Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2013 Páx. 5777

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 38/2013, do 14 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de mellora do trazado da estrada provincial 9701 Baión-András, p.q. 3+653 ao 5+045 (Vilanova de Arousa).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do día vinte e seis de outubro de dous mil doce, aprobou o proxecto de obras de mellora do trazado da estrada provincial 9701 Baión-András, p.q. 3+653 ao p.q. 5+045 (Vilanova de Arousa), e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais logo da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan a Deputación e o informe do técnico provincial, a estrada provincial 9701 Baión-András configúrase como unha das infraestruturas máis importantes da zona e conta cunha importante densidade de tráfico. Esta intensidade é a que fai necesario ampliar distintos treitos da estrada no lugar de Serantes, facilitando así tanto o tráfico rodado coma o peonil en distintos puntos ao longo de 1.392 metros lineais.

As actuacións previstas teñen por obxecto definir as características técnicas necesarias para levar a cabo a mellora da seguridade viaria nese treito da estrada, xa que o seu estado actual non reúne as características técnicas mínimas exixidas para este tipo de vía. A obra vai supor minorar o risco de accidentes e, en consecuencia, xustifica a utilidade pública e a urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de mellora do trazado da estrada provincial 9701 Baión-András, p.q. 3+653 ao p.q. 5+045 (Vilanova de Arousa), debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza