Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 19 de marzo de 2013 Páx. 8260

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 13 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria.

Mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 26 de xaneiro de 2006 reguláronse os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria, en aplicación do disposto no artigo 54 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, pola que se establece : «regularase por orde do conselleiro competente en materia de agricultura o sistema de acreditación dos inspectores de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria».

Posteriormente, a citada orde foi modificada en dúas ocasións; primeiro mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 18 de febreiro de 2009, para crear un novo modelo de carné para o persoal ao servizo do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal) e logo, a través da Orde da Consellería do Medio Rural do 7 de abril de 2011, para realizar algúns cambios nos formatos e modelos dos carnés.

Por outra parte, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aprobou a Orde do 7 de decembro de 2012 pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector autonómico.

Na súa disposición transitoria establece que o persoal inspector regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, se regulará pola súa orde específica, sen prexuízo da súa adaptación ao disposto na citada Orde do 7 de decembro no prazo de seis meses. Faise necesario, por tanto, modificar os modelos de carné consonte o establecido na mencionada Orde do 7 de abril de 2011 no que atinxe ao persoal inspector regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é modificar a Orde do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria co obxecto de adaptar os modelos de carnés de acreditación do persoal inspector en materia de defensa contra fraudes e calidade alimentaria, de control da calidade de producións gandeiras, de sanidade e produción animal e de sanidade e produción vexetal e do persoal inspector do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) ao modelo establecido no artigo 4.b) da Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de decembro de 2012 pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector autonómico.

Artigo 2. Modificación da Orde do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria

Primeira. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 3, que queda redactado como segue:

«O formato e o contido dos carnés para o persoal inspector en materia de defensa contra fraudes e calidade alimentaria, de control da calidade de producións gandeiras, de sanidade e produción animal e de sanidade e produción vexetal, axustaranse aos modelos establecidos no anexo da Orde do 7 de decembro de 2012, pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector público autonómico».

Segunda. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 4, que queda redactado como segue:

«O formato e o contido dos carnés dos habilitados en materia de defensa contra fraudes e da calidade alimentaria e de sanidade e produción animal axustaranse aos modelos establecidos no anexo da Orde do 7 de decembro de 2012, pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector público autonómico».

Terceira. Engádese un novo artigo 6, co seguinte contido:

«Artigo 6. Para a acreditación do persoal inspector en materia de defensa contra fraudes e calidade alimentaria, de control da calidade de producións gandeiras, de sanidade e produción animal e de sanidade e produción vexetal, e do persoal inspector do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) ou o persoal habilitado, se for o caso, utilizarase o modelo de tarxeta de acreditación especial non nominativa establecido no artigo 4.b) da Orde do 7 de decembro de 2012».

Cuarta. Engádese un novo artigo 7, co seguinte contido:

«Artigo 7. A solicitude e tramitación das tarxetas de acreditación do persoal inspector en materia de defensa contra fraudes e calidade alimentaria, de control da calidade de producións gandeiras, de sanidade e produción animal e de sanidade e produción vexetal, e do persoal inspector do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) ou o persoal habilitado, se for o caso, realizarase de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 7 de decembro de 2012».

Quinta. Os modelos dos anexos I, I bis, I ter, II, III, IV e V da Orde da Consellería do Medio Rural do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria, substitúense polo modelo de tarxeta especial non nominativa establecido no anexo da Orde do 7 de decembro de 2012.

Disposición transitoria

No prazo dun mes seguinte á entrada en vigor desta orde, procederase á substitución dos carnés expedidos con anterioridade por outros que se axusten aos novos modelos.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o último guión do artigo 2 da Orde do 26 de xaneiro de 2006, na súa redacción dada pola Orde do 18 de febreiro de 2009.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar