Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2013 Páx. 1406

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 12 de decembro de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de renovación da autorización ambiental integrada presentada por Ferroatlántica, S.A. para a fábrica de silicio metal, localizada no concello de Arteixo (clave do expediente de renovación 2012-IPPC-M-103).

Con data do 11 de abril de 2008 concedeuse a Ferroatlántica, S.A. a autorización ambiental integrada nº 2005/0223_NAA/IPPC_104 para a fábrica de silicio metal, localizada no concello Arteixo (A Coruña). Nesta autorización establécese unha vixencia de cinco anos, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación á titular.

O artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, estipula que transcorrido o prazo de vixencia da autorización esta debe ser renovada e, se é o caso, actualizada. Atendendo ao indicado, e para os efectos previstos no artigo 7.2 do Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada pola solicitante para a renovación da autorización ambiental integrada, constituída polo documento titulado:

– Proxecto básico para a renovación da autorización ambiental integrada da fábrica de produción de silicio de Ferroatlántica, S.A. no polígono industrial de Sabón. Arteixo-A Coruña. Xuño 2012.

– Información adicional para o procedemento de renovación da autorización ambiental integrada (clave exped. renovación: 2012-IPPC-M-103). Novembro 2012.

Co fin de que calquera interesado poida consultalo e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes, o antedito documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

• Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (r/ Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña).

• Concello de Arteixo (praza Alcalde Ramón Dopico, 1, 15142 Arteixo, A Coruña).

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2012

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental