Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 9 de xaneiro de 2013 Páx. 856

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada modificación da ampliación da subestación A Fonsagrada 132/20 kV, novo transformador 132/20 kV e sistema 20 kV, no termo municipal da Fonsagrada (expediente IN407 2012/51-2, 8020 AT).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA), con enderezo para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro, 4-1º, 27002 Lugo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 2 de decembro de 2010 esta dirección xeral ditou resolución pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución denominado ampliación da subestación A Fonsagrada 132/20 kV novo transformador 132/20 kVA 12 MVA e sistema de 20 kV, no termo municipal da Fonsagrada, na provincia de Lugo (expediente IN407A 2008/124-2, 7254 AT). As características técnicas básicas desta infraestrutura eléctrica son as seguintes: dotación dun novo transformador de 12 MVA de potencia, con relación de transformación 132/20 kV, que alimentará o novo sistema de 20 kV (formado por 8 celas con illamento SF6: 5 de liña, 1 de transformador, 1 de servizos auxiliares e 1 de medida).

Segundo. O 21 de abril de 2012 a empresa BEGASA presentou solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada modificado da ampliación da subestación A Fonsagrada 132/20 kV novo transformador 132/20 kV e sistema 20 kV; acompañada da preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Este modificado prevé, para a alimentación do sistema de 20 kV, un transformador de 20 MVA de potencia (relación de transformación 132/20 kV) en substitución do transformador de 12 MVA de potencia, previsto no proxecto da citada ampliación.

Terceiro. O 21 de setembro de 2012 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 2 de outubro de 2012 e no Boletín Oficial da provincia do 3 de outubro de 2012.

Cuarto. Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Sexto. O 6 de setembro de 2012 a xefatura territorial emitiu informe favorable con respecto ao proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada modificado da ampliación da subestación A Fonsagrada 132/20 kV novo transformador 132/20 kV e sistema 20 kV, no termo municipal da Fonsagrada (Lugo).

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, asinado polo enxeñeiro industrial Juan Luis Martos Arroyo e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria, con nº 166-2012 e data do 26 de marzo de 2012, e no que figura un orzamento total de 400.728,47 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas