Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Xoves, 3 de xaneiro de 2013 Páx. 157

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de decembro de 2012 pola que se clasifica de interese para a promoción, o fomento e a difusión da lingua e da cultura galegas a Fundación Padroso.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Padroso con domicilio no lugar de Padroso, en Xunqueira de Ambía (Ourense).

Feitos:

1. Bieito Ledo Cabido, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Padroso foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o 2 de agosto de 2012, ante o notario José Luís Prieto Fenech, co número de protocolo 1175, entidade Ir Indo Edicións, S.L., representada por Bieito Ledo Cabido que tamén actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– Con carácter xeral, a defensa e promoción da lingua e cultura galegas en todas as súas vertentes;

– A conservación, arquivo e divulgación do fondo editorial de Ir Indo Edicións;

– A promoción do Camiño de Santiago, particularmente a Ruta da Prata;

– O fomento da creación literaria;

– Promoción e divulgación do medio rural de Galicia;

– Dinamización do turismo cultural.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Bieito Ledo Cabido, como presidente; María dos Ángeles Vázquez Rodríguez, como vicepresidenta primeira; Bieito Ledo Vázquez, como vicepresidente segundo; Anadía Ledo Vázquez, como vicepresidenta terceira; Antonio Pulido Nóvoa, como secretario; e Xelasio Xosé Suárez Santiso, como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a promoción, o fomento e a difusión da lingua e da cultura galegas da Fundación Padroso, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese para a promoción, o fomento e a difusión da lingua e da cultura galegas e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación cumpre os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 10 de decembro de 2012,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a promoción, o fomento e a difusión da lingua e da cultura galegas a Fundación Padroso, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza