Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 19 de abril de 2013 Páx. 11962

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de abril de 2013 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de xestión integrada das áreas de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos.

Polo Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regúlanse as estruturas organizativas de xestión integrada como instrumentos de organización no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde.

Estas estruturas asumen a xestión funcional dos recursos, as prestacións e os programas de atención sanitaria, sociosanitaria e de promoción e protección da saúde na zona de influencia.

Así mesmo, polo Decreto 55/2013, do 21 de marzo, foi creada a estrutura organizativa de xestión integrada das áreas de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos e definido o seu ámbito de actuación.

No decreto de creación desta estrutura establécese que a estrutura directiva de xestión integrada está formada por órganos unipersoais e colexiados. Como órganos unipersoais están a Xerencia de Xestión Integrada, a Dirección de Procesos Asistenciais, a Dirección de Recursos Económicos, e a Dirección de Recursos Humanos.

No Decreto 168/2010 tamén se sinala que poderán existir outras unidades directivas dependentes dos órganos antes citados, no caso de que se considere necesario, segundo o desenvolvemento e a complexidade das xerencias.

Na súa virtude, de acordo co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no decreto antes citado, por proposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da estrutura organizativa de xestión integrada das áreas de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, de conformidade co establecido no decreto polo que se crea e regula a dita estrutura.

Artigo 2. Xerencia de Xestión Integrada.

Da Xerencia de Xestión Integrada dependerán:

a) A Subdirección de Sistemas de Información.

b) A Subdirección de Calidade, Atención ao Paciente e Admisión.

Artigo 3. Dirección de Procesos Asistenciais

1. Da Dirección de Procesos de Enfermaría dependerán tres subdireccións.

2. Dependendo das direccións de Procesos con Ingreso, de Procesos sen Ingreso e Urxencias, e de Soporte, poderán existir dúas subdireccións. A adscrición de cada unha destas subdireccións será realizada polo xerente de Xestión Integrada, segundo as necesidades asistenciais e logo de aprobación pola presidenta do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 4. Dirección de Recursos Económicos

Da Dirección de Recursos Económicos dependerá unha subdirección.

Artigo 5. Dirección de Recursos Humanos

Da Dirección de Recursos Humanos dependerá unha subdirección.

Artigo 6. Xerencias executivas de Cervo e Monforte de Lemos

De cada una das xerencias executivas de Cervo e Monforte de Lemos dependerá unha:

a) Subdirección Médica.

b) Subdirección de Enfermaría.

c) Subdirección de Xestión.

Disposición adicional primeira. Proceso de extinción

Para os efectos do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, a extinción das actuais xerencias de atención primaria, do Complexo Hospitalario Universitario Xeral-Calde-Lucus Augusti e dos hospitais da Costa-Burela e de Monforte de Lemos e o efectivo funcionamento da estrutura organizativa de xestión integrada das áreas de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos producirase á entrada en vigor desta orde.

Disposición adicional segunda. Adscrición de unidades e postos de traballo

Adscríbense as unidades e postos de traballo encadrados na Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde de Lugo á Xerencia de Xestión Integrada de Lugo.

Disposición adicional terceira. Extinción da Dirección Provincial

Os requisitos que se citan da disposición transitoria primeira do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, como trámite previo á extinción da Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde de Lugo, deberán cumprirse no prazo de vinte días contados desde a publicación da presente orde.

Disposición derradeira primeira. Facultades de desenvolvemento

Facúltase a titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde para ditar cantas instrucións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade