Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 26 de marzo de 2013 Páx. 8960

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 51/2013, do 14 de marzo, polo que se aproba o cambio de denominación do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da XI Rexión (Pontevedra-Ourense), que pasa a denominarse Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense).

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3, transfírense á nosa Comunidade as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo estrutura establecida no Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da dita competencia, establece no seu artigo 13 o procedemento de modificación de denominación dun colexio profesional, atribuíndolle facultades de iniciativa ao propio colexio, á Administración autonómica ou ao consello galego respectivo e sinalando, así mesmo, que a aprobación do cambio de denominación se realizará por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade coas facultades atribuídas pola normativa vixente en materia de colexios profesionais, logo de solicitude do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da XI Rexión (Pontevedra-Ourense), tramitou o procedemento de modificación da denominación do dito colexio no cal se establece como denominación a de Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense), por considerala adecuada á normativa vixente.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Cambio de denominación

Aprobar o cambio de denominación do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da XI Rexión (Pontevedra-Ourense), que pasa a denominarse Colexio Oficial de Dentistas da XI Rexión (Pontevedra-Ourense).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza