a modificación ou revisión do planeamento urbanístico dos concellos afectados polo proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1, treito enlace de Rande-enlace de Cangas, clave: PO/12/070.01, os cales deberán acomodarse ás determinacións do proxecto de trazado no prazo dun ano desde a súa aprobación.

Terceiro. O proxecto de construción que desenvolva o proxecto de trazado deberá axustarse ás indicacións recollidas nesta resolución.

Cuarto. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas), porase á disposición dos interesados un documento coa planta do proxecto de trazado aprobado.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas