Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 22 de marzo de 2013 Páx. 8701

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de marzo de 2013 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Instituto Galego de Cooperación Iberoamericana e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Instituto Galego de Cooperación Iberoamericana, tramitado por instancia do seu padroado e con base nos seguintes

Antecedentes.

1. A Fundación Instituto Galego de Cooperación Iberoamericana foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 29 de setembro de 1988, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número 1.176 do seu protocolo. Foi clasificada como cultural privada e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Cultura e Xuventude do 20 de xuño de 1991 e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1989/4.

Na actualidade está adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. De acordo co artigo 3 dos estatutos, os fins da Fundación son:

a) O fomento do mutuo coñecemento entre os pobos galaico-iberoamericanos e a intensificación de intercambios culturais, científicos e técnicos con Galicia.

b) A axuda e cooperación de todas as iniciativas públicas e privadas conducentes ao logro dos anteriores fins, sobre todo en relación cos centros e sociedades de emigrantes galegos.

c) Outros que supoñan o mellor coñecemento dos pobos galaico-iberoamericanos e a súa cooperación e intercambio científico-técnico.

3. O padroado da Fundación, na súa reunión do 29 de maio de 2008 adoptou, en aplicación do artigo 27 dos seus estatutos, o acordo da liquidación da fundación, por imposibilidade de realizar o fin fundacional. Segundo se desprende da memoria xustificativa, a extinción vén motivada porque os membros do padroado consideran que na actualidade existen outros instrumentos para a cooperación iberoamericana que se mostran máis eficaces para o cumprimento do seu obxectivo fundacional e a Fundación foi deixando de ter actividade progresivamente ata que se acordou a disolución, ao non existir a posibilidade de fusión con outra entidade que teña fins semellantes, nin tampouco mediante a modificación estatutaria era posible o cumprimento dos fins establecidos.

A Fundación achegou ao protectorado, xunto coa solicitude da ratificación do acordo de extinción, a seguinte documentación:

– Certificación do dito acordo adoptado polo padroado.

– Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

– As contas da fundación na data de adopción do acordo.

– O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes.

– O nomeamento dos liquidadores.

4. O Servizo Técnico-Xurídico da Secretaría Xeral de Cultura instruíu o procedemento de ratificación do acordo de extinción da Fundación.

Fundamentos xurídicos.

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exerce o protectorado sobre a dita Fundación, ao abeiro dos artigos 1 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro. Así mesmo, é o departamento competente para o coñecemento desta solicitude de conformidade co artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.

2. De acordo cos artigos 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; e 21 e 39 do Regulamento do Rexistro de fundacións de interese galego, unha das causas de extinción das fundacións é a imposibilidade da realización do fin fundacional, para o que se exixe o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O citado artigo 44 establece, ademais, que o dito acordo se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

3. O artigo 39.2 do Regulamento do Rexistro de fundacións de interese galego dispón que, de forma simultánea á inscrición da extinción da fundación, se inscribirá o nomeamento de liquidadores.

4. Segundo o artigo 27 dos estatutos da Fundación, a disolución só poderá levarse a cabo mediante acordo do padroado, expresamente convocado para tal efecto e á que será preciso que asistan polo menos dous terzos dos seus membros. O acordo será tomado por maioría de dous terzos e aprobación do protectorado.

O artigo 28 sinala que no suposto de extinguirse a Fundación todo o seu patrimonio pasará a pertencer á Universidade de Santiago de Compostela, que o destinará para os fins establecidos no artigo 3 dos estatutos. Para tal fin designarase unha comisión liquidadora encargada dos trámites preceptivos conforme a lei.

Polo exposto e de conformidade co informe-proposta do Servizo Técnico-Xurídico da Secretaría Xeral de Cultura do 28 de febreiro de 2013,

RESOLVO:

1. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Instituto Galego de Cooperación Iberoamericana, adoptado polo seu padroado con base na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

2. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación e o nomeamento dos liquidadores no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, consonte o previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2013

P.D. (Orde do 25.1.2012; DOG nº 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria