Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 5 de abril de 2013 Páx. 10050

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2013, da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario 2013.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non abonda con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os devanditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias. Esta necesidade faise máis patente nun contexto económico como o actual, en que a diminución da actividade económica trae como consecuencia inevitable unha diminución dos ingresos tributarios. Desta forma o Plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria seleccionando aquelas áreas de risco que se consideren de actuación prioritaria para combater a fraude fiscal, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións.

Esta misión de aplicación efectiva do sistema tributario para que se dea cumprimento aos principios constitucionais non se limita ás actuacións de loita contra a fraude ou control do cumprimento tributario, senón que debe incluír as actuacións de información e asistencia ao contribuínte, co obxecto de facilitar ao máximo o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

O estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no artigo 16.2.j) que corresponde á Dirección da Axencia aprobar o plan de control tributario anual, e, á propia Axencia, as funcións aplicativas dos tributos.

En cumprimento das obrigas establecidas nestas disposicións, procédese á publicación dos criterios e das liñas de actuación que informan cada unha das áreas de control tributario

En consecuencia,

Resolvo:

Primeiro. Aprobación das directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2013

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan xeral de control tributario para 2013 que figuran no anexo á presente resolución.

Segundo. Difusión das directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2013

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte axeitado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO
Directrices do Plan xeral de control tributario de 2013

O Plan de control tributario para 2013 ten como principal novidade a nova organización existente na Xunta de Galicia para o control dos tributos como consecuencia da entrada en funcionamento o 1 de xaneiro de 2013 da Axencia Tributaria de Galicia, creada polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, con base na autorización ao Consello da Xunta contida no artigo 10 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Esta axencia, adscrita á consellería competente en materia de facenda, nace coa finalidade de actuar como instrumento para a realización das funcións administrativas de aplicación dos tributos e demais funcións e competencias atribuídas na citada lei, e para a realización das que lle poidan atribuír ou encomendar mediante unha lei o convenio.

Esta nova estrutura organizativa supón un cambio radical na distribución interna de competencias, pasando dunha distribución material (por conceptos tributarios) a unha procedemental (atendendo ao procedemento de aplicación dos tributos que vaia desenvolver). Esta nova distribución de competencias entre os diferentes órganos e unidades da Axencia Tributaria de Galicia vén motivada por distintos obxectivos que se deben alcanzar:

1º. Mellorar na eficiencia mediante o aproveitamento de economías de escala e a flexibilidade para a asignación do persoal.

2º. Clara vocación de centralización de funcións co conseguinte aforro de custos e a mellora da coordinación nas actuacións, para lograr unha maior unidade de criterio e, polo tanto, mellorar a seguridade xurídica dos contribuíntes.

3º. Mellorar a especialización do persoal mediante unha distribución das competencias entre as distintas áreas atendendo á dificultade e á cualificación exixida en cada un dos procedementos que vaia desenvolver. Exemplo claro desta nova filosofía é a atribución do procedemento de verificación de datos, do procedemento de comprobación de valores mediante prezos medios de mercado en determinados supostos, da xestión dos censos ou dos procedementos sancionadores derivados dos anteriores procedementos á Área de Colaboración Social, Información e Asistencia.

A separación destas funcións respecto do resto das competencias propias da xestión tributaria permitirá que o persoal de maior cualificación se poida centrar en labores de comprobación e investigación de maior complexidade, o que sen dúbida redundará nunha mellora na aplicación dos tributos permitindo a asunción dos labores de comprobación que viñan desenvolvendo as oficinas liquidadoras de distrito hipotecario (OLDH) de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Para que as delegacións territoriais poidan asumir estas novas competencias limítanse as súas competencias aos dous principais impostos aplicados pola Administración Tributaria galega, o imposto sobre sucesións e doazóns (ISD) e o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD), e centralízase a planificación e dirección dos labores de comprobación destes impostos, así como a aplicación dos restantes tributos.

Reflexo das estruturas descritas son as competencias atribuídas ás unidades centrais. Así, anteriormente, a distribución de competencias nos servizos centrais atendía a conceptos tributarios (cando nas xefaturas territoriais se atendía a procedementos), o que supón que os citados servizos centrais se limitaban a establecer directrices xerais e unificar criterios de actuación, e correspondía a cada órgano xestor a planificación, coordinación e execución das actuacións de comprobación no seu ámbito territorial. Coa nova estrutura dos servizos centrais da Axencia preténdese, por unha parte, centralizar a aplicación de todos os tributos agás o ISD e o ITP-AXD e, por outra, centralizar a planificación, distribución e coordinación das actuacións que se realizarán no ISD e no ITP-AXD.

Deste modo prodúcese, no ámbito da inspección tributaria e valoracións inmobiliarias, a desaparición destas funcións nas delegacións, mantéñense unidades territoriais para realizar as tarefas de comprobación, investigación e emisión de informes, e corresponde ás unidades centrais a competencia para ditar liquidacións e resolver recursos.

O Plan xeral de control tributario desenvolverase tomando como base a distinción entre actuacións de control preventivo e actuacións de control posterior. Nas primeiras incluiranse, fundamentalmente, as actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios e as de colaboración social. Nas segundas, máximo expoñente da loita contra a fraude fiscal, distínguense tres bloques de actuacións: control extensivo, control intensivo (selectivo) e investigación e xestión recadatoria. Esta será reflexo do plan anual de acción da Axencia, así como dos seus obxectivos e indicadores.

No exercicio das actuacións anteriores terá atención prioritaria a calidade da información como ferramenta de control, o que exixe a evolución, continua mellora e ampliación das ferramentas e aplicacións informáticas propias da Axencia, de forma que permita realizar o control do cumprimento tributario de xeito máis eficaz e eficiente. O labor investigador corresponderá fundamentalmente á Área de Inspección Tributaria, sen prexuízo de que, unha vez detectados os incumprimentos, se proceda á súa regularización a través do control extensivo realizado polas áreas de Xestión Tributaria e Información e Asistencia en prol dunha actuación máis eficaz e eficiente.

En consecuencia, as directrices do Plan anual de control tributario estrutúranse nos seguintes ámbitos:

A. Colaboración e intercambio de información.

Afondarase na colaboración e intercambio de información, en especial, cos seguintes organismos:

– AEAT: establecerase unha planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais dos distintos plans xerais de control tributario da AEAT, na súa epígrafe III, Colaboración entre a Axencia Tributaria e as administracións tributarias das comunidades autónomas, actuacións conxuntas das cales poidan derivar, como nos anos anteriores, dilixencias de colaboración mutua en relación con todas as operacións e os negocios xurídicos con transcendencia tributaria.

Reforzaranse os intercambios de información entre a AEAT e a Axencia Tributaria de Galicia nos supostos recollidos no artigo 95.1.b) da Lei xeral tributaria, con base nos acordos que se adopten no Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria. O obxectivo é subministrar periodicamente a información con transcendencia tributaria coa finalidade de mellorar a asistencia aos obrigados tributarios e potenciar a loita contra a fraude fiscal e a economía somerxida, especialmente no actual escenario de crise económica. Todo iso con independencia de que a devandita información figure en poder doutros órganos, entes ou organismos dos seus respectivos ámbitos territoriais, xa que tanto a Axencia Estatal de Administración Tributaria coma a Axencia Tributaria de Galicia se comprometerán a solicitar destes a información acordada, sempre que teña transcendencia tributaria.

– Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial, para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de ser gravadas polos tributos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. Neste ámbito, o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, asinado o 22 de decembro de 2010, o dito colexio seguirá ofrecendo a información necesaria para a verificación das operacións realizadas e a súa tributación. Neste sentido, seguirase afondando no desenvolvemento de aplicacións informáticas que combinen ambas as dúas fontes de información e permitan, dun xeito automatizado, detectar con fiabilidade os supostos de incumprimentos tributarios, mediante unha selección axeitada de contribuíntes, para mellorar desta forma a eficiencia na acción comprobadora.

– Dirección Xeral de Tráfico: a información que figura no Rexistro Xeral de Vehículos, como rexistro público, é de gran relevancia para a aplicación dos tributos cedidos, tanto para a comprobación de feitos ou bases impoñibles non declarados como para a verificación da procedencia de beneficios fiscais, en particular, os relativos á actividade de compravenda de vehículos usados.

– Dirección Xeral do Catastro: a información contida no Catastro Inmobiliario resulta de grande importancia, sobre todo para a aplicación dos tributos de base patrimonial, xa que a través deste se poden detectar bens non declarados ou que determinan a obriga de declarar no imposto sobre o patrimonio e no imposto sobre sucesións, así como verificar os cambios de titularidade que poden dar lugar a feitos impoñibles no imposto sobre doazóns ou no ITP-AXD. Ademais, fomentarase a coordinación co Catastro para a determinación dos elementos dos bens inmobles que inflúen na determinación do seu valor real, sobre todo naqueles tributos que toman esta contía como base impoñible.

– Administracións tributarias de tributos locais: reviste grande importancia a colaboración e subministración de información entre os organismos que xestionan tributos locais e autonómicos. É patente a conexión entre determinados tributos que xestionan ambas as dúas administracións e a utilidade de compartir a información de que dispoñen. A Axencia Tributaria de Galicia continuará durante 2013 fomentando este intercambio de información mutuo.

– Outras administracións públicas, en especial o Estado, as comunidades autónomas e corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios: relación de falecidos, vendas de bens, outorgamento de concesións, operacións reguladas ou autorizadas por eses organismos con transcendencia tributaria, etc. Neste sentido, a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013 engade un artigo 37 ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, sobre a obriga de informar a Administración tributaria do outorgamento de concesións ou outros negocios asimilables desde o punto de vista tributario.

B. Control preventivo.

As actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios son as reflectidas na sección 2ª do capítulo I do título III da Lei xeral tributaria, como obriga da Administración tributaria tendente a fomentar o cumprimento axeitado das obrigas fiscais e a evitar a fraude fiscal. Neste sentido, a aposta da nova Axencia Tributaria de Galicia pola información e asistencia queda patente coa creación da Área de Colaboración Social, Información e Asistencia tanto a nivel central como periférico. Esta nova área manterá e mellorará tanto a información existente na súa páxina web coma os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual e dotaraa con novas funcionalidades. En especial, seguirase aumentando a colaboración social con administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, sobre todo con aqueles sectores que asesoren ou intermedien nas operacións das cales poidan derivar obrigas tributarias, para o que se asinarán, se é o caso, os correspondentes convenios de colaboración. Neste último aspecto afondarase na colaboración e intercambio de información que permitan mellorar os labores de información e asistencia.

C. Control extensivo e intensivo.

As actuacións de control extensivo son aquelas actuacións de control desenvolvidas polos órganos das áreas de Xestión Tributaria e de Información e Asistencia, aos cales corresponde o exercicio das funcións atribuídas á xestión tributaria no artigo 117 da Lei xeral tributaria. En desenvolvemento destas funcións, efectuaranse controis baseados en procesos (físicos ou informáticos) que se refiren a todas as declaracións presentadas, aínda que tamén a actuacións individualizadas, dirixidas a resolver discrepancias, incoherencias ou situacións en que existen indicios de incumprimentos significativos.

As actuacións de control intensivo (selectivo) e investigación comprenden todas as realizadas pola Área de Inspección Tributaria no exercicio das funcións atribuídas á inspección tributaria no artigo 141 da Lei xeral tributaria. En particular, inclúense actuacións de comprobación e investigación, co obxecto de detectar e regularizar os incumprimentos tributarios que revisten maior dificultade, de obtención de información, de comprobación de valores, de comprobación de beneficios e incentivos fiscais e devolucións, de comprobación limitada, de informe, análise e traslado de información e de colaboración con outras áreas da Axencia e con outras administracións.

Con carácter xeral, nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non subministradas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.

Como se sinalou, estas actuacións de control realizaranse a través das actuacións e procedementos de aplicación dos tributos desenvolvidos na Lei xeral tributaria, utilizando aquel que corresponda en función da normativa aplicable e das circunstancias do caso concreto, o que determinará a súa asignación a cada unha das áreas en que se estrutura a Axencia. Nestes procedementos cobra especial importancia pola súa implicación nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados o procedemento de comprobación de valores. Este seguirá desenvolvéndose naqueles casos en que o obrigado tributario non declarase o valor real do ben ou dereito, non utilizase os valores publicados por esta administración nas sucesivas ordes polas que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, ou no suposto de que o ben obxecto de transmisión non se encontre no ámbito obxectivo destas ordes, a valoración previa e vinculante a que se refire o artigo 90 da LXT. Para iso utilizará, dos medios a que se refire o artigo 57 da LXT, o que máis se adapte ás características tanto do negocio realizado coma do ben que se vaia valorar.

Para asegurar a correcta aplicación do sistema tributario no exercicio 2013 establecéronse, por unha parte, unhas comprobacións de carácter xeral que afectan todas as figuras tributarias cuxa aplicación corresponde á Axencia Tributaria de Galicia e, por outra, determinadas áreas de risco ou de atención preferente atendendo á natureza e características de cada un dos tributos de referencia, así como ao tipo de control que se empregará.

C.1. Xerais:

– Comprobación das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial os subministrados polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se tivese formalizado, ou ben os subministrados por outras administracións.

– Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

– Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

– Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa subministrada no exercicio do deber de información ou colaboración.

C.2. Preferentes:

– Investigación dos cambios de titularidade, sobre todo a partir da información existente en varios rexistros, de bens inmobles, mobles de importante valor, constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen outorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución de uso privativo ou aproveitamento especial de dominio ou uso público, constitución de arrendamentos de predios urbanos ou dereitos reais de garantía, así como as que deriven das novas obrigas de información establecidas con carácter xeral, en especial a relativa aos bens e dereitos situados no estranxeiro ou a declaración especial. Para estes efectos resulta esencial a colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e a AEAT na selección de contribuíntes, tendo en conta que os datos obtidos das actuacións de comprobación e investigación dos impostos estatais xestionados pola AEAT, en especial o IRPF, poden implicar consecuencias, sobre todo no imposto sobre o patrimonio.

– Investigación da información de que dispoñen ou dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario, como por exemplo, a subministrada polos órganos competentes en materia de xogo, en materia de ambiente, industria, enerxía e augas ou polos órganos xestores de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do control dos tributos sobre o xogo, a imposición ambiental e as citadas taxas e prezos, tanto no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados como á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, xa sexan exencións, bonificacións ou deducións, en especial en colaboración coa AEAT, cando os devanditos beneficios fiscais estean relacionados ou determinados polas capacidades económicas dos usuarios dos servizos gravados.

– Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial as reducións na base impoñible referidas a empresas e vivenda, tanto das condicións que se deben cumprir no momento da remuneración como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma, en especial os requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, o artigo 108 da Lei do mercado de valores; os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas; a transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos.

– Verificación das operacións realizadas por empresarios para os efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo IVE, en especial a verificación do cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto, así como a súa correcta tributación polo tipo incrementado do IAXD.

– Verificación da presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos xurídicos documentados.

– Comprobación de deslocalizacións por simulacións de cambios de residencia.

- Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial a súa adecuación cos rexistros administrativos e fiscais, a comprobación de actos anteriores do causante, a adición de bens nos supostos establecidos na norma e a comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas con persoas ou entidades coas cales exista algún tipo de vinculación.

– Colaboración coa AEAT para a verificación do cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas aprobadas pola Comunidade Autónoma no exercicio da súa competencia normativa, sobre todo naqueles supostos en que se precisa un recoñecemento administrativo previo para gozar do beneficio fiscal.

D. Control en fase recadatoria.

Por último, as actuacións de xestión recadatoria, referidas tanto ás débedas de tributos cedidos e propios coma aos demais ingresos de dereito público e para todos os obrigados ao pagamento.

Como sinala o artigo 2 da LXT, o fin primordial dos tributos é obter os ingresos necesarios para o sostemento dos gastos públicos, de tal forma que de nada valen os procedementos comprobadores se non se converten en ingresos para as administracións. Así, faise necesaria unha actuación conxunta dos órganos de recadación cos órganos con competencia comprobadora, así como con outras administracións, en especial a AEAT, para determinar con carácter previo a situación patrimonial dos suxeitos obxecto de comprobación, e dos que pode resultar unha cantidade a ingresar, mellorando así os niveis de eficiencia e anticipándose á situación futura do procedemento recadador co fin de adoptar, se é o caso, posibles medidas preventivas.

As principais liñas de actuación que se desenvolverán son as seguintes:

– Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras autorizadas, controlando o seu correcto desenvolvemento.

– Control e seguimento dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

– Control do sistema de compensación de débedas e créditos.

– Coordinación coa AEAT no marco do convenio de recadación subscrito, co fin de mellorar a tramitación dos expedientes xestionados.

– Control e seguimento dos expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público.

– Control e seguimento dos expedientes de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento, das suspensións das garantías das débedas que se encontren en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de prema e dilixencias de embargo, sobre todo coa finalidade de que estas figuras non sexan utilizadas para conseguir dilacións nos procedementos ou elusións do pagamento.

– Control das actuacións das zonas de recadación, con especial incidencia nas propostas de insolvencia.

– Especial incidencia no seguimento dos procesos concursais que conteñan débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia, priorizando estas actuacións en función da súa contía. Este seguimento realizarase especialmente nos supostos que remate o proceso concursal con aprobación do convenio, pero tamén cando este proceso entre en fase de liquidación.

– Dentro dos procedementos de recadación executiva, implementación dos medios telemáticos de relación co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de Galicia, ou doutro tipo de rexistros oficiais, tanto para a mellora na obtención de información como para a práctica dos correspondentes embargos.

– Coordinación cos órganos competentes para a realización de pagamentos orzamentarios da Xunta de Galicia co obxecto da posibilidade de practicar embargos dos dereitos de cobramento a favor de persoas que sexan, así mesmo, titulares de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia.