Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 7 de xaneiro de 2013 Páx. 452

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de decembro de 2012 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Aspace Coruña.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Aspace Coruña con domicilio na rúa O Casteliño, en Osedo, Sada (A Coruña).

Feitos:

1. Luis Alberto Gordillo de Eguilior, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Aspace Coruña foi constituída en escritura pública outorgada en Sada (A Coruña), o 24 de xullo de 2012, ante o notario Andrés Cancela Ramírez de Arellano, co número de protocolo 1.112, pola Asociación de Padres de Niños Paralíticos Cerebrales (Aspace), que actúa representada polo seu presidente Antolín Manuel Rodríguez Martínez.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

Tutela directa: exercer a tutela, curatela e representación dos beneficiarios, que lle sexa atribuída á Fundación polos medios previstos na lexislación vixente, para o cal poderá e deberá procurar a integración das persoas tuteladas no seu propio medio social; proporcionar a integración persoal da persoa tutelada, velando polo seu coidado, rehabilitación e recuperación, facilitándolle os recursos asistenciais ou non asistenciais dispoñibles, e orientar e asesorar as persoas que exerzan funcións tutelares ou auxiliares da tutela.

Incidencia: promover a sensibilización social para fomentar o respecto aos dereitos das persoas incapacitadas xudicialmente e a súa maior e mellor integración e normalización na sociedade.

A actuación da Fundación será sempre subsidiaria da que lle corresponde aos familiares e parentes do incapacitado e, en todo caso, promoverá a integración familiar do tutelado dentro das condicións que garantan a súa estabilidade, custodia e atención de todo tipo.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Luis Alberto Gordillo de Eguilior, como presidente; Eulogio López Río, como secretario; e Antolín Manuel Rodríguez Martínez, Ángeles Rouco Monterroso, Jacinto Sánchez Peñasco, Juan José Sánchez Arévalo e Ernesto Anido Varela (alcalde-presidente do Concello de Sada), como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Aspace Coruña, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación cumpre os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de decembro de 2012,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Aspace Coruña, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza