Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2013 Páx. 12424

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2013 pola que se somete a información pública o anteproxecto de execución da obra hidráulica de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Barcala, Negreira-A Baña (A Coruña).

A obra hidráulica correspondente ao anteproxecto de execución dos colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Barcala, Negreira (A Coruña), de clave: OH.315.1000, é considerada de interese da Comunidade Autónoma, e acórdase sometelo ao trámite de información pública polo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia, na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A actuación hidráulica cofinánciase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do orograma operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 3 ambiente, contorno natural, recursos hídricos e prevención de riscos, tema prioritario ou medida 46: tratamento de augas residuais. Actuación 3.46.3: construción de novas redes de colectores (saneamento e pluviais) e emisarios. Unha maneira de facer Europa.

No anteproxecto defínense e valóranse as actuacións precisas para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais e a construción dun tanque de tormentas previo á EDAR para limitación das verteduras incontroladas ao río Barcala, incluíndo tamén novos tramos de rede de saneamento unitario no núcleo urbano.

Así mesmo, ponse en coñecemento dos interesados que o documento técnico está á súa disposición, durante o prazo anteriormente sinalado, nas dependencias de Augas de Galicia, sitas na rúa Doutor Maceira, n º 18, baixo, en Santiago de Compostela (A Coruña).

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2013

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia