Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Venres, 4 de xaneiro de 2013 Páx. 346

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 13 de decembro de 2012 sobre a modificación puntual da normativa urbanística das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Ares.

O Concello de Ares solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ares conta na actualidade cunhas normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal vixentes, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 4.12.1978. O PXOM aprobado o 26.3.1999 foi anulado polas sentenzas do TSXG do 23 de outubro de 2003 e do TS do 14 de novembro de 2007.

2. Esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mediante Orde do 24.1.2012, aprobou definitivamente a modificación puntual das NSPM de Ares, que comprende 6 modificacións puntuais en canto ás súas epígrafes denominadas modificación segunda, cuarta, quinta e sexta; deixando sen aprobar as denominadas modificacións primeira (normativa urbanística) e terceira (reordenación das vías en Redes).

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria emitiu, con data do 30.7.2012, un informe favorable sobre a modificación primeira, que inclúe determinacións sobre o núcleo de Redes, que establece condicións.

4. No expediente constan os informes preceptivos xurídico e técnico, conxuntos do secretario e do técnico municipal, con data do 22.10.2012.

5. O proxecto de modificación puntual foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 25.10.2012.

6. O Concello remitiu, mediante escrito do 9.11.2012 (rexistro de saída número 1989 do 12.11.2012), un exemplar do expediente administrativo e tres exemplares do proxecto con dilixencias de aprobación provisional, que tiveron entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia do edificio administrativo de Monelos, na Coruña, o 13.11.2012.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación puntual afecta aliñacións e rasantes, alturas e outras condicións:

– Mantéñense as rasantes existentes nas vías existentes.

– Na ordenanza A. Edificación cerrada redúcense os fondos edificables en rúas de sección de 6 a 11 metros, de 16 a 14 metros e auméntase a altura de cornixa nas rúas de sección de 8 a 11 metros, de 12 a 12,50 metros.

– Na ordenanza denominada B. Edificación aberta limítase a 65 metros a lonxitude de fachada de bloques e edificacións con medianil común. Ademais, a separación entre edificios será dun terzo da súa altura, cun mínimo de 3 metros, e a altura das edificacións axústase á da Ordenanza de edificación cerrada, agás en rúas de máis de 8 metros de sección, onde a altura será de 12 metros no canto de 12,50 metros.

– Na ordenanza denominada C. Parque urbanizado elimínase a posibilidade de acaroar as vivendas unifamiliares.

– Nas ordenanzas D. Servizos comunitarios, E. Escolar-cultural e F. Deportivo-recreativo, as condicións de edificación regularanse pola ordenanza da zona.

– Na ordenanza H. Parques e xardíns admítense instalacións descubertas deportivas e pequenas instalacións cubertas. En solo urbano poderase empregar o subsolo para uso público de aparcadoiro e infraestruturas e servizos técnicos.

– As aliñacións e rasantes en zonas xa consolidadas serán as existentes.

– As dimensións dos voos redúcense (7 % do largo da vía, de 7-12 metros, e 1 metro se se superan os 12 metros).

III. Análise e consideracións.

Unha vez analizado o documento e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

Esta modificación puntual, primeira da normativa urbanística, exclúe as alteracións que atinxen o núcleo de Redes que se incluían no documento que foi obxecto da Orde do 24.1.2012, e que motivaron a non aprobación, pois carecían de informe da Dirección Xeral de Patrimonio, e mantén as demais determinacións do proxecto anterior.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da LOUG e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co punto 7.a) do artigo 85 da LOUG, aprobar definitivamente a modificación puntual da normativa urbanística das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Ares.

Segundo. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas