Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Venres, 22 de febreiro de 2013 Páx. 5254

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das subvencións do Programa Reencontros na Casa para residentes no exterior e se convocan as correspondentes ao ano 2013.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 243/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxes a Galicia Reencontros na Casa, que lles permite a emigrantes galegos e fillos/as de emigrantes galegos maiores de 60 anos viaxar a Galicia a custo reducido para estreitaren vínculos cos seus familiares residentes aquí.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante esta resolución apróbanse as bases polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao Programa Reencontros na Casa do ano 2013, orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

As bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondente ao Programa Reencontros na Casa para o 2013 recóllense no anexo I.

É tamén obxecto desta resolución convocar as axudas correspondentes ao ano 2013.

Artigo 2. Prazas convocadas, achegas económicas e datas de realización

2.1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2013 do seguinte xeito:

Países

Nº de prazas

Arxentina

88

Brasil

17

Cuba

10

Uruguai

70

Venezuela

6

Outros países

3

Total

194

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 194 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de prazas nas solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

O 90 % das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados na base reguladora primeira, números 1 e 2, e o 10 % restante ás persoas que cumpran os requisitos da base reguladora primeira, número 3. Só no caso de que non se cubrise a última das cotas anteriores, poderían redistribuírse as prazas, engadindo as prazas vacantes á primeira das ditas cotas.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

2.2. Axudas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60 % do custo da viaxe a Galicia dos/das beneficiarios/as desde os lugares de partida, fixados pola Secretaría Xeral da Emigración, en América, ata o lugar de destino designado en Galicia.

Farase cargo do 90 % naqueles países en que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade en 2012 non superou os 2.700 euros anuais. Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias debido a controis cambiarios, poderá sufragarse o 80 % da pasaxe, aínda que a dita base de cálculo supere a cantidade indicada de 2.700 euros anuais.

2.3. Datas de realización.

As datas de realización serán a finais do mes de xuño.

Artigo 3. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para este programa será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Financiamento

Trátase de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 5. Desenvolvemento

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 6. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Beneficiarios/as

1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América.

1.4. Ter cando menos 60 anos e estar xubilado ou ter cando menos 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.

1.6. Para ser beneficiarios/as deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos.

1.7. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade con quen poidan residir durante a súa estadía en Galicia.

1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o ano da convocatoria, segundo os países de residencia. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número de conviventes menos un.

2. Poderán ser beneficiarias as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga coas solicitantes do programa indicadas no punto 1, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

3. Tamén poderán ser solicitantes os fillos/as de emigrantes galegos que teñan a condición de galegos e cumpran os requisitos indicados nos números 1.2, 1.3, 1.4, 1.5, 1.6, 1.7 e 1.8 desta base.

Artigo 2. Características do programa

1. A condición de beneficiario/a deste programa quedará supeditada ao compromiso de acollida dos familiares do solicitante residentes en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.

2. Os participantes poderán permanecer cos seus familiares en Galicia ata completar un período máximo de 3 meses, e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivado da súa estadía en Galicia.

3. Os beneficiarios/as deberán ingresar, por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para a realización da viaxe. Entenderase que os que non cumpran con este requisito desisten da súa solicitude.

4. A prestación de asistencia sanitaria dos/das beneficiarios/as será de acordo coa le-xislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Prazas convocadas e datas de realización

1. O número de prazas convocadas establecerase na correspondente convocatoria anual deste programa.

2. Igualmente a convocatoria anual determinará as datas de realización do programa.

Artigo 4. Criterios de selección

1. En primeiro lugar seleccionaranse os solicitantes que nunca participasen en edicións deste programa. Dentro deste grupo, a orde de preferencia será a dada pola maior idade do solicitante.

2. No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, teranse en conta os solicitantes que xa participaron en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia será a dada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

3. No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos e do nome dos candidatos, empezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente ás sucesivas convocatorias deste programa.

4. A selección dun solicitante emigrante galego levará a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que esta veña incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos no número 2 do artigo 1 destas bases reguladoras.

5. A selección dun solicitante fillo/a de emigrante galego comportará a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que sexa solicitante e cumpra os requisitos exixidos. Neste suposto, só deberá cumprir o requisito da idade un dos solicitantes.

6. Seguindo os números 1, 2, 3, 4 e 5 anteriores, ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de seleccionados e reservas de acordo ao número de prazas asignadas a cada país, segundo o estipulado na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 5. Solicitudes, documentación e lugar de presentación

1. A documentación que deberá achegar o solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo II.

b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

Os solicitantes que posúan a nacionalidade española e estean en posesión do DNI poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento, deberán presentar fotocopia do DNI. Para o resto, o pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/da solicitante, ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. As persoas que soliciten o programa por aplicación do número 3 do artigo 1 destas bases deberán acreditar ser fillos de emigrante galego/a e ter a condición de galegos mediante a inscrición no Censo de residentes ausentes nun concello galego.

d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e da data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

g) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo III desta resolución, conforme o solicitante é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

h) Fotografía actual tamaño carné.

i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

j) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou outros entes, tanto públicos coma privados, para a mesma actividade. Poderá presentarse no mo-delo que consta no impreso de solicitude (anexo II).

k) Declaración responsable conforme o solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma, que se poderá presentar no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo II).

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante emigrante galego por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

As persoas que estean en posesión do DNI poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento, deberán presentar fotocopia do DNI. Para o resto, o pasaporte en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) Certificado médico segundo o modelo incluído no anexo III desta resolución, conforme é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Fotografía actual tamaño carné.

e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou outros entes, tanto públicos coma privados, para a mesma actividade. Poderá presentarse no mo-delo que consta no impreso de solicitude (anexo II).

f) Declaración responsable, que se publicará como anexo II á correspondente resolución anual de convocatoria, conforme o/a solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma.

3. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa Os Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou á residencia do solicitante.

4. Para a presentación destas solicitudes os/as interesados/as tamén poderán utilizar o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os/as interesados/as que non posúan certificado dixital e así o desexen poderán diri-xirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro.

– Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrucións de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas paxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

As entidades colaboradoras no exterior deberanlle remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos cinco días seguintes ao remate do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 6. Unidade económica familiar

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan co solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren fillos en común, chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 7. Procedemento de concesión e instrución

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases da convocatoria, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas e indicaranse, se é o caso, as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse no prazo máximo de 90 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das de-legacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 5.

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.es para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidos da súa petición e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez transcorrido este prazo, elaborarase a lista definitiva de admitidos e excluídos, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 5.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Programas Sociais. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación, presididas polos delegados da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela pode-ranse crear comisións de avaliación, presididas por un funcionario técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións e, de ser o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven os solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes presentadas tendo en conta o previsto nos artigos 1 e 5 e segundo os criterios establecidos no artigo 4 das bases reguladoras.

5. Os expedientes que non fosen avaliados polas comisións mencionadas no punto 4 deste artigo serán avaliados pola Comisión de Avaliación indicada no punto 3, tendo en conta o previsto nos artigos 1 e 5 e segundo os criterios establecidos na artigo 4 das bases reguladoras.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerase, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Os expedientes serán avaliados polas comisións segundo os criterios de valoración establecidos nestas bases para os distintos programas. Posteriormente, a Comisión de Avaliación indicada no punto 3 elaborará unha proposta de concesión que se elevará por parte do órgano instrutor ao/a secretario/a xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de beneficiarios/as, o/a secretario/a xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións e publicará na páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de beneficiarios/as e as reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8. Obrigas dos/das beneficiarios/as

1. Para poder ser beneficiario/a destas axudas deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, á cal se xuntarán os documentos que se especifican no artigo 5. Este modelo de solicitude poderá obterse a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte ende-rezo da internet (http://emigracion.xunta.es).

2. A través da solicitude proporcionaránselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para ese efecto, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto a este ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cance-lación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa Os Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

3. A finalidade da recollida e do tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente, faise constar que o solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Emigración, no ámbito das súas competencias, a cederlles os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia, co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

5. Con carácter xeral, os/as beneficiarios/as correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

6. Os/as beneficiarios/as quedan obrigados a lle comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, e a Secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

7. O/a solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas. Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

8. Agás nos casos indicados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 9. Compatibilidades e seguimento da resolución de concesión

1. As axudas reguladas nestas bases son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o/a beneficiario/a.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os/as beneficiarios/as destas axudas prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

missing image file
missing image file
missing image file