Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 9 de xaneiro de 2013 Páx. 820

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2012, da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, pola que se resolve o procedemento de reavaliación da xefatura da Sección de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Comarcal de Valdeorras, convocado pola Resolución do 20 de setembro de 2012.

A Orde do 6 de xullo de 2011 (DOG nº 144, do 28 de xullo) establece as bases do procedemento para a reavaliación de determinadas xefaturas de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde.

De acordo coa dita orde, e mediante Resolución do 20 de setembro de 2012, da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, iniciouse o procedemento de reavaliación da xefatura da Sección de Obstetricia e Xinecoloxía.

O día 23 de outubro de 2012 tivo lugar o acto de reavaliación, no cal o candidato que se reavaliaba, Sergio José González Palanca, lle expuxo á Comisión o seu informe de actividade do período que se avaliaba, así como o seu proxecto de actividade e programa de obxectivos para os próximos catro anos.

Tras o acto de reavaliación, a Comisión acordou trasladarlle á Xerencia de Xestión Integrada unha proposta motivada favorable á prórroga do dito nomeamento.

Esta Xerencia, de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde; na Orde do 6 de xullo de 2011 (DOG nº 144, do 28 de xullo), pola que se establecen as bases do procedemento para a reavaliación de determinadas xefaturas de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde, e en virtude das competencias que ten atribuídas polo Decreto 311/2009, do 28 de maio (DOG nº 109, do 5 de xuño), polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 28 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro) pola que se desenvolve a estrutura organizativa de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, así como na Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

ACORDA:

Prorrogar por un período de catro anos o nomeamento de Sergio José González Palanca como xefe da Sección de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Comarcal de Valdeorras.

Ao rematar o dito período realizarase un novo procedemento de reavaliación, de conformidade co disposto na Orde do 6 de xullo de 2011.

Contra esta resolución poderase interpoñer, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada perante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Ourense, 13 de novembro de 2012

Eloína Núñez Masid
Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras