Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2013 Páx. 12324

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de abril de 2013 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, nos capítulos IV e V, e nos artigos 125.6 e 126.7 da normativa urbanística.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 3.10.2007 (aprobación parcial) e do 1.9.2008.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 4.5.2012 declarar a non necesidade de someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica.

3. No expediente constan os seguintes informes municipais:

a) Informe xurídico do xefe do Servizo da Oficina de Rehabilitación e Cidade Histórica do 12.3.2012, que inclúe a motivación dunha modificación.

b) Informe técnico e xurídico do arquitecto-xefe do Servizo de Planeamento e Xestión e da xefa da Sección de Xestión Urbanística do 15.6.2012, favorable á aprobación inicial e que sinala expresamente a non concorrencia dos supostos establecidos no artigo 93.4 da LOUG (a modificación non afecta a clasificación do solo, a intensidade de uso nin os sistemas xerais previstos no planeamento) para que fose preceptivo o informe desta consellería previo á aprobación inicial.

c) Informe do secretario xeral do Pleno do Concello do 18.6.2012, favorable á aprobación inicial.

d) Informe xurídico da xefa da Sección de Xestión Urbanística do 19.11.2012, favorable á aprobación provisional.

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación, redactada pola xefa da Sección de Xestión Urbanística Pilar Rubín Paz, o 28.6.2012. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 14.8.2012, e Diario Oficial de Galicia do 20.8.2012). Non foron presentadas alegacións segundo certificado do 22.10.2012. O acordo foi notificado aos concellos colindantes de Boqueixón, O Pino, Ames, Val do Dubra, Teo, Trazo, Vedra e Oroso.

5. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 29.11.2012.

6. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 26.11.2012 informe favorable, condicionado á incorporación das medidas protectoras e correctoras nel expostas.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A proposta formulada polo Concello de Santiago ten por obxecto modificar puntualmente a normativa urbanística do vixente plan xeral coas seguintes finalidades:

1. Separar do corpo normativo do plan xeral a regulación dos aspectos atinentes ao procedemento e requisitos para os actos de intervención na edificación e uso do solo, recollidos nos capítulos IV e V do título I da normativa, que se rexerán pola lexislación aplicable ou pola normativa específica que se aprobe para este efecto.

2. Reformar a redacción dos artigos 125.6 e 126.7 da normativa do plan xeral, co obxecto de regular as condicións de instalación de rótulos publicitarios, sen prexuízo da ordenanza complementaria que regula especificamente esta cuestión.

III. Análise e consideracións.

Enténdese que as modificacións instadas se fundamentan en razóns de interese público debidamente xustificadas, polo que non se observa inconveniente a elas.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Santiago de Compostela, nos capítulos IV e V, e nos artigos 125.6 e 126.7 da normativa urbanística, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas