Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2013 Páx. 2976

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 16/2013, do 24 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da antiga estrada LU-113 desde o p.q. 30+390 ata o p.q. 31+520 en prol do Concello de Abadín.

Segundo o previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54, en consonancia co artigo único do Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que as estradas autonómicas ou provinciais ou treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de acordo ou convenio entre as administracións implicadas.

Ao amparo das previsións legais, a área de Planificación e Programación dependente da Axencia Galega de Infraestruturas, emite uinforme favorable ao cambio de titularidade dun treito da antiga estrada LU-113 desde o p.q. 30+390 ata o p.q. 31+520 en prol do Concello de Abadín.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, despois do acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xaneiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Abadín dun treito da antiga estrada LU-113 desde o p.q. 30+390 ata o p.q. 31+520.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Abadín deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Abadín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xaneiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas