Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2012 Páx. 48086

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 20 de decembro de 2012 pola que se organiza e se atribúen funcións á Inspección dos Tributos no ámbito de competencias da Área de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia.

O artigo 24 do Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto, establece que corresponden á Área de Inspección Tributaria da dita Axencia as funcións de inspección tributaria previstas no artigo 141 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda, sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto no mesmo estatuto, se deban entender atribuídas a outros órganos ou unidades. A presente orde desenvolve a función que o decreto creador da Axencia Tributaria de Galicia lle encomenda.

A organización e distribución de funcións que esta orde aborda vén determinada por dous factores: en primeiro lugar, pola modernización dos procedementos, sobre todo coa introdución progresiva nos últimos anos das novas tecnoloxías, e en segundo, pola idea da flexibilización na asignación dos seus recursos como forma de aumentar a eficiencia no seu funcionamento. Baixo estas dúas premisas supérase a ríxida distribución de funcións entre órganos, tanto desde un punto de vista material como territorial.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Órganos da Inspección dos Tributos

1. As funcións da Inspección dos Tributos, no ámbito de competencias da Axencia Tributaria de Galicia, serán exercidas polos seguintes órganos:

a) Na esfera central, pola Área de Inspección Tributaria, que contará co Departamento de Inspección Tributaria.

b) Na esfera territorial, polas unidades de Inspección Tributaria integradas dentro das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia, sen prexuízo das que teñen atribuídas os titulares das delegacións da Axencia en relación coa superior xefatura e coordinación entre os distintos departamentos e unidades.

2. Para os efectos do disposto no Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos e do disposto nesta orde, terán a consideración de órganos de inspección tributaria todos os órganos a que se refire o número 1 anterior, así como as unidades integradas neles.

Artigo 2. Funcións e estrutura

1. A Área de Inspección Tributaria, ademais das que se establecen no número 2 deste artigo para cada unha das unidades en que se organiza, teñen atribuídas as seguintes funcións, no ámbito dos tributos da súa competencia:

a) A análise e proposta dos plans de inspección e de control tributario, así como a proposta de medidas e métodos de actuación para a detección e loita contra a fraude fiscal.

b) Coordinar as actuacións das unidades de inspección.

c) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de inspección tributaria.

d) A elaboración do sistema de información e estatística relativa aos resultados das actuacións de inspección tributaria.

e) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

2. As funcións de inspección tributaria previstas no artigo 141 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, serán desenvolvidas, con carácter xeral, polo Departamento de Inspección Tributaria e as unidades de Inspección Tributaria, de acordo cos seguintes criterios:

a) O ámbito de actuación do Departamento de Inspección Tributaria está constituído preferentemente polas actuacións inspectoras de comprobación e investigación que revistan especial complexidade, tales como as que tivesen por obxecto grandes patrimonios ou grupos económicos, así como actuacións coordinadas de carácter vertical, entidades pertencentes a un determinado sector, subsector económico ou actividade económica ou aquelas cuxo importe económico sexa significativo, sen prexuízo de que poidan desenvolver outras actuacións que lles encomende o xefe de área.

Para as funcións establecidas no parágrafo anterior, o Departamento de Inspección Tributaria configurarase en unidades centrais de inspección, que poderán estar integradas polo xefe de unidade, os funcionarios das escalas superior ou técnica de finanzas e demais persoal que en cada momento determine o xefe de área de Inspección Tributaria.

b) As unidades de Inspección Tributaria realizarán as actuacións inspectoras de comprobación e investigación distintas das recollidas no número 2.1 e sen prexuízo de que poidan desenvolver outras actuacións que se lles encomenden.

As unidades de Inspección Tributaria poderán estar integradas polo xefe de unidade, subxefe de unidade, os funcionarios das escalas superior ou técnica de finanzas e demais persoal que en cada momento determine o xefe de área de Inspección Tributaria.

Nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia poderán constituírse, por acordo do xefe de área de Inspección Tributaria, equipos de inspección formados polo número de funcionarios da escala técnica de finanzas que en cada caso se determine, designándose un deles como xefe de equipo, que poderán realizar totalmente e ultimar actuacións inspectoras subscribindo as actas correspondentes con respecto aos feitos impoñibles e límites cuantitativos que estableza por resolución o director da Axencia Tributaria.

Artigo 3. Competencia territorial

1. A Área de Inspección Tributaria estenderá a súa competencia ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e as unidades en que aquela se organiza poderán, calquera que sexa a súa sede, desenvolver as súas actuacións en todo este ámbito territorial. Cando as actuacións se desenvolvan fóra do ámbito territorial da Delegación da Axencia Tributaria en que radique a sede da unidade actuante será de aplicación o disposto no artigo 184 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos.

2. Por defecto, as unidades de Inspección Tributaria integradas dentro das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia serán as competentes para realizar as actuacións inspectoras de comprobación e investigación dos feitos impoñibles cuxa competencia corresponda ás delegacións a que estean adscritas, de acordo co ámbito territorial fixado por orde da consellería competente en materia de facenda e cos puntos de conexión establecidos nas leis de cesión, cando se trate de tributos cedidos, ou o lugar de realización da actividade cando se trate de tributos propios.

3. O xefe da Área de Inspección Tributaria determinará os supostos a que se refire o punto 2.a) do artigo 2, así como os casos en que as unidades de Inspección Tributaria realicen actuacións inspectoras de comprobación e investigación con ámbito territorial distinto ao establecido no punto anterior.

Artigo 4. Os inspectores xefes

1. Teñen a consideración de inspector jefe o xefe da Área de Inspección Tributaria, o xefe do Departamento de Inspección Tributaria e os inspectores xefes adxuntos deste departamento. No suposto establecido no terceiro parágrafo do punto 2.b) do artigo 2, por delegación dun inspector xefe, poderá exercer estas funcións un xefe de unidade, que ditará os actos de liquidación e imposición de sancións que procedan como consecuencia das actuacións realizadas polo equipo de inspección.

2. Corresponde aos inspectores xefes planificar, coordinar e controlar as actuacións das unidades inspectoras, para lograr unha adecuada utilización dos medios dispoñibles para a maior eficacia das actuacións.

Ademais, corresponde aos inspectores xefes exercer as seguintes competencias:

a) Ordenar o inicio das actuacións de comprobación e investigación, así como o seu alcance e extensión.

b) Acordar a modificación da extensión destas actuacións, a ampliación ou redución do seu alcance, así como a asignación do expediente a un funcionario, equipo ou unidade distinto.

c) Ditar as liquidacións polas que se regularice a situación tributaria do obrigado, así como os demais acordos que poñan termo ao procedemento de inspección e ao procedemento de comprobación limitada.

d) Realizar os requirimentos individualizados de obtención de información, excepto naqueles casos en que a normativa vixente atribúa a dita competencia a outros órganos.

e) Autorizar o inicio dos expedientes sancionadores naqueles casos en que a normativa regulamentaria exixa a dita autorización e ditar os actos de imposición de sanción.

f) Realizar actuacións de comprobación e investigación cando así o acorde o xefe de área.

h) Calquera outra competencia e función que lles atribúa a normativa legal e regulamentaria e demais disposicións que sexan de aplicación.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade actuará da seguinte maneira:

a) O director da Axencia Tributaria de Galicia designará o substituto do xefe de área de Inspección Tributaria.

b) O xefe de área de Inspección Tributaria designará o substituto do xefe do Departamento de Inspección Tributaria e dos inspectores xefes adxuntos.

Artigo 5. Criterios de actuación das unidades e equipos de inspección

1. Criterios xerais de actuación das unidades de inspección

a) As actuacións inspectoras serán desenvolvidas polas unidades ou equipos en que se estruturan os órganos a que se refiren os puntos anteriores.

b) As actuacións das unidades ou equipos deberán ser ordenadas e dirixidas en todo caso polos xefes de unidade ou equipo, e serán practicadas directamente por estes ou polo persoal integrado nelas.

Os xefes de unidade ou equipo realizarán as actuacións inspectoras na súa totalidade ou en parte e distribuirán entre os membros da súa unidade ou equipo as demais actuacións que teñan asignadas, dirixindo e controlando a correcta execución destas e asumindo o cumprimento dos obxectivos encomendados á unidade ou equipo.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos xefes de unidade ou equipo, serán substituídos por quen para tal efecto designe o xefe de área de Inspección Tributaria.

c) No marco de cada unidade ou equipo de inspección tributaria, o persoal integrado nela desenvolverá as actuacións que dispoña o xefe de unidade ou equipo, atendendo ás instrucións que, se é o caso, dite o director da Axencia Tributaria de Galicia.

2. Actuacións relativas a posibles delitos contra a Facenda pública.

No suposto de que unha unidade ou equipo considere que a conduta do obrigado tributario puidese ser constitutiva de delitos contra a Facenda pública, absterase de seguir o procedemento administrativo, que quedará suspendido, e remitirá as actuacións practicadas coas dilixencias en que consten os feitos e circunstancias que, ao seu xuízo, determinan a posible responsabilidade penal e un informe preceptivo sobre a presunta concorrencia nos feitos dos elementos constitutivos do delito ao inspector xefe.

Á vista da documentación recibida e dos informes que considerase oportuno solicitar, o inspector xefe, se aprecia a existencia dun posible delito, deberá remitir o expediente ao xefe de área de Inspección Tributaria.

O inspector xefe competente poderá ordenar completar o expediente con carácter previo a decidir sobre a súa remisión ou non ao xefe de área de Inspección Tributaria.

Se o inspector xefe non aprecia a existencia dun posible delito, devolverá o expediente ao órgano que llo tivese remitido ou a outro distinto para que o ultime en vía administrativa.

Unha vez recibida a documentación, o xefe de área de Inspección Tributaria, logo de informe da Asesoría Xurídica, someterá ao director da Axencia Tributaria de Galicia a posibilidade de remisión do expediente á xurisdición competente ou ao Ministerio Fiscal, ou a devolución deste, segundo aprecie ou non a posible existencia de delito.

Artigo 6. Sinatura de documentos e asignación de sinatura

1. Sinatura de dilixencias.

As dilixencias da Inspección dos Tributos serán subscritas por quen practique as actuacións das que resulten os feitos ou circunstancias que se reflictan naquelas, ou ben polo xefe de unidade ou o actuario designado para o efecto que interveña na práctica de tales actuacións dirixindo estas.

2. Sinatura de actas.

As actas da Inspección dos Tributos serán asinadas polo xefe da unidade que realizase as actuacións de comprobación e investigación, sen prexuízo tanto do establecido no parágrafo terceiro do número 2 do artigo 2 como do sinalado no artigo 54.3 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, no caso de actuacións de colaboración coa Axencia Estatal de Administración Tributaria no imposto sobre o patrimonio.

3. Asignación de sinatura das propostas de regularización.

a) A asignación de sinatura supón a autorización do xefe de unidade para que o actuario que tivese desenvolvido a totalidade das actuacións previas á formalización das actas poida asinalas co obrigado ou o seu representante. O outorgamento da asignación de sinatura implica que o xefe de unidade expresa a súa conformidade co contido das actas.

b) A asignación de sinatura outorgaraa o xefe de unidade atendendo ás instrucións que, se é o caso, dite o director da Axencia Tributaria de Galicia. Sen prexuízo do exercicio das funcións de dirección e control que corresponden ao xefe de unidade durante o desenvolvemento das actuacións de comprobación e investigación, a asignación de sinatura só procederá tras efectuar unha análise detallada do contido da proposta de regularización, os documentos, probas e alegacións que consten no expediente e as precisións que, se é o caso, requira o xefe de unidade do actuario. Se o xefe de unidade non estivese conforme coa proposta de regularización sometida á súa consideración por entender que non é correcta, asumirá el a sinatura das actas en que se documente a proposta de regularización que considere procedente, que serán redactadas de acordo coas súas instrucións.

c) A asignación de sinatura debe ser anterior ou simultánea á subscrición da acta e achegarase a esta.

4. Outros documentos.

Os funcionarios da Inspección dos Tributos procederán, igualmente, a emitir cantas comunicacións e informes sexan preceptivos. No suposto de que estes últimos deban ser emitidos por unha unidade, serán subscritos polo xefe desta.

A sinatura dos acordos de inicio e propostas de resolución dos procedementos sancionadores iniciados como consecuencia dun procedemento de inspección corresponderá ao xefe de unidade ou funcionario que subscribise ou vaia subscribir as actas, sempre que o inicio e a tramitación correspondan á mesma unidade que desenvolvese ou estea a desenvolver as actuacións de comprobación ou investigación. Noutro caso, corresponderá a sinatura do acordo de inicio e a proposta de resolución do expediente sancionador ao xefe de unidade ou funcionario que fose designado polo inspector xefe.

A sinatura do acordo de inicio e da proposta de liquidación ou resolución dos procedementos de comprobación limitada ou de declaración de responsabilidade tramitados polas unidades de inspección corresponderá ao xefe destas.

Disposición transitoria. Réxime transitorio dos procedementos

As actuacións iniciadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde seguirán tramitándoas as unidades de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia que tivesen a súa sede na mesma localidade que o Servizo de Inspección Tributaria que as estivese a tramitar. Os inspectores xefes dos ditos procedementos serán substituídos polos sinalados no artigo 4 desta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 5 de febreiro de 1997 pola que se desenvolve o Regulamento xeral da inspección dos tributos no ámbito da competencia da Dirección Xeral de Tributos.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda