Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2013 Páx. 13115

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da comisión negociadora do convenio colectivo da CRTVG e as súas sociedades, relativo ao acceso á xubilación parcial e contrato de remuda do persoal laboral ao servizo da CRTVG e as súas sociedades TVG, S.A. e RTG, S.A.

Visto o acordo para o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda do persoal laboral ao servizo da CRTVG e as súas sociedades, TVG, S.A. e RTG, S.A., subscrito na xuntanza do 22 de marzo de 2013, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar a inscrición do devandito acordo no Rexistro Xeral de Convenios desta dirección xeral.

Segundo. Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Acordo para o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda do persoal laboral ao servizo da CRTVG e as súas sociedades, TVG, S.A. e RTG, S.A.

De acordo co previsto no artigo 8 e na disposición derradeira quinta do Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo, a comisión negociadora do convenio colectivo da CRTVG e as súas sociedades, constituída o 24 de xaneiro de 2013, subscribe, ao abeiro do disposto no artigo 86.3 do Estatuto dos traballadores, o presente acordo de manter a xubilación parcial e contrato de remuda, nos termos establecidos no artigo 89 do convenio colectivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedade 2007-2010 (DOG núm. 246, do 21 de decembro de 2007), de conformidade cos seguintes pactos:

1. Os traballadores e traballadoras da CRTVG e as súas sociedades, TVG, S.A. e RTG, S.A. poderán acollerse á xubilación parcial, cando cumpran os requisitos correspondentes, nos termos da regulación vixente antes do 1 de xaneiro de 2013, nos supostos recollidos na alínea 2.c) da disposición derradeira décimo segunda da Lei 27/2011, do 1 de agosto, na redacción dada polo Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo.

2. O acceso á pensión realizarase de conformidade co seguinte plan de xubilación parcial:

a) Incorpóranse ao presente plan todos os traballadores e traballadoras da CRTVG e as súas sociedades TVG, S.A. e RTG, S.A. que ata o 31 de decembro de 2018 cumpran os requisitos exixidos consonte a normativa vixente antes do 1 de xaneiro de 2013.

b) Os traballadores e traballadoras poderán solicitar a redución da súa xornada entre un mínimo do 25 % e un máximo do 75 %.

3. A vixencia deste acordo estenderase desde a data da súa subscrición ata o día 31 de decembro de 2018, de acordo coa duración máxima establecida no artigo 8 do Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo, para a aplicación de normas transitorias ás pensións de xubilación que se causen antes do 1 de xaneiro de 2019. Este acordo será trasladado ao convenio colectivo que, se é o caso, se acorde, respectando a súa vixencia orixinal.

4. O plan de xubilación parcial recollido neste acordo colectivo será comunicado e posto á disposición do Instituto Nacional da Seguridade Social antes do 15 de abril de 2013.

5. No caso de que existan cambios lexislativos ou normativos, as partes analizarán as súas implicacións no cumprimento deste acordo na súa totalidade, e tentarán, se é o caso, adoptar os acordos pertinentes, tendo en conta que a aplicación das medidas irá sempre vinculada a criterios de racionalización e optimización de recursos.

E, en proba de conformidade, asinan este acordo en Santiago de Compostela o 22 de marzo de 2013.