Con base no artigo 40 de la Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outros instrumentos financeiros dispoñibles no mercado.
Así mesmo, no artigo 33 de la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes no fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade correspóndelle na actualidade á conselleira de Facenda, en virtude da estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 227/2012, do 2 de decembro, e 235/2012, do 5 de decembro.
Mediante os acordos do Consello de Ministros do 18 de xaneiro e 1 de marzo de 2013 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo único
Autorízase unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (o emisor) por un importe nominal de 31.100.000 euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as obrigacións), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.
A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a seguir:
Importe nominal da emisión: trinta e un millóns cen mil euros (31.100.000 euros).
Data da emisión e desembolso: 14 de marzo de 2013.
Data de vencemento: 1 de decembro de 2016, con suxeición á convención de día hábil seguinte non axustado (following unadjusted).
Prezo de emisión por obrigación: 99,174 % do importe nominal de cada obrigación, libre de gastos para o subscritor.
Importe nominal de cada obrigación: mil (1.000) euros.
Entidade colocadora: BBVA.
Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.
Cupón: as obrigacións devindicarán e o emisor pagará un cupón por períodos de xuro vencidos, de acordo coas seguintes regras:
i) O primeiro período de xuro iniciarase na data de emisión e desembolso e finalizará o 1 de decembro de 2014.
ii) Os seguintes períodos de xuros serán anuais, e pagarase o cupón o día 1 de cada mes de decembro, a partir do 1 de decembro de 2015 e ata a data de vencemento.
iii) Cada período de devindicación de cupóns vai desde unha data de pagamento de cupóns (inclusive) á seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devindicación de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e o último finalizará na data de vencemento.
Convención de día hábil: cando calquera data de pagamento teña a consideración de inhábil no sistema Target, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuarase no día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema.
O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible atraso.
Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.
Cotización: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións en conta e inscritas na Sociedade de Gestión de los Sistemas de Registro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión a negociación no mercado de débeda pública en anotacións na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.
Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.
Amortización das obrigacións: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade á par (100 % do importe nominal de cada obrigación) na data de vencemento, o 1 de decembro de 2016.
Tipo de xuro: o tipo de xuro será o 4 % nominal anual.
Os xuros calcularanse sobre a base de cálculo Act/Act, sen axuste ningún de cada período de devindicación de cupóns como resultado da convención de día hábil. Para tales efectos, Act/Act ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.
Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda realizaraos o Banco de España, de acordo co establecido no Convenio marco do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.
Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.
Xurisdición: os tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2013
Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda