Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2013 Páx. 7046

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 22 de febreiro de 2013 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Láncara.

O Concello de Láncara remite o Plan xeral de ordenación municipal, xunto co correspondente expediente administrativo, e solicita a súa aprobación definitiva conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

O planeamento actualmente vixente no Concello de Láncara son as normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente con data do 13 de marzo de 1984.

Canto aos instrumentos de ordenación do territorio de incidencia supramunicipal, consta a afección do proxecto sectorial de parque eólico Montes de Abella (DOG 14.5.2012).

Polo que respecta ás actuacións administrativas desenvolvidas na tramitación do PXOM do Concello de Láncara, cómpre subliñar:

– A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu, con data do 27.2.2004, o preceptivo informe previo á aprobación inicial do PXOM, conforme o previsto no artigo 85.1 da LOUG.

– O Concello Pleno de Láncara, na súa sesión do 26 de novembro de 2004, acordou aprobar inicialmente o PXOM.

– Cumpriuse co preceptivo trámite de información pública e consta que se deu audiencia aos concellos limítrofes.

– Solicitáronse os preceptivos informes municipais, técnicos e xurídicos.

– O Concello Pleno de Láncara, na súa sesión do 29 de agosto de 2005, acordou aprobar provisionalmente o PXOM.

– O Concello Pleno do 20 de decembro de 2005 acordou aprobar a documentación modificada deste PXOM.

– Por mor da introdución de sucesivas modificacións no PXOM, o documento foi sometido a senllas aprobacións plenarias en datas do 14.2.2006 e do 28.5.2008 e foron verificadas as conseguintes informacións públicas.

– O PXOM do Concello de Láncara non precisou sometemento á avaliación ambiental estratéxica por contar, a este respecto, cunha resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental neste sentido.

– O PXOM someteuse novamente á aprobación municipal plenaria en datas do 29.2.2012, 25.4.2012 e 15.2.2013.

– O Concello de Láncara remitiu o documento resultante á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para solicitar a aprobación definitiva.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación integrada no Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Láncara, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

A reformulación efectuada no PXOM de resultas das correccións técnicas e da introdución dos condicionamentos impostos polos informes sectoriais correlativos dá cumprimento aos requirimentos exixidos.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG, para resolver sobre a aprobación definitiva analizouse a integridade e a suficiencia dos documentos que constitúen o plan, a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural, a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Láncara axústase, no fundamental, aos criterios expresados na LOUG. Delimita o tecido urbano, recoñece o sistema tradicional de asentamentos, establece para eles unha ordenación propia e dótaos de áreas de expansión na medida en que sexa o preciso en cada caso, definindo as necesarias proteccións para os terreos que as precisan prevendo un ámbito para o futuro desenvolvemento de usos produtivos e dotando o concello dunha ordenación propia para favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Láncara, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas