Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Xoves, 28 de febreiro de 2013 Páx. 6307

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada Interconexión das liñas de alta tensión a 132 kV Mondoñedo-Porzún e Doiras-Mondoñedo, no termo municipal de Trabada e promovida por E.On Distribución, S.L. (expediente IN407A 2012/89-2, 8057 AT).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa E.On Distribución, S.L., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Medio, nº 12, 39003 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A empresa E.On Distribución, S.L. é a propietaria das liñas eléctricas de alta tensión (LAT) a 132 kV denominadas Porzún-Mondoñedo e Doiras-Mondoñedo:

– A LAT Porzún-Mondoñedo conecta as subestacións de Porzún, Foz, Burela, Magazos e Mondoñedo.

– A LAT Doiras-Mondoñedo conecta a subestación de Doiras coa subestación de Mondoñedo.

Segundo. O 11.7.2012 a empresa E.On Distribución, S.L. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica denominada Interconexión das liñas de alta tensión a 132 kV Mondoñedo-Porzún e Doiras-Mondoñedo, acompañada do preceptivo proxecto. Esta infraestrutura eléctrica ten por obxecto independizar a zona de Asturias da zona de Lugo, mediante a interconexión de ambas as liñas. As súas características técnicas básicas son as seguintes:

– Substitución do apoio existente nº 142 da LAT 132 kV Porzún-Mondoñedo por un apoio novo tipo Cóndor 27000-21/Armado especial; e substitución do apoio existente nº 122 da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo por un apoio novo tipo Cóndor 27000-15/Armado especial.

– LAT 132 kV con orixe no apoio novo nº 142 da LAT 132 kV Porzún-Mondoñedo e final no apoio novo nº 122 da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo, cunha lonxitude de 55 m, en condutor tipo LA-110 e cable de comunicación OPGW 48 fibras; quedando unidas electricamente as subestacións de Doiras e Porzún, e os apoios novos preparados para volver conectar as liñas da maneira orixinal se fose necesario.

Terceiro. O 7.9.2012 a empresa E.On Distribución, S.L. presentou escrito de desistencia da súa solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da devandita infraestrutura eléctrica, por ter obtido a autorización (da que xunta copia) da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (responsable da xestión do Banco de Terras) para a correspondente afección por instalación de apoios e servidume de voo.

Cuarto. O 13.11.2012 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 26.11.2012 e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 28.11.2012. Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. Ademais, a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería trasladou as separatas do devandito proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

Entidade

Resumo da resposta

1

Concello de Trabada

Non contestou á petición de informe (xustificante de recepción do 22.11.2012), nin á reiteración desta petición (8.1.2013). Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Sexto. O 13.11.2012 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 010 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

Terceiro. A Lei 30/1992, do 30 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común establece no seu artigo 90.1 que todo interesado poderá desistir da súa solicitude e, no seu artigo 91.2, que a Administración aceptará de vez a desistencia e declarará concluído o procedemento.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada Interconexión das liñas de alta tensión a 132 kV Mondoñedo-Porzún e Doiras-Mondoñedo, no termo municipal de Trabada (Lugo) e promovida por E.On Distribución, S.L.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

3. Aceptar a desistencia de E.On Distribución, S.L. respecto da súa solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica e declarar concluído este procedemento.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por E.On Distribución, S.L., titulado Interconexión das liñas de alta tensión a 132 kV Mondoñedo-Porzún e Doiras-Mondoñedo, asinado polo enxeñeiro industrial Jesús Roibás Rodil (colexiado nº 456 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado pola Delegación da Coruña deste colexio, con visado dixital nº CO121406 e data do 27.6.2012; e no que figura un orzamento de execución de 164.801,48 €.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberase cumprir en todo momento canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito quinto da presente resolución), a empresa promotora da infraestrutura eléctrica procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes, ou de ser o caso, pendentes de emitir.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas