Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 11 de abril de 2013 Páx. 10797

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de abril de 2013 pola que se procede á apertura do prazo para a presentación da renovación do compromiso polos titulares de explotacións beneficiarios das axudas establecidas na Orde do 18 de abril de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril).

As actividades subvencionadas por esta orde enmárcanse no establecido no Real decreto 1724/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, así como na Orde do 18 de abril de 2008, pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril).

Estas axudas sufragáronse no ano 2012 con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.713C.771.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotada para esta finalidade con 350.000 euros. A dita aplicación está financiada con cargo a transferencias finalistas da Administración xeral do Estado.

Debido a que na data do 28 de decembro de 2012 non constaba ningún ingreso efectivo polo dito concepto no Tesouro da Xunta de Galicia por parte do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), e co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público, no Diario Oficial de Galicia número 4, do 7 de xaneiro de 2013, publicouse a Orde do 28 de decembro de 2012 pola que se deixa sen efecto a do 25 de setembro de 2012, pola que se procede á apertura do prazo para a presentación da renovación do compromiso polos titulares de explotacións beneficiarios das axudas establecidas na Orde do 18 de abril de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril).

En xaneiro de 2013 constatouse por parte do Tesouro da Xunta de Galicia un ingreso do Magrama para este concepto, polo que procede tramitar en 2013 a orde de renovación do compromiso polos titulares de explotacións beneficiarios das axudas establecidas na Orde do 18 de abril de 2008, tomando en conta as solicitudes xa presentadas ao abeiro da Orde do 25 de setembro de 2012 e establecendo un novo prazo de solicitude para os posibles beneficiarios que non presentasen solicitude na citada convocatoria.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

1. Esta orde ten por obxecto establecer o prazo de presentación de renovación do compromiso asumido polos beneficiarios da axuda establecida na Orde do 18 de abril de 2008 e destinada ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril), con efectos para o ano 2012.

2. Segundo o que establece o 2º parágrafo do artigo 6 da Orde do 18 de abril de 2008, cada beneficiario poderá percibir estas axudas, durante un período máximo de cinco exercicios anuais consecutivos, logo da presentación anual da renovación do compromiso, de conformidade co anexo.

Artigo 2. Solicitudes, lugar e prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo formalizado que se recolle no anexo. Os datos que deben cubrir nos anexos relativos aos animais obxecto da axuda presentes na explotación serán referidos ao 5 de novembro de 2012, último ano do plan quinquenal previsto neste réxime de axudas e data de referencia para a comprobación dos censos na convocatoria anulada.

3. Os solicitantes que presentaron a solicitude ao abeiro da Orde do 25 de setembro de 2012, finalmente deixada sen efecto, e que desexen que se teña en consideración para esta, deberán presentar unha declaración expresa pola que se ratifican na solicitude xa presentada con cargo a esta nova convocatoria.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

5. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á do peche da convocatoria.

Artigo 3. Tramitación e resolución

En todo o referido á contía, requisitos, autorizacións, tramitación e resolución, observarase o disposto na citada Orde do 18 de abril de 2008 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril).

Artigo 4. Control da execución dos programas

O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria que, ademais do lóxico seguimento e control das axudas concedidas, realizará as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada e, especialmente, ao se tratar da orde referida á última anualidade, o cumprimento de todos os requisitos e compromisos que deben acadar ao finalizar os cinco anos de acordo co artigo 4 e o anexo da Orde do 18 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril).

Artigo 5. Financiamento

As axudas que deriven da aplicación da presente orde proceden dos orzamentos xerais do Estado e financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013: 12.22.713C.771.4, dotada para esta finalidade con 237.872 euros.

Este financiamento poderase ver incrementado con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou en outras aplicacións orzamentarias, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 10, do 29 de xaneiro de 2009).

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto no RD 1724/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

1. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

2. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file