Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Luns, 21 de xaneiro de 2013 Páx. 1648

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 9/2013, do 10 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada LU-143 Celeiro (LU-862)-porto de Celeiro a prol do Concello de Viveiro.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais, ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os dous organismos.

Rematado o convenio asinado o día 17.11.2006 entre a extinta CPTOPT e o Concello de Viveiro para levar a cabo a reposición de firme e construción de beirarrúas na rúa Lavandeiras, cómpre transferir a estrada LU-143 Celeiro (LU-862)-porto de Celeiro cunha lonxitude de 870 metros.

Ao amparo das previsións legais, Portos de Galicia, por afectar terreos do porto de Celeiro, remite informe de conformidade ao cambio de titularidade, e a Área de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas emite informe favorable sobre o cambio de titularidade do seguinte treito:

• LU-143 Celeiro (LU-862)-porto de Celeiro cunha lonxitude de 870 metros.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xaneiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Viveiro da estrada autonómica LU-143 Celeiro (LU-862)-porto de Celeiro cunha lonxitude de 870 metros.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Viveiro deberá incorporar ao seu Plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase, no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Viveiro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas