Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2013 Páx. 2840

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural histórico tradicional de Trigal, na parroquia de Santiago de Galegos, concello de Navia de Suarna (Lugo).

O Concello de Navia de Suarna remite novamente o expediente de delimitación do solo do núcleo rural histórico tradicional de Trigal, na parroquia de Santiago de Galegos, e solicita a súa aprobación definitiva ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da LOUG.

Examinada a documentación remitida e vista a proposta elevada pola Subdirección Xeral de Urbanismo, observouse:

I. Antecedentes.

O Concello de Navia de Suarna remite tres exemplares do referido proxecto de delimitación, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Concello de Navia de Suarna carece de instrumento de planeamento xeral, e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

Consta como antecedente resolución da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 22 de xullo de 2011, na cal se determina completar unha primeira versión da delimitación aprobada provisoriamente no 31 de marzo de 2011 cunha serie de prescricións de tipo normativo encamiñadas a mellorar o nivel de regulación e de protección do patrimonio arquitectónico e cultural do núcleo, así como solicitar informe preceptivo do órgano competente en patrimonio cultural, dado o seu interese etnográfico.

Apórtase informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 14 de xuño de 2012 respecto do contido da presente delimitación.

Cumpriuse co trámite de información pública, que foi publicado mediante anuncios no DOG nº 230, do 1 de decembro de 2011 e nos xornais El Progreso (24 de novembro de 2011) e La Voz de Galicia (28 de novembro de 2011) de Lugo.

Consta certificación da secretaría municipal de data 6 de xaneiro de 2012 sobre a exposición pública do proxecto, e que no devandito período non se presentou alegación ningunha.

Na certificación expedida pola secretaría municipal con data do 30 de xullo de 2012, consta o acordo de aprobación provisional da delimitación adoptado polo pleno na súa sesión do 26 de xullo de 2012.

II. Análise e consideracións.

Proponse a delimitación do asentamento poboacional de Trigal, entendido como núcleo rural histórico tradicional (o proxecto asume a aplicación dos requisitos de delimitación establecidos no artigo 13.3.a) da LOUG), tipo ao cal corresponde o presente núcleo.

A entidade poboacional de Trigal conta con topónimo recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000) e no Censo de poboación e vivendas do Instituto Nacional de Estatística (como diseminado, con 7 vivendas).

Dentro da superficie total delimitada, dunhas 1,5 ha, diferénciase o sistema viario público actual –determinando as aliñacións que o define– e 6 zonas de núcleo rural histórico tradicional, as cales representan unha superficie neta global de 1,394 ha.

O proxecto xustifica graficamente o requisito legal de consolidación edificatoria nas áreas de NRHT (artigo 13.3.a) da LOUG) con base en que a superficie ocupada e edificada nos correspondentes ámbitos representa máis da metade, concretamente o 66,66 %, da que se podería ocupar ou edificar consonte os parámetros de ocupación e de edificabilidade propostos de acordo co método gráfico establecido na Instrución 4/2011, do 12 de abril.

O proxecto identifica varios bens de interese etnográfico: cinco hórreos ou cabazos, tres pallozas e un pombal, protexidos pola lexislación sectorial vixente en materia de patrimonio cultural, e inclúese unha ficha de catálogo conxunta para os hórreos e as pallozas, e outra para o pombal.

Na nova versión da delimitación establécense normas reguladoras da edificación axeitadas ás características tipolóxicas das edificacións existentes no núcleo.

Inclúense fichas de catálogo para os elementos patrimoniais, cuxo contido se completa cos datos indicados, e defínese o seu contorno de protección.

Incorpórase na normativa cales actos de uso do solo, actividade ou edificación precisan informe da Consellería de Cultura.

Introdúcense ordenanzas coa regulación de aliñacións, peches de parcelas, segregacións, ocupación, materiais de carpintaría, ocos, vexetación, canos e baixantes.

Recóllense na normativa do proxecto de delimitación criterios protectores relativos aos peches tradicionais, predominando a conservación destes sobre aliñacións gráficas definidas.

En xeral, cúmprense as observacións contidas na anterior resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 22 de xullo de 2011.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004), e a Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural corresponde á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

1º Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Trigal, na parroquia de Santiago de Galegos, concello de Navia de Suarna (Lugo).

2º Contra a presente resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se for o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

3ª Notifíquese esta resolución ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2012

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file