Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 9 de xaneiro de 2013 Páx. 844

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 29 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de renovación da autorización ambiental integrada presentada por Leche Celta, S.L.U. para unha planta de produción de leite e outros produtos lácteos localizada no concello de Pontedeume (expediente de renovación 2012-IPPC-M-67).

Con data do 24 de marzo de 2008 outorgouse a Leche Celta, S.L.U. a autorización ambiental integrada nº 2007/0002_NAA/IPPC_064 para unha planta de produción de leite localizada no concello de Pontedeume (A Coruña). Nesta autorización estableceuse unha vixencia de cinco anos, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación ao titular.

O artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación estipula que, transcorrido o prazo de vixencia da autorización, esta debe ser renovada e, se é o caso, actualizada. Atendendo ao indicado, e para os efectos previstos no artigo 7.2 do Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada polo solicitante para a renovación da autorización ambiental integrada, constituída polos documentos titulados:

– Documento técnico para a tramitación do expediente de renovación da autorización ambiental integrada da planta de produción de leite de Leche Celta, S.L.U., en Pontedeume (A Coruña). Setembro de 2012.

– Resumo non técnico para a tramitación do expediente de renovación da autorización ambiental integrada da planta de produción de leite de Leche Celta, S.L.U., en Pontedeume (A Coruña). Setembro de 2012.

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes, os anteditos documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (r/ Vicente Ferrer, nº 2, 15008 A Coruña).

– Concello de Pontedeume (rúa Real, nº 17, 15600 Pontedeume, A Coruña).

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2012

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental