Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Mércores, 20 de febreiro de 2013 Páx. 4879

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2013, da Presidencia da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se delega o exercicio de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o previsto no Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se crea e se aproba o seu estatuto, é unha entidade pública instrumental adscrita á consellería competente en materia de infraestruturas que ten como obxectivos básicos impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas e outras infraestruturas.

O estatuto, de acordo co previsto no artigo 64 da Lei 16/2010, do 17 de decembro,
de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, configura a organización da axencia con dous órganos de goberno, a Presidencia e o Consello Reitor, e un órgano executivo, a Dirección, e, aínda que este último é a quen corresponde a xestión ordinaria da entidade, a competencia para a resolución de recursos administrativos, na cal predomina o carácter xurídico, cómpre
que sexa exercida, por delegación, pola secretaría xeral técnica da consellería de adscrición.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto da delegación

Delégase na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia para a resolución dos recursos administrativos atribuídos á Presidencia, así como das solicitudes de suspensión que se formulen.

Segundo. Criterios complementarios

Na aplicación da delegación teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio da competencia que se delega axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992 e no artigo 6 da Lei 16/2010.

2. En calquera momento a persoa titular da Presidencia da Axencia poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan.

Terceiro. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante

Cuarto. Eficacia da delegación

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2013

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Presidente da Axencia Galega de Infraestruturas