Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 6 de marzo de 2013 Páx. 6637

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de febreiro de 2013 pola se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2013, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Nesta liña, con esta orde, preténdese continuar a política de bolsas e axudas para a realización de cursos de idiomas no estranxeiro destinadas a estudantes universitarios.

Así mesmo, cabe sinalar que a adaptación do alumnado ao Espazo Europeo de Educación Superior exixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional, razón pola que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria debe apoiar as iniciativas dos estudantes que poidan contribuír a enriquecer a súa formación académica e científica.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, 113 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2013, co obxecto de coñecer a lingua dese país, dirixidas ao alumnado universitario matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia, para o curso 2012/13.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, cunha contía global de 124.300 euros, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da Consellería.

Artigo 3. Período e dotación da axuda

1. As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2013.

2. A dotación económica asignada a cada beneficiario será de 1.100 euros.

Artigo 4. Requisitos

1. Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar matriculados/as no curso 2012/13, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia, en estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

b) Ter superado 60 créditos no momento de presentación da solicitude en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de grao e de 1º e 2º ciclo.

c) Ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior aos 7,00 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 6,00 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Nota media calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre esta consellería e as universidades galegas.

d) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponder co idioma oficial do país elixido.

2. Quedan excluídos/as desta convocatoria:

a) Os/as alumnos/as que xa resultasen beneficiarios desta axuda en anteriores convocatorias.

b) Os/as alumnos/as que durante o curso 2012/13 sexan adxudicatarios dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o dito programa.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED416A que se publica como anexo I a esta orde, e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es para a súa presentación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica deste formulario e da declaración responsable admitirase o DNI electrónico, ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede, da persoa solicitante ou representante legal.

5. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

En caso de dúbida en relación coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientación.sug@edu.xunta.es

6. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel, unha vez cubertos en todos os seus campos os formularios en formato PDF dispoñibles na sede, sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal; presentándoos, asinados, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixidos á Secretaría Xeral de Universidades (Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, para a presentación de instancias.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED416A) e a declaración responsable (anexo II, na cal a persoa solicitante debe indicar se ten ou non ten solicitado ou concedido outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia xunto coa seguinte documentación:

a) Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente, na cal se farán constar as materias ou os créditos en que está matriculado no curso académico 2012-2013, así como a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.

Os/as alumnos/as que estean cursando estudos de 2º ciclo de ensinanzas LRU, por accederen desde unha titulación de 1º ciclo, deberán enviar, ademais, unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudios oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa en que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.

b) Programa do curso de idiomas para o cal se solicita a axuda, no cal deberán figurar o centro e lugar de destino, o período de duración, as datas de realización do curso e o número de horas lectivas semanais.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada da certificación académica e do programa do curso de idiomas admitirase, igualmente, a presentación da certificación académica orixinal ou copia compulsada desta e o programa do curso, en formato papel, presentándoos nos mesmos termos establecidos no punto 6 do artigo anterior.

Artigo 7. Exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes, exporanse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando os motivos de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. Os interesados disporán dun prazo de reclamación de dez días, podendo, durante ese prazo, formular reclamacións ou emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou, por delegación, a persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades.

O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: o/a xefe/a da Sección de Orientación aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de representantes das universidades galegas en calidade de expertos na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da secretaría xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 9. Selección

1. A selección será realizada pola Comisión Avaliadora en atención á cualificación obtida polo/a alumno/a en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.

No caso de posuír a mesma nota media de expediente académico, terán preferencia para a concesión da axuda aqueles/as alumnos/as que teñan superado un maior número de créditos.

2. Así mesmo, a Comisión elaborará unha listaxe de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na cal figurarán os solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios da axuda.

3. No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlle a axuda a aqueles solicitantes que figuren na listaxe de candidatos suplentes elaborada pola Comisión e pola orde que nela aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso, sinalada no artigo 11 desta orde.

4. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez efectuada a selección pola Comisión Avaliadora, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constarán tres relacións: unha co alumnado que resulte adxudicatario das axudas; a segunda co alumnado ao cal lle sexa denegada a axuda por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria; e unha terceira co alumnado que, reunindo os requisitos exixidos, non acadou un número de orde que lle permita obter a axuda. Os/as alumnos/as incluídos/as nesta última relación quedarán ordenados/as de acordo coas súas puntuacións e constituirán a lista de suplentes con que se irán substituíndo, por rigorosa orde, os/as alumnos/as adxudicatarios/as que por calquera causa non participen no programa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, que comezarán a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

3. Os solicitantes a que lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Xustificación, prazo de xustificación e pagamento

1. Os adxudicatarios que figuran na listaxe de concedidos, así como os da listaxe de suplentes, se os houber, presentarán na Secretaría Xeral de Universidades os documentos xustificativos seguintes:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado de asistencia ao curso para o cal lle foi concedida a axuda, traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, a algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e no cal se especifique o lugar, as datas de realización, a duración do curso (mínimo tres semanas) e o número de horas lectivas semanais (mínimo 15 horas semanais). Así mesmo, deberán conservar os xustificantes referidos aos gastos de viaxe e custo do curso, xa que poderán ser requiridos pola Secretaría Xeral de Universidades para a verificación das datas, horas lectivas, estadías etc.

b) Nova declaración responsable (anexo II) actualizada, na cal o solicitante debe indicar se lle foi, ou non, concedido outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos.

2. O prazo de xustificación remata o día 10 de outubro de 2013.

3. As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12. Incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/das bolseiros/as

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Os solicitantes, polo feito de solicitar esta axuda, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o seu resultado, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades, unha vez finalizada a actividade, a documentación que se solicita no dito artigo 11.

b) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

c) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará a autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file