Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2013 Páx. 1349

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 7 de xaneiro de 2013 pola que se regula o procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo.

O artigo 67.3 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, remite ás leis de función pública o establecemento dos termos en que o persoal funcionario pode solicitar a prolongación da permanencia no servizo activo, como máximo ata os setenta anos de idade, e a Administración pública competente deberá resolver de forma motivada a aceptación ou a denegación da dita prolongación.

Así mesmo, o artigo 4 da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, modifica o artigo 49.1 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, establecendo determinados aspectos que se deben ter en conta para conceder ou denegar a prolongación da permanencia no servizo activo como son as razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público, os resultados da avaliación do desempeño da persoa funcionaria así como a súa capacidade psicofísica. Así mesmo, prevese a concesión da prolongación da permanencia na situación de servizo activo por períodos anuais.

O desenvolvemento e a execución do disposto no referido precepto exixen o establecemento de normas de procedemento que permitan a aplicación da dita regulación, de acordo co disposto no propio artigo 49 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que faculta a conselleira ou conselleiro competente para ditar, de ser o caso, as normas complementarias de procedemento, e tendo en conta o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, esta consellería debe ditar as normas correspondentes para o persoal funcionario desta administración pertencente aos corpos e escalas dependentes organicamente desta consellería, sen prexuízo da que funcionalmente lles corresponda, de acordo co artigo 23 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

En virtude do anterior, de conformidade coas atribucións que me confire o artigo 14 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, oída a Comisión de Persoal, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario pertencente a corpos e escalas adscritos á consellería competente en materia de función pública no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das renovacións anuais destas, ata como máximo os setenta anos de idade ou a idade máxima que legalmente se estableza.

2. Esta orde non será de aplicación ao persoal docente, ao persoal investigador ao persoal sanitario nin ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, queda exceptuada a súa aplicación ao persoal funcionario daqueles corpos e escalas que teñan normas específicas de xubilación de acordo co disposto na normativa básica estatal.

Artigo 2. Órgano competente

O órgano competente para resolver as solicitudes de prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario é o titular da consellería competente en materia de función pública, e a tramitación do procedemento será efectuada pola Dirección Xeral da Función Pública.

Artigo 3. Procedemento

1. O procedemento para a concesión da prolongación da permanencia no servizo activo iniciarase por solicitude da persoa funcionaria interesada mediante escrito dirixido á conselleira ou conselleiro competente en materia de función pública. Esta solicitude deberá ser presentada cunha antelación mínima de tres meses e máxima de catro meses á data en que a persoa funcionaria cumpra a idade de xubilación forzosa.

2. Recibida a solicitude, a Dirección Xeral da Función Pública remitirá unha copia á Secretaría Xeral Técnica da consellería ou órgano competente en materia de xestión de persoal da entidade pública instrumental en que a persoa funcionaria estea prestando os seus servizos, que emitirá informe motivado relativo á concesión ou denegación da prolongación da permanencia no servizo activo, no que se deberán ter en conta, os seguintes aspectos:

• As razóns organizativas ou funcionais existentes.

• O rendemento ou os resultados obtidos.

• O absentismo observado durante o ano inmediatamente anterior á data da solicitude.

Á vista deste informe, a Dirección Xeral da Función Pública solicitará ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Administración xeral da Xunta de Galicia a realización dun recoñecemento médico da persoa funcionaria e unha avaliación do posto de traballo deste, e deberá emitir un certificado de aptitude médico laboral relacionado co posto. A non presentación da persoa funcionaria ao recoñecemento médico sen que medie causa xustificada determinará a denegación da prolongación da permanencia no servizo activo.

Así mesmo, a Dirección Xeral da Función Pública poderá solicitar calquera outro informe que xulgue conveniente.

Todos os informes serán emitidos no prazo máximo de dez días, que se contará desde a recepción da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa emisión.

3. De ser o caso, e unha vez instruído o procedemento, a Dirección Xeral da Función Pública concederá un prazo de dez días para que a persoa funcionaria poida alegar e presentar os documentos e xustificacións que xulgue pertinentes.

4. Este procedemento é tamén aplicable ás solicitudes de renovación anual das prolongacións da permanencia no servizo activo, que deberán presentarse cun prazo de antelación mínima de tres meses e máxima de catro meses á data de finalización da prolongación concedida.

Artigo 4. Resolución

1. Unha vez recibidos os informes e, de ser o caso, as alegacións formuladas e os documentos presentados, a conselleira ou conselleiro competente en materia de función pública ditará resolución motivada concedendo ou denegando a prolongación da permanencia no servizo activo ou a renovación anual desta.

A resolución sobre a concesión ou denegación da prolongación da permanencia no servizo activo notificarase á persoa interesada e á Secretaría Xeral Técnica ou órgano competente en materia de xestión de persoal da consellería ou entidade onde presta servizos.

2. Se antes dos quince días anteriores á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa, o órgano competente non dita resolución expresa sobre a prolongación da permanencia no servizo activo, entenderase estimada a solicitude da persoa interesada, para os efectos establecidos no artigo 43 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A prolongación da permanencia no servizo activo denegarase cando a persoa interesada careza do requisito de idade, cando a solicitude se presente fóra do prazo establecido no artigo 3 desta orde, e cando a persoa interesada non compareza no recoñecemento médico sen que medie causa xustificada apreciada polo órgano competente para resolver. Así mesmo, poderá denegarse aínda que os informes sinalados no artigo anterior fosen emitidos con carácter favorable, por razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público.

4. A solicitude da prolongación da permanencia no servizo activo comportará automaticamente a non iniciación do procedemento de xubilación forzosa por idade do interesado.

Artigo 5. Persoal funcionario en situación administrativa distinta á de servizo activo

1. O persoal funcionario que se encontre en situación administrativa distinta á de servizo activo, e que desexe prolongar a súa permanencia nel para cando obteña, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo, poderá facer reserva deste dereito, dirixindo unha solicitude neste sentido á Dirección Xeral da Función Pública, cunha antelación mínima de tres meses á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa.

A data de entrada do escrito a que se refire o parágrafo anterior no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, determinará a non iniciación ou a suspensión do procedemento de xubilación forzosa por idade, que será comunicada á persoa interesada.

En calquera momento, previamente ao reingreso á situación de servizo activo, a persoa interesada poderá solicitar a iniciación ou continuación da tramitación do procedemento de xubilación forzosa por idade.

2. Cando o persoal funcionario que teña reservado o dereito á prolongación da permanencia no servizo activo, solicite o reingreso, e de concorreren os supostos que habiliten para este, a Administración iniciará de oficio o procedemento previsto nesta orde.

Os efectos económicos e administrativos da prolongación da permanencia no servizo activo, que se producirá unha vez reingresada a persoa funcionaria, serán coincidentes coa data de reingreso, determinándose na resolución a data de finalización da prolongación concedida, e aplicándose o procedemento previsto nesta orde cando a persoa funcionaria solicite a renovación anual da prolongación concedida.

Artigo 6. Duración e finalización da prolongación da permanencia no servizo activo

A prolongación da permanencia no servizo activo concederase por períodos dun ano renovables anualmente por solicitude da persoa interesada presentada cun prazo de antelación mínima de tres meses e máxima de catro meses á data de finalización da prolongación concedida, e como máximo ata que a persoa funcionaria cumpra a idade de setenta anos ou a idade máxima que legalmente se estableza.

Se antes de finalizar a prórroga concedida a persoa interesada non presenta a correspondente solicitude no prazo establecido declararase de oficio a súa xubilación forzosa.

Non obstante, a persoa interesada poderá poñer fin á prolongación da permanencia no servizo activo comunicándoo á Dirección Xeral da Función Pública, cunha antelación mínima de tres meses, e indicando a data en que desexa que se produza a súa xubilación, iniciándose o procedemento de xubilación forzosa por idade, a partir da comunicación.

Disposición transitoria única

1. A regulación contida nesta orde é de aplicación ao persoal funcionario a que se refire o seu artigo 1 que na data da entrada en vigor da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, tivese cumpridos os sesenta e cinco anos de idade e permaneza en situación de servizo activo.

Para tal efecto, debe presentar a correspondente solicitude para a súa permanencia no servizo activo cunha antelación mínima dun mes e máxima de tres meses á data en que cumpra o seguinte ano de idade por primeira vez tras a entrada en vigor da dita lei.

Se neste prazo non manifesta a súa vontade de permanecer en servizo activo mediante a presentación da correspondente solicitude procederase á súa xubilación forzosa con efectos da data de cumprimento de anos. No caso contrario, a consellería competente en materia de función pública resolverá expresamente o que proceda.

Non obstante, o interesado poderá poñer fin á prolongación da permanencia no servizo activo comunicándoo á Dirección Xeral da Función Pública, cunha antelación mínima de tres meses, e indicando a data en que desexa que se produza a súa xubilación, iniciándose o procedemento de xubilación forzosa por idade.

2. Ao persoal funcionario a que se refire o artigo 1 desta orde, que se encontre en situación administrativa distinta á de servizo activo, e que con anterioridade á entrada en vigor da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, tivese recoñecido o dereito a prolongar a súa permanencia nel para cando obteña, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo, seralle de aplicación o disposto no artigo 5.2º desta orde.

En calquera momento, previamente ao reingreso á situación de servizo activo, a persoa interesada poderá solicitar do órgano de xubilación a iniciación ou continuación da tramitación do procedemento de xubilación forzosa por idade.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterá a súa vixencia mentres non se dispoña expresamente a súa derrogación, coa excepción daqueles aspectos que deveñan inaplicables por contravir normas de rango superior.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda