Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Martes, 15 de xaneiro de 2013 Páx. 1215

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara de utilidade pública, en concreto, unha instalación eléctrica no concello de Cerceda (expediente IN407A 2012/90-1).

Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a seguir se detallan:

Solicitante: Concello de Cerceda.

Domicilio social: avenida Mesón, 21, 15185 Cerceda.

Denominación do proxecto: LAT de evacuación do parque eólico singular (P.E.S.) de Cerceda (expediente IN661A 2004/2-1).

Concellos afectados: Cerceda.

Características técnicas da instalación:

Liña de media tensión a 20 kV, cunha lonxitude total de 1.375 metros, composta por dous treitos das seguintes características:

Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 807 metros, en condutor tipo RHZ1-RHZ1-2OL 12/20 kV de 95 mm2 Al, coa orixe no centro colector do P.E.S. de Cerceda (UTM X: 540.252/UTM Y: 4.781.710) e final no paso aéreo-subterráneo que se instalará no apoio de formigón tipo HVH 4500/13 que está proxectado instalar no punto de coordenadas UTM X: 540.926/UTM Y: 4.781.602.

Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 568 metros, en condutor tipo LA-110 (94-AL1/22ST1A, segundo UNE-EN 50182), coa orixe no paso aéreo-subterráneo anterior e final no punto de entroncamento coa rede de distribución existente de coordenadas UTM X: 541.293/UTM Y: 4.781.187, propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A.

Resultan os seguintes feitos:

Antecedentes.

Primeiro. Por Resolución do 26 de xullo de 2004 da entón nomeada Consellería de Innovación, Industria e Comercio pola que se publica a relación de solicitudes de autorización de parques eólicos singulares admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004 e a súa modificación do 20 de abril de 2004, admitiuse a trámite o parque eólico singular de Cerceda, para unha potencia de 2,55 MW.

Segundo. Con data do 23 de maio de 2012 (Rexistro Xeral da Xunta de Galicia/Edificio Administrativo Monelos/A Coruña, do 29 de maio de 2012-nº de entrada 85948), o Concello de Cerceda presenta solicitude de autorización administrativa, de aprobación do proxecto de execución e de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións de evacuación da enerxía producida no parque eólico singular de Cerceda (expediente IN661A 2004/2-1) antes citadas e que teñen como finalidade enlazar mediante unha liña eléctrica a 20 kV o centro colector do dito parque eólico co punto de entroncamento coa rede de distribución facilitado pola empresa distribuidora, achegando o preceptivo proxecto técnico das instalacións.

Terceiro. Mediante Resolución do 23 de xullo de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a petición de autorización administrativa, de aprobación do proxecto de execución e de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación denominada LAT de evacuación do P.E.S. de Cerceda, que foi publicada para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no taboleiro de anuncios do Concello de Cerceda (entre o 11 de agosto e o 4 de setembro de 2012), no DOG nº 151, do 8 de agosto de 2012, e nos boletíns oficiais da provincia nº 153, do 13 de agosto de 2012, e nº 161, do 24 de agosto de 2012 (corrección de erros), así como no xornal La Voz de Galicia de datas 6 de agosto de 2012 e 9 de agosto de 2012 (corrección de erros).

Cuarto. Coa mesma data, en cumprimento do procedemento regulamentario, procedeuse ao traslado ás distintas administracións, organismos e, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral da parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo (separatas), neste caso a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Concello de Cerceda e Unión Fenosa Distribución, S.A., coa finalidade de que manifestasen a súa conformidade ou oposición á autorización solicitada e emitisen o condicionado técnico ao proxecto. Recibíndose contestación no prazo regulamentario da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Concello de Cerceda, deuse traslado delas ao promotor, que aceptou os condicionados emitidos. Non téndose recibido resposta de Unión Fenosa Distribución, S.A., unha vez cumprido o prazo determinado nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (en diante Real decreto 1955/2000), esta xefatura territorial estimou como cumprido o trámite para a emisión dos condicionados requiridos e considerou, por omisión, a aceptación da execución da obra proposta polo Concello de Cerceda, de conformidade coa normativa citada.

Quinto. Igualmente, con data do 23 de xullo de 2012, procedeuse a notificar individualmente aos propietarios dos bens ou dereitos afectados pola execución da instalación denominada LAT de evacuación do P.E.S. de Cerceda.

Sexto. Durante a fase de información pública non se recibiron alegacións por parte dos propietarios dos predios que figuran na relación de bens e dereitos afectados anexa á Resolución do 23 de xullo de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña nin por parte das persoas que, sendo ben propietarios ben titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados, fosen omitidos na anterior relación.

Sétimo. Con data do 13 de xuño de 2012 (Rexistro Único da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Edificio Administrativo Monelos/A Coruña, do 15 de xuño de 2012-nº de entrada 97949), o promotor (Concello de Cerceda) achega a esta xefatura territorial copia da resolución da Xunta de Goberno Local do Concello de Cerceda, do 28 de maio de 2012, pola que se procede á aprobación do expediente de contratación da concesión de obra pública do parque eólico singular de Cerceda a favor de Fergo Galicia Vento, S.L., e solicita:

a) Que se acepte a citada sociedade como interlocutor perante a Administración para os efectos da tramitación dos expedientes que afecten as instalacións denominadas parque eólico singular de Cerceda (expediente IN661 2004/2-1) e LAT de evacuación do P.E.S. de Cerceda (expediente IN407A 2012/90-1).

b) Que se continúe coa tramitación do expediente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver este expediente, con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, nos decretos 79/2009, do 19 de abril e 83/2009, do 21 de abril, nos que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta (DOG nº 75 e 77, do 20 e 22 de abril, respectivamente), no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 117, do 17 de xuño), no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG n º 23, do 3 de febreiro de 2011) e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente instruído para os efectos, cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro) e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE nº 310, do 27 de decembro).

Terceiro. Mediante o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

Cuarto. Conforme o disposto no artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, «no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que presenten uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares ou o valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación».

Quinto. Segundo o disposto no artigo 2.1 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas (DOG nº 188, do 25 de setembro) polo que se regula a obriga de sometemento á avaliación do impacto ambiental dos proxectos públicos ou privados consistentes na realización de obras, instalacións ou calquera outra actividade cuxa realización e/ou autorización corresponda á Administración da Xunta de Galicia, a decisión da necesidade de sometemento á avaliación recaería no órgano ambiental que, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, sería a Comisión Galega de Medio Ambiente da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas. Por outra banda, o anexo I a que fai referencia o artigo 1 do citado decreto, recolle as instalacións e/ou actividades que, obrigatoriamente, se encontran suxeitas ao sometemento á avaliación do impacto ambiental. No caso que nos ocupa, comprobouse que a instalación da cal se solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, non figura entre as recollidas no anexo I a que fai referencia o artigo 1 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro.

Sexto. Igualmente, comprobouse que o proxecto da instalación non se atopa entre os supostos previstos nos anexos a que se refire o artigo 3 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, do Ministerio de Medio Ambiente polo que se aproba o texto refundido da Lei de impacto ambiental de proxectos (BOE nº 23, do 26 de xaneiro de 2008).

En consecuencia, examinado o proxecto e os planos parcelarios, nos cales non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, e entendendo que se deu axeitado cumprimento ao procedemento de tramitación disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, e de conformidade coa disposición adicional do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro de 2001), esta xefatura territorial

resolve:

Autorizar administrativamente, aprobar o proxecto de execución e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións correspondentes á LAT de evacuación do P.E.S. de Cerceda, as cales se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, aos condicionados técnicos impostos polos diferentes organismos e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación, coas seguintes consideracións:

– Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións.

– A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– As instalacións recollidas no expediente IN407A 2012/90-1 serán executadas nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

En virtude da resolución da Xunta de Goberno Local do Concello de Cerceda, do 28 de maio de 2012, que non supón un cambio da titularidade das instalacións autorizadas, acéptase a Fergo Galicia Vento, S.L. como interlocutor fronte á Administración para os efectos da tramitación do expediente que afecte a instalación denominada LAT de evacuación do P.E.S. de Cerceda (expediente IN407A 2012/90-1), razón pola que se lle dará traslado da presente resolución.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da presente resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 26 de novembro de 2012

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña