Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2013 Páx. 3091

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se crea o couto de pesca Rego de Moreda.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou o Plan de xestión de recursos piscícolas do Rego de Moreda, no termo municipal de Taboada (Orde do 18 de decembro de 2012, publicada no DOG núm. 5, do 8 de xaneiro de 2013).

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo de Conservación da Natureza de Lugo iniciou o expediente de creación do couto de pesca Rego de Moreda.

O expediente de creación do couto de pesca Rego de Moreda foi sometido a información pública mediante Resolución do 23 de xullo de 2012, publicada no DOG núm. 153, do 10 de agosto de 2012. Neste trámite de información pública non se presentaron alegacións.

No expediente de creación do couto de pesca Rego de Moreda consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Lugo, en sesión do 10 de setembro de 2012.

Consideracións legais.

O expediente de creación do couto de pesca Rego de Moreda cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo crear o couto de pesca Rego de Moreda, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

Límite superior: ponte da estrada entre Gondulfe e Pedrouzos.

Límite inferior: ponte da pista forestal entre Ider e Vilar, aproximadamente 280 m augas arriba da central de Castelo.

Lonxitude aproximada: 8,9 km.

Clasificación: couto de troita.

Permisos diarios: 4.

Cota diaria de captura: 6 troitas por persoa e xornada.

Tamaño mínimo da troita: 19 cm.

Días inhábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

Vedas: vedaranse o último quilómetro do Rego do Muíño Vello, o último quilómetro do Rego de Anguieira e mais a cabeceira do Rego de Moreda desde o nacemento ata o límite superior do couto.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense no couto de pesca os 100 m finais de todos os afluentes existentes no tramo acoutado.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2013

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza